Máis de 7000 persoas traballarán este ano na prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

Máis de 7000 persoas traballarán este ano na prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia

O Consello da Xunta aprobou na súa reunión deste venres o Plan de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia (Pladiga 2020), tras o seu paso polo Consello Forestal de Galicia. Dende o goberno galego destacan que este plan ten como obxectivo xeral o de reducir ao máximo posible, tendo en consideración os recursos dispoñibles, as consecuencias ecolóxicas, económicas e sociais producidas polos incendios forestais na comunidade.

O Pladiga 2020 mantén, en liñas xerais, o esforzo en materia de medios e persoal de loita contra o lume, incorporando algunhas novidades importantes, como son a súa adaptación ás condicións establecidas pola emerxencia sanitaria a causa da covid-19 e, especialmente, a implementación dun completo e detallado plan de prevención. Así, o dispositivo humano é moi semellante ao de anos anteriores, pero con maior presenza temporal dos efectivos sobre o territorio, xa que o persoal fixo descontinuo permanecerá despregado seis meses, un máis que na anterior campaña.

O operativo estará integrado en total por máis de 7.000 persoas, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta como os adscritos a outras administracións, que terán á súa disposición 360 motobombas, entre outros medios terrestres. Con respecto aos medios aéreos, o Pladiga 2020 ten entre as súas novidades a dotación de maior capacidade de transporte de auga e a incorporación dun total de dez drons, tanto para vixilancia e disuasión como para prestar apoio á extinción.

No que respecta á adaptación do Pladiga á emerxencia sanitaria, o documento ten en conta os protocolos necesarios para permitir o traballo do persoal en condicións óptimas de seguridade e hixiene. Así, a Consellería do Medio Rural estableceu máis dunha ducia de instrucións e protocolos para os profesionais do Servizo, con esa finalidade. A implementación destas guías e protocolos foi trasladada tamén aos representantes dos traballadores en diferentes reunións de traballo e integrada no Pladiga 2020.

Prevención

A prevención ocupa, así mesmo, un lugar destacado no Pladiga 2020, cun plan monográfico que foi aprobado polo Goberno galego o pasado día 8 de maio e que suporá un investimento de 30,5 millóns de euros para actuar, con traballos preventivos, en preto de 46.000 hectáreas e en case 5.800 quilómetros de pistas e estradas. Ademais, prevé a construción de 121 novos puntos de auga e o mantemento dos 3.207 xa existentes, entre outras medidas.

A través desta planificación preventiva recóllense, sobre todo, accións sobre o territorio, que se concretan en traballos silvícolas preventivos, na creación e mellora de infraestruturas de defensa e en intervencións de mellora da xestión forestal e das súas producións que redunden nun incremento do valor do monte, incidindo sobre todo na defensa das vivendas fronte ao lume. Unhas actuacións que se iniciaron o pasado luns 18 de maio e que se prolongarán, en principio, ata o 13 de xullo, sempre que o permitan as condicións climatolóxicas.

Dentro do Pladiga 2020 actualízase tamén a información relativa ás Parroquias de Alta Actividade Incendiaria (PAAI). Neste caso, o número delas redúcese este ano en máis do 60%, ao pasar das 71 existentes no 2019 a 28 este ano. Esta cifra axústase cada ano en función de criterios técnicos, relacionados ou ben co número de lumes rexistrados nestas parroquias ou ben coa súa virulencia.

En canto ás melloras tecnolóxicas, o Pladiga 2020 potencia as aplicacións informáticas coas que conta o persoal do servizo para a loita contra o lume. Así, intégranse novas funcionalidades, como a visualización actualizada de imaxes vía satélite, a compartición de pantalla entre varios usuarios ou a implementación de shapes (formas, siluetas) provisionais de evolución do lume.

Ademais, tamén se contará con información en tempo real, para a xestión dun incendio sobre o territorio, nas propias tablets das que dispoñen actualmente os axentes e técnicos. Inclúense datos cartográficos actualizados como puntos de auga, límites administrativos ou espazos protexidos, así como busca de topónimos e puntos quilométricos, localización GPS dos recursos asignados, rutas de acceso seguidas polos primeiros recursos en chegar, información da evolución do lume e fotografía xeorreferenciada ou capacidades de edición para indicar puntos de encontro, devasas, perímetros provisionais do lume, etc.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información