Máis de 200 viños participan na XXVIII Cata Oficial dos Viños de Galicia

Publicidade
Máis de 200 viños participan na XXVIII Cata Oficial dos Viños de Galicia

Máis de 200 mostras de viños participan a partir de hoxe na XXVIII cata oficial dos viños e augardentes e licores tradicionais de Galicia, que se celebra no CIFP Compostela de Santiago. A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, asistiu hoxe ao inicio deste certame e destacou o gran potencial vitivinícola galego, así como a diversidade de variedades de viño existentes na nosa comunidade.

Dende o ano 1989 Consellería do Medio Rural, a través do Servizo de Promoción da Calidade Agroalimentaria e en colaboración cos Consellos Reguladores de viños, augardentes e licores da nosa Comunidade, organiza este evento de recoñecido prestixio a nivel nacional, co fin de dar a coñecer os viños que cada ano alcanzan un maior nivel de calidade e que xa son indispensables nas mellores mesas de todo do mundo.

No certame existen tres categorías de participación. A industrial, onde a partida mínima homoxénea e de 5.000 litros. A de viños de colleiteiro e de pequenas adegas, onde as existencias mínimas na adega son de 2.500 litros. E finalmente, o grupo de “viños da terra” onde só se require unha existencia mínima na adega de 1.250 litros. Todas as partidas de viño terán que estar certificadas polo Consello Regulador ao que pertenzan ou ben polo Instituto Galego da Calidade Agroalimentaria (INGACAL).

As adegas participan cun máximo de dúas marcas de viño branco e dúas de tinto, sempre da colleita do ano anterior, é dicir, do 2014 ou ben do 2013 cando estes últimos estivesen en contacto con madeira nalgunha das fases da elaboración. Un comité de doce expertos en análise sensorial realiza a cata de todos os viños. As puntuacións fanse segundo a ficha de degustación da Organización internacional da Viña e o Viño (OVI), onde se ten en conta a fase visual, a olfativa, unha fase degustativa e a harmonía e apreciación global.

Cata oficial dos viños e augardentes e licores tradicionais de Galicia

Nestes días tamén se desenvolve a XVII Cata dos Augardentes, a V Cata dos licores de herbas e café de Galicia e da Augardente Envellecida e a III Cata das Augardentes de Herbas de Galicia. A cata das bebidas espirituosas consta dun proceso moi similar ao das catas de viños.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información