Máis de 2.000 viticultores denuncian en Ourense o “abandono” da Xunta ante os danos das xeadas

Os manifestantes criticaron a “pasividade” da Administración ante unha situación crítica que os deixa sen ingresos para este ano. Reclamaron axudas directas, como as establecidas para o sector lácteo, e a condonación dos pagos á Seguridade Social.

Publicidade
Máis de 2.000 viticultores denuncian en Ourense o “abandono” da Xunta ante os danos das xeadas

Baixo o lema “En defensa do agro: axudas directas pola xeada xa” máis de 2.000 persoas participaron esta mañá en Ourense nunha manifestación para denunciar o que consideran “abandono e pasividade” da Xunta ante os graves danos provocados polas xeadas no viñedo, nos castiñeiros ou no cereal de primavera.

Estes danos deixaron sen colleita de uva e de castaña a moitos produtores, a inmensa maioría sen cobertura de seguros, o que os aboca a unha situación económica crítica, ao quedar este ano practicamente sen ingresos.

Neste sentido, os manifestantes, chegados de toda a provincia de Ourense e tamén da Ribeira Sacra lucense, reclamaron axudas directas, como as establecidas pola Consellería do Medio Rural para o sector lácteo ou para os viticultores da Ribeira Sacra o pasado verán, así como a condonación dos pagos á Seguridade Social, como medidas imprescindibles para evitar que moitos produtores se vexan obrigados a abandonar a actividade agraria.

De momento, a Xunta de Galicia só se avén a conceder créditos con baixo tipo de interés ou axudas para a replantación de viñedo, unhas medidas que os viticultores ou produtores de castaña consideran insuficientes e ineficaces.

A marcha, convocada por organizacións agrarias e asociacións de produtores, partiu pasadas as 11 horas dos Remedios e discorreu polas rúas de Ourense ata rematar diante da Delegación da Xunta na capital ourensá, onde se deu lectura a un manifesto.

Reclaman axudas directas, como as establecidas para o sector lácteo, e a condonación dos pagos á Seguridade Social

Unha moza viticultora de Beade, no Ribeiro, deu lectura ás reclamacións dos produtores que pasan por:

-Que a Xunta de Galicia abra un rexistro de afectados polas xeadas, así como da superficie danada, a través das Oficinas Agrarias Comarcais.

-Seguindo o precedente das axudas da Consellería para os danos da saraiba na Ribeira Sacra o pasado ano, posta en marcha con urxencia dunha liña de axudas directas por superficie afectada polas xeadas, para sufragar en parte os traballos de recuperación e mantemento dos viñedos afectados.

-Condonación nas cotas á Seguridade Social dos traballadores autónomos durante un período non inferior a 6 meses, así como que se solicite ao Ministerio de Facenda e Administracións Públicas a posta en marcha dunha rebaixa aplicable no IRPF.

-Que a Xunta de Galicia, a través do IGAPE, poña a disposición dos afectados unha liña de créditos, sen custes de tramitación e a interese cero, que permitan paliar a perda de ingresos e as necesidades de liquidez. Tamén que para os colleiteiros e viticultores e agricultores que teñan préstamos con entidades bancarias, que se negocie unha moratoria na devolución dos mesmos.

-Que a Xunta de Galicia traballe nunha mesa de negociación co sector e coas compañías aseguradoras para facer posible a existencia dunha oferta de seguros adaptada e eficaz para as producións vitícolas de Galicia.

Galería de imaxes da manifestación:

Os sindicatos advírtenlle que a única solución a esta crise son as axudas directas

Os sindicatos agrarios convocantes desta mobilización (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego e a Fruga) insisten en que a única medida eficaz para facerlle fronte a esta situación excepcional na que moitos viticultores e produtores de castaña se quedaron sen colleita para este ano son as axudas directas, unha medida que permite a lexislación europea cun máximo de 15.000 euros por explotación.

Así, o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García, lembrou antes de iniciar a marcha que “o problema é que máis de 2.000 familias que viven do sector do viño ou da castaña van quedar, na súa maioría sen ningún tipo de ingreso este ano”.

Neste sentido, cualificou de “insultante” que a Consellería do Medio Rural propoña como solución habilitar créditos brandos, “unha solución para as adegas que se queden sen uva, pero non para os viticultores, xa que non van ter ningún tipo de ingreso”.

Parente (Slg): “O problema é que moitos viticultores non van ter ingresos este ano. A solución son as axudas directas”

“A única saída son as axudas directas á renda e que se condonen os pagos á Seguridade Social”, concluíu Roberto García.

Pola súa parte, o representante do Sindicato Labrego Galego en Ourense, Xosé Manuel Parente, reiterou que “as medidas propostas pola Xunta non son suficientes, xa que os créditos brandos non van chegar aos viticultores ao careceren de ingresos este ano, e tampouco van ser moi efectivas as bonificacións fiscais cando van ter pouco ou nada que vender”.

“Se de verdade queren apostar polo rural como di Feijóo, esta é unha excelente ocasión para demostralo”, subliñou Parente.

Ao remate da manifestación os representantes dos produtores reuníronse coa delegada da Xunta en Ourense, Marisol Díaz, que lles transmitiu o compromiso da conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, de reunirse con eles na próxima semana.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información