Máis do 60% das adegas de Rías Baixas xa venden os seus viños fóra de España

Publicidade
Máis do 60% das adegas de Rías Baixas xa venden os seus viños fóra de España

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Rías Baixas centrará os seus esforzos en consolidar e ampliar os seus mercados exteriores durante 2018. Así se destacou na mesa de traballo celebrada este venres cunha vintena de adegas no Pazo de Mugartegui.

A directora do Departamento de Mercadotecnia, Eva Mínguez, presentou aos asistentes o plan de promoción exterior desenvolvido durante este ano. Na súa intervención, lembrou a positiva evolución do últimos dez anos: en 2007 eran 22 adegas as que exportaban e na actualidade son 103, sobre un total de 181 adegas inscritas, co que máis do 60% das adegas da DO xa exportan.

Este incremento tamén se viu reflectido nunha maior actividade promocional nos principais mercados da Denominación de Orixe Rías Baixas. Durante este ano desenvolvéronse un total de oito plans promocionais específicos: Estados Unidos, Reino Unido, Alemaña, Benelux, México, Irlanda, Xapón e Polonia.

“Cada ano contamos con maior número de adegas en plans de exportación, o que resulta moi importante para nós. Rías Baixas conta con 181 adegas, é un sector moi atomizado, con estruturas moi pequenas, e sabemos o esforzo que supón vender ao estranxeiro. Por iso, que cada ano se incorporen novas adegas, para nós é un éxito”, afirma Mínguez.

O obxectivo para 2018 é consolidar e incrementar as exportacións, que xa supoñen o 28% das vendas

En canto ao balance de actividades desenvolvidas polo Consello Regulador nos mercados exteriores, Mínguez destacou que a participación nas distintas feiras do sector de referencia propiciaron o interese de 2.450 asistentes, aos que se unen os 635 asistentes a showrooms. Ademais, un total de 88 profesionais do sector (entre importadores, catadores, xornalistas e blogueiros) visitaron este ano a Denominación de Orixe.

Por outra banda, o Consello Regulador tamén puxo en marcha este ano 48 seminarios formativos sobre os viños da Denominación de Orixe Rías Baixas. Estas actividades posibilitaron unha formación específica dirixida a un total de 1.840 profesionais do sector e de distintos países.

De face ao próximo ano 2018 establécense como prioridades a consolidación dos principais mercados exteriores incluídos nos plans específicos de promoción, así como a incorporación de novos destinos de interese para as adegas de Denominación de Orixe. Na actualidade, os viños de Rías Baixas están presentes en máis de 60 países e as vendas no estranxeiro supoñen o 28% da produción total.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información