A madeira queimada segue bloqueada no monte cinco meses despois dos lumes

A Asociación Forestal de Galicia sitúa o problema no retraso das poxas en montes veciñais con convenio coa Administración. Solicitou reunións coa Xunta, así como con todos os grupos parlamentarios

Publicidade
A madeira queimada segue bloqueada no monte cinco meses despois dos lumes

O sector pedira celeridade tras os lumes nas poxas en montes con convenio.

A Asociación Forestal de Galicia segue con preocupación a evolución das poxas de madeira queimada en montes con convenio. Cinco meses despois da vaga de lumes do 14 e 15 de outubro do 2017, case a metade dos lotes de madeira queimada que saíron a subasta quedaron desertos, 47 dun total de 97 no conxunto de Galicia, o 48%. O problema afecta en especial á madeira de piñeiro, que continúa bloqueada no monte.

Para a Asociación Forestal, resulta especialmente preocupante a situación do sur da provincia de Pontevedra, na Zona Demarcada (ZD) polo nematodo do piñeiro, onde o 77% da madeira afectada polos lumes en montes con convenio quedou sen adxudicar, cando esa madeira en ZD tería que estar retirada do monte a 31 de marzo.

O 77% da madeira subastada na Zona Demarcada polo Nematodo quedou sen adxudicar. En teoría, debería estar fóra do monte a 31 de marzo

Os retrasos na saca de madeira dos montes con convenio están a provocar unha grave depreciación da madeira. Medio Rural publicou a pasada semana unha poxa dos lotes desertos en Pontevedra cunha baixada do prezo base de ata o 50%, o que repercute de xeito grave nas comunidades de montes afectadas polos lumes, que ven como perden posibles fondos para encarar a recuperación do monte.

En vista da situación, a Asociación Forestal de Galicia solicitou a pasada semana reunións coa Dirección Xeral de Ordenación e Produción Forestal e con tódolos grupos parlamentarios (PP, En Marea, PsdeG-Psoe e Bng). O obxectivo é abordar nestes encontros a situación tras os lumes e outras preocupacións dos propietarios forestais galegos.

Contexto

Tras os lumes de outubro, a Asociación Forestal de Galicia solicitoulle á Xunta que se paralizasen todas as cortas de madeira sen queimar planificadas nos montes en convenio, co obxectivo de que ese volume de madeira verde non afectase negativamente sobre o prezo de mercado da madeira queimada.

Ademais, a Asociación recalcou nesas reunións a importancia de acelerar o máximo posible a celebración das poxas e pediu que na zona demarcada polo nematado se habilitaran procedementos excepcionais para o aproveitamento desa madeira, mesmo permitindo a venda da mesma por parte da propiedade, tendo en conta que a 31 de marzo do 2018 debería estar toda esa madeira retirada do monte.

Esa é a data na que se estima que comeza o período de voo do insecto vector da praga, que é especialmente activo en árbores decaídas, como as queimadas.

Retrasos das poxas
As poxas de madeira queimada en montes con convenio comezaron a convocarse a finais do 2017, pero a primeira poxa non se celebrou ata o 14 de febreiro do 2018, catro meses despois dos lumes. Este retraso na celebración das poxas provocou que unha gran parte dos lotes de madeira queimada que saíron a poxa quedaran desertos. De feito, dos lotes de madeira queimada que non contiñan eucalipto na provincia de Pontevedra só se adxudicou 1 lote, quedando os restantes 13 desertos.

O retraso das poxas depreciou a madeira e reduciu o seu interese para a cadea industrial

Un dos problemas é que parte da madeira sacada a poxa presentaba xa un deterioro que a invalidaba para aproveitamentos de serra, o que reduciu o interese do sector industrial ao considerar que os prezos de saída non se correspondían co valor real da madeira, que terá que ir para trituración.

Madeira verde
Outra cuestión a ter en conta é que, de xeito simultáneo ás poxas de madeira queimada, sacáronse ó mercado máis de 11.000 metros cúbicos de madeira non queimada de coníferas. Toda esa madeira verde, de cortas de rexeneración, adxudicouse, en tanto só se colocou un 7% dos lotes de piñeiro afectado polos lumes.

Zona demarcada
Na Zona Demarcada do Nematodo, a situación é peor que no resto da provincia, pois quedaron sen adxudicar tódolos lotes que tiñan só coníferas (22.000 metros cúbicos de madeira) e só se colocaron 7 dos 29 lotes que saíron a poxa. Dos 47.588 metros cúbicos de madeira queimada, adxudicáronse só 10.982 metros cúbicos, un 23% do total, en tanto o 77% da madeira quedou sen comprador, segundo a Asociación Forestal de Galicia.

Desde a Asociación Forestal sinalan tamén o contraste que hai entre os montes de xestión propia das comunidades, onde a retirada da madeira queimada está xa avanzada, e os montes con convenio, onde previsiblemente se iniciará nos próximos días a retirada de madeira queimada, sempre naqueles casos en que xa foi adxudicada.

Outros axentes do sector forestal, como o Clúster da Madeira, así como grupos parlamentarios da oposición, teñen manifestado tamén nos últimos días a súa preocupación polo retraso da saca da madeira queimada do monte.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información