A madeira galega deriva en materiais ‘eco’ de futuro

Catro empresas da comunidade presentan nunha xornada as súas innovacións a partir da biomasa. Conservantes naturais, bioplásticos, enmendas agrícolas, espumas e adhesivos ‘verdes’ ou extractos aromáticos, algunhas das posibilidades

A madeira galega deriva en materiais ‘eco’ de futuro

De esquerda a dereita, Soraya Prieto (Tecnalia), Patricia Villaverde (Foresa), Jesús Eirín (Xagoaza Pinaster), Rosa Arcas (Betanzos HB) e José Luis Francisco e Pedro Calvo (Ence).

A biomasa forestal ten un futuro que vai máis alá dos usos tradicionais, centrados nos taboleiros, a madeira sólida e a obtención de celulosa para papel. Empresas galegas da madeira e investigadores das tres universidades de Galicia participaron hoxe en Santiago nunha xornada na que se presentaron innovacións do sector. Bioplásticos, fibras téxtiles, conservantes naturais para a industria alimentaria, enmendas agrícolas ou adhesivos e espumas ‘verdes’ constitúen algunhas posibilidades xa de presente.

As empresas galegas que participaron no evento coincidiron en sinalar que é cuestión de tempo a expansión de solucións sostibles derivadas da madeira, en sustitución de produtos químicos ou derivados do petróleo. A principal dificultade radica en abrirse mercado, ben porque a nivel económico a elaboración das alternativas ‘verdes’ é máis cara que as súas homólogas químicas, ben porque se requiren investimentos na comercialización dos novos desenvolvementos.

O sector detecta unha falta de conexión entre a nacente oferta e a demanda, un dos retos a enfrontar

A economía verde está nos seus inicios, polo que precisa dun progresivo engarzado entre oferta e demanda, ao entender do sector. “É unha cuestión de comunicación entre empresas e de difusión do coñecemento que se vai xerando” -valorou Soraya Prieto, do centro tecnolóxico Tecnalia-. “En ocasións, hai unha empresa que desenvolve un novo produto e apárcao porque se pregunta quen llo vai mercar. Outras veces sucede o contrario. Ensínaselle a unha empresa un novo material que lle pode interesar e a pregunta que fan é que garantías de suministro poden ter dese material, quen llo vai proporcionar”.

A xornada de Santiago, organizada pola Rede Galega de Líquidos Iónicos, contou coa intervención de catro empresas galegas que expuxeron algunhas das innovacións nas que están traballando. Resumimos as súas intervencións.

Rosa Arcas – Betanzos HB

“Elaboramos unha enmenda orgánica e conservantes naturais de alimentos e bebidas, pero fáltanos mercado”

Betanzos HB é unha firma especializada na produción de taboleiro de fibra de alta densidade a partir de eucalipto. Elabora cada ano arredor de 70.000 metros cúbicos de taboleiro, con usos na construción de vivendas, no mobiliario ou en decoración, entre outras posibilidades. Froito do seu proceso de produción, a empresa xera unha fracción líquida residual cun alto contido en lignina e en extractos da madeira. Desde hai anos, a firma impulsou diversos proxectos de innovación para obter co-produtos desa parte residual, na busca de lograr un valor engadido.

xornada biomasa

O seu traballo xa deu froitos e ten no mercado unha enmenda orgánica para a agricultura, así coma conservantes naturais utilizables na industria alimentaria e de bebidas. “Desenvolvimos unha enmenda orgánica baseada en lignina que é ideal para a agricultura mediterránea, pois baixa o pH da terra, que é unha necesidade no Levante e sur español, sen aportación de xofre. O produto apórtalle ademais materia orgánica ó solo. Probámolo no Levante e confirmáronnos que vai moi ben”, explica Rosa Arcas.

Outra das liñas nas que a empresa ten esperanzas é no desenvolvemento de conservantes naturais a partir de extractos da madeira. “Contamos xa con conservantes para a industria alimentaria e de bebidas que poden sustituír a produtos químicos. Por exemplo, ós sulfitos no viño”, sinala a empresaria.

“O problema que temos con todos estes desenvolvementos é que nos falla a parte comercial. Temos bos produtos, pero non atopamos mercado, probablemente porque carecemos da capacidade de adicar suficientes recursos á comercialización das innovacións que xeramos”, valora Rosa Arcas.

A empresa investigou tamén outras liñas, como a produción de bioasfalto a partir da lignina da madeira, “que se demostrou máis resistente e fácil de reparar”, a elaboración de produtos para alimentación animal, derivados dos azucres da madeira, ou a fabricación de deterxentes.

Pedro Calvo – Ence

“Valoramos desde hai anos introducirnos na fabricación de lignina”

Ence basea todo o seu proceso industrial na extracción da celulosa para pasta de papel, en tanto a fracción restante da madeira, principalmente lignina, quéimaa para a obtención de enerxía. A compañía, non obstante, desenvolve proxectos de investigación desde hai anos para valorar posibles usos de valor engadido para a lignina.

“Existiría a posibilidade de montar en Pontevedra unha planta industrial para fabricar lignina, sempre que se resolvesen dous condicionantes. O primeiro, garantías dun mercado de produtos de valor engadido elaborados a partir da lignina. O segundo, os problemas derivados da inseguridade xurídica da nosa ubicación, de todos coñecida”, expuxo Pedro Calvo, responsable de I+D de lignina de Ence, nas xornadas de Santiago.

A compañía xa conta con empresas interesadas nalgúns produtos que pode elaborar con lignina, coma espumas e adhesivos ‘verdes’ para a industria da automoción. O procesado da lignina nunha biorrefinería ofrece ademais numerosas posibilidades de produto final, como bioaceites, composites (bioplásticos) ou a obtención de aromas.

Fibras téxtiles e produtos hixiénicos

A liña de produtos obtida por Ence a partir da celulosa tamén está en fase de cambios, segundo explicou nas xornadas José Luis Francisco, responsable de I+D en celulosa. A compañía anunciou o pasado ano que se introducirá na fabricación de fibras téxtiles e de produtos hixiénicos a partir da celulosa, aumentando así o seu negocio tradicional, que se limitaba á comercialización da pasta de papel.

Patricia Villaverde – Foresa

“Estamos sustituíndo o fenol, un produto químico, por derivados da biomasa”

Foresa, unha industria química do grupo Finsa especializada en resinas e adhesivos, está a introducirse no campo das biorresinas, en sustitución de produtos químicos. “Temos xa unha biorresina na que sustituímos un 50% do fenol, un produto químico, por produtos derivados da biomasa. De cara ó futuro, temos que ver se somos capaces de sustituír o 100%. O comportamento da biorresina é similar, aínda que a súa estabilidade é peor”, valora Patricia Villaverde, de Foresa.

Jesús Eirín – Xagoaza Pinaster

“Procesaremos a resina galega a partir do 2020 nunha planta no Barco de Valdeorras”

Xagoaza Pinaster, un proxecto con base no Barco de Valdeorras, naceu para impulsar o aproveitamento da resina nos piñeirais da provincia de Ourense. O seu obxectivo é procesar a resina que obteña nunha planta que está rematando no Barco de Valdeorras, a fin de comercializar os derivados da resina coas industrias de distintos sectores (química, cosmética, farmacéutica, etc.). Nunha fase futura, a firma, participada maioritariamente por Cedie, mesmo se plantea a elaboración de produtos finais de cara ó consumidor.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información