“A madeira de piñeiro convertirase nun recurso escaso con elevada demanda”

Entrevistamos a Susana Carneiro, directora técnica do Centro Pinus (Portugal), coa que falamos do impacto do nematodo do piñeiro no país veciño e das perspectivas de futuro das coníferas

“A madeira de piñeiro convertirase nun recurso escaso con elevada demanda”

Susana Carneiro, directora técnica do Centro Pinus. / Cedida.

Portugal ten na actualidade a metade de superfície de piñeirais que hai medio século. As coníferas arrastran un declive progresivo, consecuencia en boa medida dos lumes, do abandono ou da expansión do eucalipto. É un escenario ó que hai que sumar a praga do nematodo do piñeiro, que desde o 1999 se estendeu por case todo o país veciño, ata chegar ó sur de Galicia, onde se calcula que a fronte principal da praga entrará no 2021.

Falamos da situación do piñeiro en Portugal con Susana Carneiro, directora técnica do Centro PINUS, unha asociación que agrupa á cadea da madeira portuguesa co obxectivo de poñer en valor o piñeiro bravo, o chamado piñeiro do país en Galicia, unha árbore autóctona á que Susana lle augura un gran futuro, a pesar de todo.

Cal é a situación de mortalidade das árbores nos piñeirais de Portugal polo nematodo?
– En Portugal convivimos co nematodo desde hai 21 anos. Os datos máis recentes do Inventario Forestal Nacional, con cifras do 2015, indican que un 85% dos piñeirais non tiñan mortalidade e só o 1% tiña unha mortalidade elevada.

Sen embargo, se un mira o mapa dos puntos onde se detectou a praga en Portugal, asusta. Case toda a franxa atlántica é unha mancha continua de puntos…

Mapa de zonas con presenza da praga do nematodo.

Mapa de zonas con presenza da praga do nematodo.

– É importante comprender o que significan eses puntos. É suficiente con que exista unha mostra positiva no laboratorio para que toda a división administrativa fique sinalada no mapa. Despois de 22 anos, a doenza está presente na maioría do país, o que non quere dicir que todos os piñeirais estean afectados.

Para comprender mellor, poderiamos comparar coa gripe: por estar un portugués con gripe en todos os concellos non significaría que todos os portugueses estarían coa doenza, a pesar desta poder xurdir en calquera rexión.

Tamén é importante subliñar que na maioría dos piñeirais afectados, morren algunhas árbores todos os anos, pero boa parte das árbores permanece en pé e sen síntomas. As situacións de elevada mortalidade son relativamente raras e acontecen porque o piñeiral xa estaba vello, con outros problemas ou con mala xestión desde hai moito tempo.

“No abandono, inflúen a reducida dimensión da propiedade e a elevada percepción de risco, no que o temor ó lume é máis relevante que o nematodo”

Cal é o comportamento dos propietarios forestais e dos baldios (montes veciñais) nas áreas afectadas?. Está aumentando o abandono da xestión do monte?
– O comportamento dos propietarios é, na xeneralidade, de abandono, tanto nas áreas afectadas como noutras. Este é un problema transversal ao sector forestal, aínda máis grave no piñeiro bravo, pola reducida dimensión da propiedade. En parte, ese abandono débese a unha elevada percepción de risco, no que o temor ó lume é mesmo máis relevante que o nematodo.

Os indicadores forestais de Portugal apuntan a unha regresión continuada dos piñeiros, en parte polo avance do mato e de frondosas caducifolias, froito dun probable abandono da xestión tras corta, e en parte como consecuencia do avance do eucalipto. Como cre que se pode cambiar esa tendencia?
– Apostar pola xestión activa da rexeneración natural é a acción máis importante. Sen esa xestión, esas áreas representan un elevado risco de incendio. Os apoios públicos son moi importantes para incentivar ó propietario a actuar. Por outra parte, tralos incendios do 2017, convertiuse en ilegal o cambio para eucaliptal de terras ocupadas por outras especies.

“Apostar pola xestión activa da rexeneración natural é a acción máis importante. Sen esa xestión, esas áreas representan un elevado risco de incendio”

Que perspectivas de futuro ve para o piñeiro nas áreas afectadas polo nematodo?
– Nas áreas afectadas polo nematodo, en xeral hai todas as condicións para que continúe existindo piñeiro. Se houbese necesidade de realizar unha corta a feito, o que às veces acontece por motivos legais, debe aproveitarse a rexeneración natural, ou, se fose necesario, plantar. O nematodo non ataca piñeirais novos. Coa xestión axeitada, mesmo que o nematodo volva a atacar o piñeiral dentro de 15 ou 20 anos, provocará só unha mortalidade equivalente á dun desbaste e o piñeiral poderá chegar ao corte final do xeito habitual.

Chama a atención o caso da península de Troia, ó sur de Lisboa, que hai 20 anos foi das primeiras zonas en ter impacto do nematodo e que na actualidade semella manter piñeirais cun impacto da praga limitado.
– Tróia, como todos os casos de éxito en Portugal, usaron a mesma estratexia, que está ao alcance de calquera: xestión activa. Controlar o nematodo é tecnicamente simple: vixiar o piñeiral e cortar rapidamente as árbores que presenten síntomas. Demostrouse eficaz visitar o piñeiral ao final do verán e cortar, antes da próxima primavera, as árbores con síntomas, cun coidado extra: as pólas da copa deben ser trituradas por completo ou retiradas para queimar antes da primavera.

En Galicia estase a traballar en obter piñeiros máis tolerantes ó nematodo. É unha liña de traballo que tamén seguides en Portugal?.
– Si, en Portugal, mesmo nas áreas en que a mortalidade foi máis acentuada, houbo árbores que sobreviviron. O Instituto Nacional de Investigación Agraria (INIAV) estudou esas árbores e xa encontrou evidencias científicas de que teñen potencial para o desenvolvemento dun programa de mellora xenética.

O piñeiro acumula medio século de regresión en Portugal, cun escenario de incendios e nematodo que desincentiva ós propietarios. Cre que hai motivos para o optimismo no futuro do piñeiro?
– Hai con claridade un futuro para o piñeiro bravo. Existe unha demanda de mercado moi elevada e diversificada (resina, madeira aserrada, paneis de madeira, papel de embalaxe ou produtción de enerxía, entre outros usos). Isto é un gran activo que apoia a sostibilidade económica e social dos piñeirais. Os incendios do 2017 marcaron un punto de viraxe nas políticas forestais en Portugal. Foi iniciado un cambio na dirección correcta, que terá resultados, con persistencia.

“Existe un déficit de madeira de piñeiro que se calcula que será superior ó 50% do consumo industrial”

En verdade, a cadea do piñeiro de Portugal (e de Galicia) está advertindo dun futuro déficit importante de piñeiro. Que nivel de déficit de madeira hai en Portugal, en relación às necesidades das industrias?
– Existe un déficit de madeira de piñeiro que se estima que será superior ó 50% do consumo industrial. Este valor representa o déficit estrutural, ou sexa, en función do crecemento anual do bosque. Os últimos anos houbo momentos de exceso de oferta debido aos incendios forestais e as industrias sentiron pouco ese déficit. Infelizmente, a perspetiva é de que o déficit se agravará e que moitos transformadores de madeira terán que pechar.

A pesar desta situación, é previsíbel que a demanda de madeira se manteña elevada, asegurada polo aumento do consumo das industrias máis competitivas, que se manterán no mercado. Para o produtor forestal de piñeiro, as perspetivas poderán ser mellores que as actuais: a madeira de piñeiro vai certamente ser un recurso escaso, con elevada demanda e o prezo probablemente aumentará, convertindo o rendemento das coníferas en máis atractivo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información