A madeira capea a crise con baixadas de prezo no eucalipto e ralentización de cortas no piñeiro

O sector forestal encaixa con nota os meses máis duros da pandemia e espérase unha recuperación progresiva da actividade e dos prezos

A madeira capea a crise con baixadas de prezo no eucalipto e ralentización de cortas no piñeiro

Cortas de madeira en monte. / Arquivo.

A crise do coronavirus golpeou duro en parte do sector forestal, sobre todo no ligado á cadea do piñeiro, pero empresas e mercado están superando con nota os meses máis duros da pandemia, tendo en conta o contexto xeral. En piñeiro, as cortas mantéñense ralentizadas pola redución de actividade de Finsa e dos serradoiros, entre outras empresas, mentres que en eucalipto continuou un ritmo alto de cortas, se ben os prezos están a baixar.

Ence, o comprador de referencia en Galicia en madeira de eucalipto, anuncioulle ós seus subministradores unha baixada dun euro na prima por dobre certificación forestal (PEFC e FSC), que estaba situada en 3 euros. A compañía tamén lle trasladou ó sector unha baixada de arredor de 80 céntimos no prezo base por tonelada a partir de xullo, segundo os datos que se manexan no sector, co cal a baixada total rondaría os 1,5 – 2 euros / tonelada en madeira con dobre certificación forestal.

Se os lotes de eucalipto globulus estaban saíndo antes do inicio da pandemia a 28-30 euros por tonelada, sempre falando de madeira en pé sen Ive con dobre certificación, o escenario a partir de xullo quedaría nos 26-28 euros. No caso do eucalipto nitens, os prezos veñen situándose en arredor de 6 euros menos por tonelada que o globulus.

Contexto de mercado
O eucalipto xa viña arrastrando desde o pasado verán a caída dos prezos da pasta de papel, o que xa desencadeara unha baixada de 2 euros / tonelada na última parte do 2019. No que vai do 2020, a pasta de papel estabilizou os seus prezos e está a superar a pandemia sen novas baixadas, pero os analistas internacionais non agardan unha remontada neste ano, dado o actual contexto.

A crise está a afectar ó sector da pasta de papel, sobre todo nas industrias orientadas a papel de oficina e para imprenta. En papel tisú, a principal liña que traballa Ence, adicada a papel hixiénico e material de limpeza ou sanitario, incluídas as mascarillas quirúrxicas, a crise notouse menos, pois a demanda de materia prima mantívose alta.

Ence, de feito, continuou durante a crise con plena actividade nas súas factorías de Pontevedra e Navia, e nas primeiras semanas da crise anunciou mesmo un aumento da demanda dos seus compradores.

En calquera caso, a compañía atravesa por un ciclo complicado polos baixos prezos internacionais da pasta de papel, que se sitúan desde hai uns meses por baixo dos 700 dólares / tonelada, fronte ós máis de 1.000 dólares que rexistraba hai un par de anos. Nese escenario, Ence anunciou que pechou o primeiro trimestre do 2020 cunhas perdas de 12 millóns de euros.

Situación no monte
No sector forestal, as empresas madeireiras centradas no eucalipto destacan que o mercado da madeira está aguantando a crise do coronavirus cun impacto limitado. “Estase a notar algo a crise, pero en xeral aguantamos ben e as expectativas non son malas” -subliña Óscar Piñón, un madeireiro de Ortigueira (A Coruña)-. “A demanda de eucalipto por parte de Ence mantense alta e os cupos de madeira que temos contratados respétanse, aínda que si é certo que se limita a entrada total de madeira. De eucalipto globulus cóllese toda, pero de nitens esta tempada límitase algo”, explica.

Na mesma liña describe a situación Manuel Freire, de Maderas Freire (Bueu, Pontevedra): “Aos proveedores estables de madeira, Ence estanos respetando os cupos de entrada, pero hai algunhas restriccións. Ao reducirse as cortas de piñeiro, pola menor actividade de Finsa, é probable que estean aumentando as cortas de eucalipto, co cal hai unha oferta maior da habitual”, apunta Freire.

No Morrazo, as cortas de piñeiro son puntuais, polo que no caso de Maderas Freire non experimentaron un gran impacto pola ralentización da cadea do piñeiro. “Si que é certo que a madeira de piñeiro que cortamos, témola por agora en cargadoiro, igual que os restos de biomasa que se destinan a un consumo enerxético en Finsa, pero no noso caso o impacto é menor”, conclúe.

A redución das cortas de piñeiro afecta en especial ás grandes zonas produtoras da comunidade, como o sur de Pontevedra, a zona centro da comunidade e o interior da provincia de Lugo. “O mercado do piñeiro ralentizou, aínda que mantén parte da súa actividade, pero en xeral as vendas de madeira de comunidades de montes e propietarios particulares están paradas, á espera de que a cadea vaia recuperando actividade e se aclare o mercado”, explica Xosé Covelo, responsable de comercialización de madeira na Asociación Forestal de Galicia.

Perspectivas
Hai mercados puntuais do piñeiro, como o puntal destinado a trituración para papel de embalaxe, que presentan boas perspectivas internacionais polo aumento das vendas online, que se intensificaron durante a crise, pero trátase dun mercado reducido en Galicia, cunha demanda centrada no sur da comunidade para a factoría de Viana do Castelo (Portugal).

Tamén continuaron funcionando durante a crise os serradoiros que traballan envases e palés para o sector da alimentación, pero o groso da cadea depende do taboleiro e da madeira serrada para sectores como o moble e a construción, que se resentiron estes meses.

Así as cousas, o sector móvese na incertidume, á espera de comprobar canto tempo dura a crise e que impacto final deixa, pero con optimismo no tocante ás perspectivas a medio prazo.

Ence xustifica a baixada no aumento de custos e no baixo prezo da celulosa

Consultada sobre a baixada de prezos do eucalipto, Ence sinala que se trata dunha “decisión dura” que se toma co obxectivo de “garantir a sostibilidade de toda a cadea de suministro no medio e longo prazo”.

A compañía lembra que o prezo internacional da pasta de papel está afundido desde hai 8 meses. “A nosa situación financieira é sa, pero o negocio está dando perdas tódolos meses. Iso obríganos a axustar o prezo da madeira, con baixadas que xa tiñamos que ter feito en decembro do 2019”, valora a empresa.

Aumento de custos de produción
No actual contexto da pandemia, a compañía destaca que desenvolveu un gran esforzo, “con importantes gastos”, para conseguir que toda a cadea de suministro do eucalipto se manteña funcionando.

“Tratamos de que o máximo número de empresas do sector puidesen manter a actividade en condicións seguras. Para elo, adaptamos e ampliamos a capacidade dos nosos parques externos, sacrificando eficiencia loxística, o que derivou en situacións puntuais en que limitamos a entrada de madeira en fábrica e a derivamos a estes parques. Ademais, incorporamos traballadores e estámonos dotando de novos procesos, como a compra telefónica e a sinatura por voz, para evitar así saídas e posibles contaxios de propietarios forestais, que loxicamente neste periodo venderon bastante menos madeira en pé”, explica Ence.

Impacto e demanda
Sobre o impacto da crise, Ence recoñece que está afectando máis duramente ó piñeiro e ó taboleiro que ó eucalipto e á pasta de papel, “pero non estamos exentos”. Se ben o mercado amosou no primeiro trimestre un certo crecemento da demanda para papel tisú e produtos hixiénicos, o sector está lastrado polas caídas dos papeis de impresión e de escritura. O futuro dependerá da evolución da pandemia, pero Ence apunta que “non son previsibles incrementos significativos da demanda nos próximos meses”.

“A nosa actividade durante o periodo de alarma continuou para que a sociedade puidese dispoñer dos necesarios produtos hixiénicos e sanitarios. Sentimos satisfacción e responsabilidade pola importancia dos nosos produtos e pola repercusión económica que temos sobre decenas de miles de familias e sobre miles de empresas, moitas das cales se refuxiaron no eucalipto polas paradas e redución de actividade no piñeiro. Todas elas son indispensables para nós”, conclúe Ence.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información