Lupe Prado, reelexida responsable do sector lácteo do Sindicato Labrego

A organización agraria advirte de que as granxas galegas deixan de gañar cada mes 10,6 millóns de euros polos baixos prezos en Galicia en comparación coa media europea

Lupe Prado, reelexida responsable do sector lácteo do Sindicato Labrego

Lupe Prado, no Congreso de Leite do Sindicato Labrego, en Ordes.

O Sindicato Labrego Galego (SLG) celebrou en Ordes (A Coruña) o seu Congreso de Leite, no que reelixiu como responsable do sector lácteo da organización á gandeira vilalbesa Lupe Prado. A Dirección do Leite do SLG saínte deste congreso, cuxos membros foron elixidos en asembleas comarcais que se celebraron nas últimas semanas por toda a xeografía galega, terá entre as primeiras tarefas da súa axenda nomear catro representantes provinciais, que apoiarán á responsable do sector, Lupe Prado.

Na súa intervención inaugural, a secretaria xeral do Sindicato Labrego, Isabel Vilalba, advertiu de que, se computamos a marxe existente entre o prezo medio do leite na Unión Europea e o prezo medio en Galicia, as granxas galegas deixan de gañar 10’66 millóns de euros ao mes.

O tema dos prezos foi unha das cuestións centrais do Congreso. O SLG segue a defender a necesidade de que haxa un prezo base negociado polos axentes do sector e que, a partir de aí, se vaia sumando ou restando en base a calidades. E todo iso, plasmado nun contrato de obrigado cumprimento. “Pero sempre, en primeiro lugar, un prezo xusto negociado; só despois, o contrato”, sinala a organización en nota de prensa.

“Lonxe disto, actualmente é a industria a que impón de maneira unilateral os prezos, fai e desfai criterios de calidade para manipular eses valores ao seu antollo e obriga a asinar os contratos que previamente redacta sen o concurso da parte produtora”, critica o Sindicato Labrego.

Mercados e custos de produción

Outro dos eixos reivindicativos que se desprende do Congreso, celebrado onte, é a regulación de mercados: “Deberemos garantir un nivel de renda mínimo para todas as persoas traballadoras da explotación, e para isto faise necesaria a regulación do mercado. En caso contrario, a concentración da produción en moi poucas explotacións será inevitable, co conseguinte peche das poucas que nos quedan”.

A organización agraria debatiu asimesmo diversos factores que inflúen nos custos de produción das explotacións galegas, tales como a dificultade para acceder a unha base territorial suficiente, os ataques continuados da fauna salvaxe, impostos que ve excesivos ou sacrificios “innecesarios” -din- no marco de campañas de saneamento gandeiro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información