Lumes forestais: A Xunta anuncia axudas para gandeiros e agricultores afectados

Lumes forestais: A Xunta anuncia axudas para gandeiros e agricultores afectados

Silos de herba queimados polo lume nos Ancares.

O Consello da Xunta aprobou este xoves un decreto de medidas urxentes para paliar e reparar, na medida do posible, os danos provocados polos lumes forestais en Galicia.

Entre os beneficiarios que poderán solicitar as axudas están os titulares de explotacións forestais, agrícolas e gandeiras, polos danos e perdas derivados directamente dos incendios, así como os titulares de maquinaria afectada por incendios forestais.

Aínda que haberá que esperar á publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia para ver o importe das axudas, a nota do Consello da Xunta informa de que “poderán recibir axudas os titulares das infraestruturas de titularidade privada situadas en terreos forestais, como pistas forestais, captacións de auga, cerramentos e os seus complementos, bebedoiros, comedeiros, maquinaria e equipamento agrícola ou forestal, plantacións privadas e amoreamentos de madeira cortada que fosen afectadas polos incendios forestais”.

Ademais, en canto ás perdas de forraxes, engádese que “os titulares de explotacións agrícolas ou gandeiras que sufrisen perdas da súa produción por mor dos incendios, poderán ser beneficiarios das axudas polos danos sufridos nas explotacións”.

Axudas para vivendas afectadas polos lumes

As vivendas que constitúan a residencia permanente e habitual dos seus moradores e nas súas instalacións complementarias serán beneficiarias de axudas ata cubrir o 100% do valor de reparación ou reposición do inmoble danado, cun máximo que suporá o 75% do prezo dunha vivenda protexida na mesma localidade.

No caso das vivendas de carácter ocasional, poderán recibir axudas de ata o 40 % do valor de reparación ou reposición do inmoble danado. Inclúense as construcións anexas e instalacións complementarias e elementos comúns, como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo ou instalacións eléctricas e de iluminación, instalacións de telecomunicacións, sempre e cando estean situadas no mesmo predio da vivenda.

Segundo avanza a Xunta, serán igualmente obxecto de axudas os danos sufridos no enxoval doméstico de primeira necesidade, e ao igual que nas vivendas, cubrirá o 100% se é enxoval de vivenda habitual ou 40% no caso de vivenda ocasional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información