A sección ‘Noticias de empresa’ inclúe informacións de actualidade empresarial, así como as notas de prensa de firmas colaboradoras.

Lucas, o líder francés en carros autopropulsados, introdúcese en Galicia

Millares Torrón iniciou con éxito a comercialización da marca gala, que conta con carros que destacan pola eficacia das súas mesturas e polo seu bo comportamento en circulación. Outro dos alicerces da oferta de Lucas son as encamadoras

Lucas, a marca de carros autopropulsados que liderou as vendas en Francia as tres últimas campañas, está introducíndose con éxito en Galicia da man de Millares Torrón. O éxito da marca francesa céntrase en tres alicerces: eficacia na mestura, calidade dos compoñentes da máquina e bo comportamento en circulación.

En Galicia lévanse entregados seis carros de Lucas nas provincias de Lugo e da Coruña, nesta última por parte de Maquinaria Agrícola Rubio, e hai outros cinco carros pendentes de entrega a granxas e Cumas (cooperativas de maquinaria). Falamos co delegado da marca en España, Jordan Varagne, que nos explica a historia e características da oferta de Lucas.

Lucas é a marca de carros autopropulsados número 1 en Francia.

Lucas é a marca de carros autopropulsados número 1 en Francia.

“Lucas é unha marca que ten medio século de vida e que desde os seus inicios destacou polas súas encamadoras; de feito son consideradas as ‘Rolls Royce’ das encamadoras pola calidade do seu aceiro, o S355. Fai uns 15 anos, a empresa, que xa traballaba carros mezcladores arrastrados, iniciouse nos carros autopropulsados con sinfíns verticais, buscando situalos no mercado como máquinas da máxima calidade”, explica Jordan.

Os carros autopropulsados de Lucas están dotados de sinfíns verticais en forma de escaleira, o que reduce as necesidades de potencia e introduce máis aire na mestura. “Logramos unha maior eficacia na mestura e temos granxas que constataron melloras na produción de leite tras introducir o noso carro”, subliña o delegado de Lucas.

Millares Torrón conta cun carro para demostracións e préstamos que estará exposto en Cimag-Gandagro

Outro dos aspectos que coida Lucas é o dos compoñentes da máquina. Fronte á práctica habitual de transmitirlle a potencia ao sinfín por medio de grupos con 3 satélites, Lucas optou por empregar grupos de catro satélites, o que reduce o desgaste. “En toda a historia de Lucas, nunca rompeu un grupo das nosas máquinas”, asegura Jordan Varagne.

Oferta
A marca gala dispón dunha oferta con seis carros autopropulsados con entre 12 e 24 metros cúbicos de capacidade. Os carros divídense en dúas gamas, a ‘Autospire Classic’, para granjas individuais, e a ‘Autospire Performance’ para Cumas.

“En Francia, as Cumas están moi desenvolvidas e é un dos principais mercados da marca, polo que Lucas esforzouse en deseñar carros con boas calidades para a circulación. Son máquinas moi equilibradas, con bo reparto de pesos e que montan unha parte de abaixo como a dun camión homologado para circular por autopista”, destaca Jordan.

Carro en Millares Torrón para demostracións
Millares Torrón, comercializador da marca, conta cun carro novo para préstamos e demostracións a clientes que estará exposto en Cimag-Gandagro, o certame de maquinaria agrícola e gandería que se desenvolverá esta semana, entre o xoves 21 e o sábado 23 de febreiro, no recinto da Semana Verde, en Silleda.

Encamadoras versátiles

As encamadoras é outro dos puntais da oferta de Lucas e representan ata o 60% do seu volume de negocio. A marca francesa ten unha ampla gama que inclúe encamadoras suspendidas, arrastradas ou para empregar con palas telescópicas. “É unha gama moi versátil e permite alcanzar distancias de reparto de ata 15 metros”, destaca Jordan.

Toda a oferta de Lucas enfócase no servizo ás granxas en materia de alimentación animal, pois non traballa equipos de laboreo. A firma, que conta con preto de 200 empregados, está construíndo unha nova factoría coa que duplicará persoal e coa que pretende situarse como número 1 europeo no mercado de carros autopropulsados.

A marca estase situando tamén no mercado dos robots de alimentación e ten xa 14 instalacións funcionando en Francia coa súa Iron mix, que distribúe e arrima a comida. Recentemente, Lucas desenvolveu un robot, o Iron mix jet, que tamén encama.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *