Lourizán prevé obter novos clons de castiñeiro adaptados ó interior de Galicia

O Centro de Investigación Forestal traballa na obtención de novos clons que melloren a resistencia ó frío e á seca, que sexan tolerantes ás enfermidades e que presenten boa calidade de madeira ou boa compatibilidade ó enxerto coas variedades tradicionais enxertadas de castaña. Poderanse usar en plantacións para madeira e como portaenxertos para variedades de froito

Lourizán prevé obter novos clons de castiñeiro adaptados ó interior de Galicia

Plantas iniciais para a obtención de novos clons, seleccionados mediante cruces controlados. / Imaxes: Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

Galicia contará en poucos anos cunha nova xeración de clons de castiñeiro adaptados ós retos ós que se enfronta a especie. O Centro de Investigación Forestal de Lourizán traballa na obtención de plantas que destaquen pola súa resistencia ó frío e á seca, que presenten tolerancia a enfermidades e pragas -principalmente a tinta, o cancro e a avespiña do castiñeiro-, e que teñan boa calidade de madeira e sexan compatibles ó enxerto coas variedades tradicionais de castaña.

Un dos problemas que detectamos cos actuais clons híbridos de castiñeiro é que pasan por dificultades fronte ó frío e á seca, condicións habituais no interior de Galicia. A selección de novos clons trata precisamente de paliar eses problemas.

Contexto
Os clons híbridos de castiñeiro que se utilizan en Galicia constituíron no seu día un avance capital, pois son resistentes ó mal da tinta, unha enfermidade que diezmou os soutos galegos e que segue a ter unha incidencia moi importante. Os clons híbridos, cruces de castiñeiros autóctonos, ‘Castanea sativa’, co castiñeiro xaponés ‘Castanea crenata’, veñen empregándose con éxito nas últimas décadas, pero dáse a circunstancia de que a especie xaponesa é moi sensible á seca e o frío, xa que procede dunha zona con clima de temperaturas suaves e choivas de verán.

A principal vantaxe das especies asiáticas é a elevada frecuencia de individuos con resistenza ás enfermedades da tinta e do cancro, así como á avespa chinesa do castiñeiro, axentes cos que conviviron ó longo da súa historia evolutiva. Sen embargo, xa os pioneiros europeos na mellora xenética do castiñeiro, nas primeiras décadas do século XX, sabían que as especies asiáticas non poden substituir o castiñeiro europeo, tanto por cuestións de calidade, como polos seus problemas adaptativos.

O clima de orixe do castiñeiro asiático deriva en problemas adaptativos ó clima galego dos híbridos, especialmente nos de primeira xeración, denominados híbridos F1, cun 50 % de ancestría en cada unha das especies parentais: o 50 % do seu xenoma é asiático e o 50 % é europeo.

Flores illadas da contaminación de pole para facer polinizacións controladas.

Flores illadas da contaminación de pole para facer polinizacións controladas.

Híbridos de xeracións avanzadas
Co obxectivo de obter híbridos con boa adaptación ás condicións de clima temperado existentes na Península Ibérica, de invernos fríos, xeadas no período de gromado e seca estival, á vez que se manteñen as resistencias ou toleranzas que existen nas especies asiáticas, recórrese á creación de híbridos de xeracións avanzadas.

O proceso consiste en cruzar híbridos de primeira xeración con parentais de Castanea sativa para obter híbridos de segunda xeración (F2), cun 25 % de castiñeiro asiático e un 75 % de castiñeiro europeo; os híbridos F2 crúzanse outra vez con C. sativa para obter híbridos de terceira xeración, os híbridos F3, cun 12.5 % de ancestría no castiñeiro asiático e un 87,5 % de castiñeiro europeo. Pero un programa de mellora xenética deste tipo precisa de coñecemento das características adaptativas das poboacións a mellorar, do castiñeiro C. sativa de Galicia, e da área para a que estamos a seleccionar o material.

Tamén é preciso coñecer as características de calidade desas poboacións, calidade que pode estar referida ós diferentes produtos que ofrece esta especie, á madeira, á castaña, portaenxertos e produción de pole. É dicir, os parentais de C. sativa a empregar nos cruzamentos han de ter a calidade e as adaptacións precisas nas variedades a obter.

Por suposto, tamén os individuos a empregar coma parentais asiáticos ou híbridos han de ter a resistencia ás enfermidades da tinta, do cancro e á avespa chinesa do castiñeiro. Un parental ideal que aporte as características dos castiñeiros asiáticos sería tolerante ós tres axentes bióticos citados e non debía de ter grandes defectos noutras características como, por exemplo, unha brotación moi de cedo.

Na actualidade, existe un amplio coñecemento sobor dos recursos xenéticos de castiñeiro, xa que o Centro de Investigación Forestal de Lourizán conta con varias coleccións de materiais xenéticos de castiñeiro caracterizadas. Outro feito a ter en conta é que nos últimos vinte anos desenvolvéronse no Centro de Lourizán estudos que permitiron coñecer a estrutura xeográfica do castiñeiro nativo no occidente de Europa.

Árbore superior para madeira seleccionado en Vilameá (Bande, Ourense).

Árbore superior para madeira seleccionado en Vilameá (Bande, Ourense).

O coñecemento da estrutura xeográfica das poboacións bravas dunha especie é unha cuestión básica para saber onde buscar os recursos xenéticos a empregar nun programa de mellora. Ambos feitos permiten na actualidade a toma de decisións ben fundadas sobre os parentais a empregar nun novo programa de mellora xenética por cruzamentos controlados entre diferentes materiais das coleccións.

As coleccións de xermoplasma de castiñeiro do CIF Lourizán

As coleccións de castiñeiro do Centro de Investigación Forestal de Lourizán están constituídas por catro grupos de materiais xenéticos que se enumeran a continuación na mesma orde en que cronolóxicamente se foron creando e caracterizando. Analízanse tamén as características que poden aportar tanto para a recomendación de variedades como para o programa de mellora por cruzamentos.

En primeiro lugar, está o conxunto dos híbridos creados en Galicia antes do 1960, un grupo duns 150 clons diferentes, que aportan resistenza ou toleranza ás enfermidades da tinta e do cancro e á praga da avespa chinesa do castiñeiro.

No segundo lugar figura a colección de variedades tradicionais enxertadas para a produción de castaña, cultivadas en Galicia e en zonas limítrofes, iniciada sobre 1990 e que na actualidade segue a completar Lourizán. Esta colección, cuns 60 xenotipos diferentes, aporta características da calidade da castaña e, no caso das variedades de doble aptitude, da calidade da madeira. Determináronse tamén as variedades que aportan adaptacións o frío, no caso das variedades de gromado tardío como a Amarelante, Longal ou Famosa, ou á seca estival, como a Negral e a Raigona.

En terceiro lugar, están os ensaios de procedencias e de proxenies de C. sativa instalados con plantas que teñen a súa orixe en gran parte da área europea do castiñeiro. Foi a partir do ano 1997 e principalmente na seguinte década. Nestes ensaios, creados principalmente para estudar a estrutura xeográfica das poboacións bravas de castiñeiro europeo, identifícanse individuos de elevado valor para a produción de madeira que, segundo a súa orixe e ensaios complementarios, teñen adaptacións a condicións de seca estival ou frío de moito interese para o programa de mellora.

A cuarta colección é a das árbores superiores para madeira, uns 180 árbores diferentes seleccionados en toda Galicia dende 2010, e recollidos en colección mediante enxerto.

Todo este material está descrito en moitas características de interese, medibles ou observables directamente nas coleccións ou ensaios, como o vigor, a rectitude dos fustes, a calidade da castaña, a fenoloxía da brotación ou a resistenza á tinta, no caso dos híbridos. Pero hai outras características que se están a estudar, como o comportamento fronte a avespa chinesa do castiñeiro.

Cuestións pendentes

Hai características das que se sabe moi pouco, como a resistenza ó cancro, xa que non se fixeron de momento ensaios de inoculación para identificar individuos resistentes ou tolerantes, a pesares de que é unha característica importante. Trátase, por tanto, de ter as coleccións completamente caracterizadas para todos os aspectos relevantes para a calidade, adaptación e resistencia ou tolerancia ás enfermedades e pragas.

Os esforzos dos investigadores vanse centrar nos próximos anos nestas actividades, de cara a definir que valores de uso teñen os diferentes materiais xenéticos. O obxectivo é recomendar algúns deles para o seu uso na silvicultura ou na produción de castaña. Outro obxectivo é seleccionar os individuos a empregar como parentais e combinar as características de interese mediante cruzamentos orientados á creación de novas variedades.

A selección de novos clons
A caracterización das coleccións de C. Sativa -explicada nos parágrafos anteriores- poderá dar lugar á selección de individuos que, sendo da especie europea, teñan non solo as características de calidade precisas, senón tamén certa tolerancia á tinta, cancro e avespa. Sen embargo, o procedemento máis seguro para a obtención de plantas de calidade coas resistencias ou tolerancias precisas é a hibridación interespecífica para a obtención de híbridos F2 ou F3 dos que xa se falou neste artigo.

Ensaio de proxenies de castiñeiro do país.

Ensaio de proxenies de castiñeiro do país.

O proceso para a selección de novos clons de castiñeiro iniciouse no ano 2010 co obxectivo de crear clons para madeira elexindo os mellores parentais posibles nas características de calidade da madeira, resistencia á enfermidade da tinta, vigor e boa conformación de fustes, así como resistencia á seca estival. Eses parentais cruzáronse para combinar individuos das mellores características.

Algunhas das familias obtidas para a produción de madeira son os híbridos entre as variedades de doble aptitude castaña-madeira De Parede, De Presa e Garrida con castiñeiro xaponés ou híbridos F1. Posteriormente, no 2015, iniciáronse cruzamentos entre variedades de castaña de gromado tardío como a Longal, Famosa e Amarelante con algúns dos híbridos que mellor funcionan como portaenxertos, os clons 111 e 7521, co obxectivo de obter novos portaenxertos, híbridos F2, máis adaptados ás condicións do interior de Galicia.

A análise de ensaios de materiais de polinizacións controladas permite non so combinar características desexables nun único individuo, senón tamén coñecer como funciona a transmisión das características de interese de pais a fillos, o que denominamos tipo de control xenético.

Deste xeito sábese que a resistencia á enfermidade da tinta en híbridos é unha característica controlada polo efecto aditivo de moitos xens. Dise, entón, que a resistencia a ‘Phytophthora cinnamomi’ é unha característica baixo control xenético aditivo (de moitos xens) e, en consecuencia, as descendencias de individuos resistentes son tamén resistentes.

Outra característica moi importante é a das datas de brotación, que está tamén baixo control xenético aditivo, polo que se trata dunha característica doada de manexar nun programa de mellora xenética. Ambas características presentan unha heredabilidade elevada ou moderada nas poboacións de mellora que se manexan no Centro de Investigación Forestal de Lourizán.

O actual programa de mellora e conservación do castiñeiro que se está a desenvolver en Lourizán baséase no fenotipado e xenotipado masivo de amplas coleccións de castiñeiro europeo (C. sativa) e de híbridos euroasiáticos, así coma no cruzamento entre individuos seleccionados destas coleccións para combinar diferentes características.

*Josefa Fernández, Santiago Barciela, Javier Fernández

Josefa Fernández López, Javier Fernández Cruz e Santiago Barciela son investigadores do Departamento de Silvicultura e Mellora Xenética do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, centro dependente da Consellería do Medio Rural.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información