Lourizán cataloga seis proxenitores de familia de piñeiro do país resistentes ó nematodo, dos que haberá semente dispoñible este ano

Medio Rural dispón de arredor de medio cento de exemplares adultos dos seis proxenitores de familia catalogados, o que lle permitirá poñer a disposición dos viveiros a semente xa colleitada

Lourizán cataloga seis proxenitores de familia de piñeiro do país resistentes ó nematodo, dos que haberá semente dispoñible este ano

O Centro de Investigación Forestal de Lourizán testa os piñeiros mediante inoculacións do nematodo en invernadoiro hermético. / Arquivo.

Galicia conta xa con seis proxenitores de familia de piñeiro do país catalogados nos rexistros da Xunta e do Ministerio pola súa maior resistencia ó nematodo do piñeiro. Estos proxenitores proceden de tres xenotipos do programa de mellora de Lourizán que están ubicados en dous hortos sementeiros en A Coruña (Cedeira e Monfero).

Sonproxenitores que presentan unha supervivencia media fronte á praga que ronda o 80% nos ensaios desenvoltos polo Centro de Investigación Forestal de Lourizán en invernadoiro. Son 20 puntos máis que a media de supervivencia nos ensaios, polo que as perspectivas son boas para a súa futura implantación en monte en zonas vulnerables ó nematodo.

Tralo proceso de catalogación, o seguinte obxectivo sitúase en poñer a disposición dos viveiros forestais este material con maior tolerancia á praga, de xeito que comece a súa implantación en monte por parte dos propietarios e das comunidades de montes.

Medio Rural dispón nos seus hortos sementeiros de A Braxe (Cedeira) e Cordal da Loba (Monfero) de arredor de medio cento de exemplares adultos dos seis proxenitores catalogados, polo que conta xa con semente colleitada de todos eles para trasladarlla en parte ós viveiros, un proceso que a Consellería conta con acometer este mesmo ano.

Multiplicación das plantas
Das árbores catalogadas recollerase semente a partir da que xa se poderían facer unhas primeiras plantacións en monte e, o máis importante, a partir das que se poderá multiplicar a cantidade de plantas dispoñibles. “Unha posibilidade é acometer, en colaboración cos viveiros, campos de plantas nai, a partir dos que obter estaquillas. Iso permitiríanos multiplicar a cantidade de planta dispoñible. No caso de facerse isto, deberíase traballar cun alto número de plantas nai para garantir a maior resistencia ao nematodo que teñen estos proxenitores”, valora a investigadora Raquel Díaz, coordinadora do equipo de Lourizán que traballa co nematodo, no que tamén traballan outras investigadoras como María Menéndez e Eva Prada.

Existe a posibilidade dunha multiplicación áxil da cantidade de planta dispoñible por medio da propagación por estaquillas, pero será preciso evaluar as plantas obtidas antes do seu uso

A propagación dos piñeiros por estaquillas, consistente na obtención de pequenos brotes con acículas xuvenís das plantas nai, que posteriormente se plantan cun enraizante, éun método eficaz para a propagación clonal dunha planta, pero tamén algo laborioso. Unha das claves para unha rápida multiplicación será a cantidade de semente, traballo e recursos que se adique ó proceso.

No caso de traballar con poucas plantas nai, será imprescindible evalualas de xeito individual. “Polos nosos ensaios, que repetimos con éxito como mínimo durante tres anos, sabemos que estas tres proxenies de piñeiro teñen unha supervivencia media fronte ó nematodo que ronda o 80%, pero hai un 20% de plantas que non sobreviven. Por tanto, será necesario en cada planta nai testar un grupo de estaquillas para saber se son resistentes. Se non o son, deberase desbotar esa planta nai”, explica Raquel Díaz.

Continuación das investigacións
De cara ó futuro, o Centro de Investigación Forestal de Lourizán márcase o obxectivo de lograr novas proxenies de piñeiro cunha maior supervivencia fronte ó nematodo. É unha liña de traballo na que xa están embarcados, facendo por exemplo polinizacións controladas das árbores para valorar o resultado dos distintos cruces, se ben trátase dunha técnica custosa.

Lourizán continúa traballando na busca de proxenitores con maiores taxas de supervivencia fronte á praga

Existe tamén a posibilidade de facer plantacións de material enxertado das tres proxenies xa catalogadas, o que permitiría comezar a producir cara final da década un volume importante de sementes de coníferas con maior tolerancia ó nematodo.

Son todas elas liñas de traballo que se concretarán nos próximos meses, unha vez que onte se oficializou no Diario Oficial de Galicia a catalogación dos seis proxenitores de familia de piñeiro que presentan unha maior resistencia ó nematodo.

Plantacións en monte
Esta catalogación abre a porta para que as comunidades de montes e os propietarios forestais das zonas vulnerables ó nematodo poidan acometer plantacións con perspectivas de futuro. O material clasificado pola súa resistencia á praga presenta ademais mellores características madeireiras que os piñeiros sen selección xenética, pois ten maiores crecementos, máis rectitude e menos nós.

Contexto
O nematodo do piñeiro detectouse por primeira vez no sur de Pontevedra no 2010 e desde entón atopáronse outros seis focos da praga, o que levou a que todo o sur da provincia fose catalogado como zona vulnerable ó nematodo do piñeiro. Polo momento, a presenza da praga en Galicia é testemuñal, aínda que representa unha ameaza seria, pois está completamente extendida por Portugal e os cálculos apuntan a que a fronte principal de avance da praga polo país veciño cruzará a fronteira polo sur de Pontevedra e polo sur de Ourense no 2021.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información