A loita contra a avespiña do castiñeiro contará con 1,6 millóns de ‘Torymus’ no 2020

A taxa acadada no parasitismo de bugallas experimentou unha gran variación entre os soutos, con porcentaxes que oscilaron entre o 25 e o 0,5%, segundo Medio Rural

A loita contra a avespiña do castiñeiro contará con 1,6 millóns de ‘Torymus’ no 2020

Bugalla da avespiña do castiñeiro.

A Consellería do Medio Rural repetirá no 2020 a loita biolóxica executada este ano contra a avespiña do castiñeiro. Soltaranse 1,6 millóns de ‘Torymus sinensis’, que se mercarán de países coma Italia por un importe total de 2 millóns de euros, segundo as previsións comunicadas hoxe polo director xeral de Ordenación e Produción Forestal, José Luis Chan, que compareceu no Parlamento.

O esforzo na loita biolóxica contra a avespiña do castiñeiro está a ter un resultado desigual nos soutos galegos, pois hai soutos onde a taxa de parasitismo de bugallas da avespiña chega ó 25% e outros nos que se queda no 0,5 %. “Estamos estudando os factores que levan a que haxa esas diferenzas. Pode ser unha cuestión relacionada coa altitude e orientación do souto ou tamén con factores como o momento da solta”, sinala José Luis Chan.

“Hai que ter en conta ademais que nos soutos galegos conviven mesturadas distintas variedades, de cedo e de tarde, o que complica as soltas, pois débense facer no momento axeitado para que os ‘Torymus’ poidan ocupar ben as bugallas, normalmente cando as follas do castiñeiro teñen arredor dun centímetro”, detallou Chan.

Outra das cuestións que Medio Rural destaca é a confirmación da existencia de parásitos autóctonos da avespiña, se ben presentes nas bugallas en menor medida que o ‘Torymus sinensis’, unha cuestión que xa detectara unha investigación da Universidade de Santiago.

Empresas galegas produtoras de ‘Torymus’
A partir do 2021, a Xunta espera que haxa xa empresas galegas capaces de producir o ‘Torymus sinensis’. Catro firmas recibiron autorización para a súa produción, segundo o director xeral, polo que nun futuro a demanda de ‘Torymus’ poderíase cubrir en Galicia, sen necesidade de compras no mercado internacional.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información