“Logramos aumentar a produción de kiwi un 30% e ser máis sostibles”

Coñecemos de man de Jaime Piñeiro as fincas de San José de la Levada, das primeiras plantacións de kiwi de Galicia. Despois de 30 anos, seguen en plena produción e nos últimos anos iniciaron unha transformación para ser máis sostibles e produtivas

Publicidade
“Logramos aumentar a produción de kiwi un 30% e ser máis sostibles”

Jaime Piñeiro responsable das plantacións de San José de la Levada, na finca de Tomiño.

Jaime Piñeiro tomou hai 6 anos o relevo de seu pai na xestión das dúas plantacións de kiwis que a familia ten no sur da provincia de Pontevedra dende hai máis de 30 anos, coñecidas como San José de la Levada. Foron dos primeiros en decidirse por plantar kiwi, cando este froito resultaba exótico e rendible. “Cando meu pai plantou a primeira finca, cada kiwi pagábase a 100 pesetas”, apunta Jaime.

Hoxe o cultivo popularizouse en Galicia e fortaleceuse de man da agrupación de produtores Kiwi Atlántico, á que pertencen e da que tamén foron socios fundadores. “O kiwi dáse moi ben en Galicia, posto que temos un clima similar ó de zonas como Nova Zelanda, que son dos principais produtores, pero as nosas producións aínda están lonxe das que se acadan nesas zonas”, concreta o produtor.

Na parcela de Tomiño logran obter 40 toneladas por hectárea, logo de incrementar a produción nun 30% tralos cambios

Así é que nas principais zonas do mundo produtoras de kiwi acádanse entre 35 e 65 toneladas de froita por hectárea, mentres que en Galicia o habitual é que estean arredor dunhas 30 toneladas. “Se eles o están conseguindo, nós tamén o temos que intentar”, apunta Jaime, que dende que se encarga da xestión das fincas familiares busca non só lograr este incremento, senón que o seu cultivo sexa máis sostible co medio ambiente.

Xa está obtendo os primeiros resultados na finca situada en Tomiño, onde realizou cambios nos últimos anos co gaio de lograr ambos obxectivos. De feito, na actualidade acada uns rendementos de 40 toneladas por hectárea nunha parcela de 10 hectáreas, 9 delas cultivadas. “Cos cambios que fomos facendo conseguimos incrementar a produción nun 30% nos últimos anos”, indica Jaime.

No camiño dunha produción máis sostible

Esta parcela de Tomiño, situada a escasos metros do río Miño, do que se abastece de auga, plantárona no 1986. É unha finca obtida mediante un convenio coa comunidade de montes desta zona. Daquelas xa plantaran outra parcela, dous anos antes, en Mosende, no Porriño, nos arredores dunha propiedade coroada por un pazo. Naquela parcela optaron por aproveitar os bancais dos que xa dispuña para plantar unhas 5 hectáreas de kiwi. Esta disposición en socalcos motivou que os cambios se probaran na finca de Tomiño e que agora estean pendientes de implementarse en Mosende.

Nos últimos anos mudaron o sistema de suxeición e atado das plantas e deixaron de empregar herbicidas

En ambas parcelas plantouse a variedade Hayward, posto que foi a primeira que comezou a distribuírse para o seu cultivo. Hoxe, tanto de variedades verdes como amarelas, diferénciase un amplo abano de posibilidades, pero prefiren seguir apostando por esta, ó ir coñecendo cada vez mellor o funcionamento da planta.

A finca de Tomiño conta cunhas 5.850 plantas distribuídas nun marco de plantación de 4 x 4,5 metros e cada 5 femias disponse, en diagonal, un macho que permita a fecundación das plantas. Cada unha das plantas estaba suxeita a un poste de maneira individual, no sistema T- bar, o que facía que se mantivese ergueito o tronco principal e colgasen o resto das ramas ata o chan.

Plantacion-kiwi-vista-xeral-

Vista da plantación co novo sistema de parra para a suxeición das plantas.

Un dos principais cambios introducidos na plantación por Jaime foi o cambio neste sistema de suxeición da planta. Logo dun proceso de experimentación nunha pequena parcela, decidiu ir colocando as plantas nun emparrado, de maneira que as ramas non toquen o chan e vaian colocadas pola parra. “Conseguimos que debaixo se xere un microclima, a planta estea máis ventilada e se incremente a produción”, explica Jaime.

Este cambio levou parello tamén outras modificacións como o sistema de atado, que supuña agora máis carga de traballo e resultaba máis laborioso co sistema tradicional que levaban empregando dende o comezo, a base de cordelas de plástico, que ademais tiña un importante impacto ambiental na finca. “Hai restos deses cordeis que teñen máis de 20 anos e seguen aparecendo, xa que non se degradan. Non queriamos seguir con este problema”, comenta Jaime.

Cordon-para-atado-de-kiwi-

Adoitan traer as gomas para o atado directamente dende Portugal.

A solución chegou ó empregar os restos das gomas téxtiles dos calcetíns para realizar estes atados. “Ademais de ser biodegradable, este tipo de gomas permítenos ser máis áxiles no atado e eficaces”, concreta o produtor.

Parello a estes cambios, Jaime tamén deixou de empregar herbicidas para eliminar a herba das cubertas. O cambio de suxeición das plantas permite acceder cun tractor debaixo da parra e proceder ó desbroce da herba. Á par de aforrar uns 300 euros en herbicidas e facer a plantación máis sostible, tamén conseguiu un aforro na auga que consume, posto que o solo ten así unha maior capacidade de retención. Pasaron de empregar uns 100 litros por planta no mes de agosto a utilizar entre 40 e 50 litros.

Para a rega da plantación de Tomiño dispoñen dun sistema automatizado que realiza o aporte de auga polas noites por microaspersión en cada planta. Contan cunha balsa cunha capacidade de 16.000 metros cúbicos que lle permite regar a plantación durante unha semana.

Plantacion-Kiwi-Tomino-Balsa-auga-

Xunto á balsa, contan con varias colmeas de abellas que favorecen a polinización das plantas de kiwi, aínda que tamén están a sufrir o asedio das vespas velutinas.

Ademais aproveitan o sistema de rega para aportar os abonos químicos que vaia precisando a planta. Aínda que nalgún tempo tamén empregaron xurros diluídos na auga, agora optan por distintos aportes químicos en función das análises, da época do ano e o estado das plantas. Dilúenos na auga ou aplícanos de xeito foliar.

O ciclo de produción do kiwi

O kiwi ten un ciclo de produción anual que leva parello unha importante carga de traballo non só na recollida, que comeza no mes de novembro, senón tamén na poda, que se realiza a finais de ano, así como no atado. “É unha planta con moita rama polo que as labores de poda implican tamén moito traballo e esténdense durante 3 ou 4 meses”, concreta o responsable. Estos restos de poda tamén os trituran, de maneira que serven de aporte para os solos. “Temos uns 10 ou 15 centímetros de terra moi negra, cun alto aporte de materia vexetal”, comenta.

Plantacion-kiwi-trabajadores-

Na finca de Tomiño contan con dous traballadores fixos durante todo o ano.

Precisamente durante a poda das plantas toman precaucións para reducir os riscos fitosanitarios e empregan tanto auga osixenada para a desinfección das ferramentas como para a cicatrización dos cortes co gaio de evitar contaminacións por bacterias como a PSA. Esta afección céntrase só na planta e non afecta ó froito e, aínda que non existe tratamento para ela, a planta pode convivir con ela durante tempo. De feito, conta con arredor dunhas 400 plantas afectadas por PSA. Tamén empregan sulfato de cobre para tratamentos puntuais contra botrite.

A floración do kiwi prodúcese no mes de marzo e abril e durante o verán proceden a realizar podas en verde para manter controlada a planta. “É unha planta que rexenera moi ben e se non fas moita poda medra demasiado”, explica Jaime. De feito, para os labores de poda e atado das plantacións, adoitan encargarse entre 8 ou 10 persoas, que se suman ás 2 persoas fixas que ten contratadas todo o ano.

Plantacion-Kiwi-Tomino-froito-

Nestas fincas, os kiwis acadan un peso medio de 88 gramos.

A maior carga de traballo desenvólvese coa recollida do froito cando o plantel se incrementa ata contar con 20 traballadores durante 1 mes. Neste tempo levan a cabo tanto a recolleita da parcela de Tomiño como a de Mosende. A recolleita realízase cando as plantas acadan o grao de azucre óptimo, que se sitúa en 6,5 graos. Isto tradúcese en froitos que acadan un peso superior a 65 gramos, peso mínimo para a súa comercialización. Na plantación, a media sitúase en 88 gramos e chegan a producirse 60 quilos por planta.

O proceso de recollida realízano con petos deseñados a modo de mochila para evitar, na medida do posible, que o froito se golpee. Deposítanos en grandes caixóns cunha capacidade de 350 quilos, que logo se encarga de procesar a planta de Kiwi Atlántico.

Kiwi Atlántico

Jaime recoñece o papel que ten na comercialización da súa produción Kiwi Atlántico, comercial integrada por varios produtores galegos, e na que a súa familia participou dende o comezo. Hoxe é o maior distribuidor de kiwis en España, de xeito que máis da metade do kiwi que se produce no estado é comercializado por Kiwi Atlántico.

Kiwi Atlántico produce en torno a 9.000 toneladas de froito e o 95% da produción comercialízase en España

Aínda que adoita haber variacións dependendo da campaña, Kiwi Atlántico produce en torno a 9.000 toneladas de froito e o 95% da produción comercialízase xa no mercado estatal. Mentres, as exportacións localízanse en países do centro de Europa e Latinoamérica.

Así, durante a campaña do hemisferio norte, cuxa recolección comeza no mes de novembro, a produción con orixe en Galicia supón arredor do 60% do total. A eles súmase froita procedente das plantacións ubicadas no norte de Portugal, Asturias, País Vasco e Cataluña. Mentres, nos meses de verán, a través de Kiwi Atlántico tamén se comercializa kiwi producido en plantacións de Chile.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información