“Limitar os antibióticos no gando porcino pode ser positivo económica e comercialmente”

Entrevista a Javier Oliveira, autor da tese ‘Trastornos sanitarios e produtivos en explotacións porcinas durante o crecemento e ceba: o papel do medio ambiente e do manexo’. Dirixida polos profesores da Facultade de Veterinaria de Lugo, Eduardo Yus e Javier Guitián, ven de obter un sobresaliente cum laude.

“Limitar os antibióticos no gando porcino pode ser positivo económica e comercialmente”

O veterinario Javier Oliveira

Buscar as claves para mellorar a produtividade e a saúde animal no sector porcino industrial. Ese foi o obxectivo da tese do veterinario cambadés Javier Oliveira que ven de recibir a máxima cualificación na Facultade de Veterinaria do Campus de Lugo.

A tese ‘Trastornos sanitarios e produtivos en explotacións porcinas durante o crecemento e ceba: o papel do medio ambiente e do manexo’, está estruturada en cinco investigacións de carácter independente, a través das que este veterinario pretende achegar información de utilidade que sirva de apoio para a toma de decisións en materia de manexo, saúde e produtividade nas explotacións porcinas durante as etapas de crecemento e cebo dos animais.

¿Cales son as enfermidades respiratorias do gando porcino máis comúns en Galicia?
Son similares ás estimadas noutras zonas. Os resultados obtidos nunha sondaxe efectuada no maior matadoiro de Galicia indican que unha porcentaxe ampla da cabana porcina estaba afectada por neumonía enzoótica e en menor medida por pleuroneumonía. Estes datos suxiren que Mycoplasma hyopneuminiae é o axente patóxeno respiratorio máis habitual en Galicia.

A continuación, aínda que non dispoñemos de datos fiables (extraídos das nosas investigacións), supoñemos que o virus do PRRS ocuparía un lugar destacado seguido doutros axentes bacterianos (Pastereullas spp., Haemophilus spp. e outros) que actuarían como acompañantes e nalgúns casos como complicantes.

¿Como inflúe o modelo produtivo na incidencia destas enfermidades?
En Galicia, como no resto de España, o sector porcino intensivo estase a concentrar cada día máis. Fai anos, xunto cos grandes grupos produtores convivían pequenas explotacións que tiñan un pequeno núcleo de produción de leitóns e cebaban os animais en instalacións anexas (os chamados ciclos completos). Hoxe moitos destes pequenos produtores teñen desaparecido e os grandes grupos son, a grandes rasgos, bastante uniformes, existindo poucas diferenzas con respecto aos seus modelos de produción.

“As enfermidades respiratorias afectaban máis a granxas porcinas de ciclo completo e tamaño pequeno”

As nosas investigacións indican que a extensión das enfermidades respiratorias era maior nas explotacións de tamaño moderado cun sistema de produción de ciclo completo.

Polo que respecta aos modelos de produción a media e gran escala que utilizan un sistema segregado por lotes, a situación era diversa: por un lado atopamos explotacións nas que gran parte (case o 100% ) dos animais estaban afectados e outras nas que non se detectaban problemas respiratorios.

¿A que conclusións chegaches sobre cales son os procedementos de manexo máis adecuados para reducir as enfermidades respiratorias na cabana porcina criada en intensivo, tendo en conta os distintos modelos produtivos?
Independentemente do modelo de produción as estratexias de control das enfermidades respiratorias pasan ineludiblemente por identificar os axentes infecciosos implicados e coñecer as súas dinámicas de circulación.

 “Incluso en explotacións integradas a circulación do virus PRRS ten variacións”

En primeiro lugar, cómpre ter en conta que o comportamento dos axentes infecciosos pode variar substancialmente entre explotacións incluso aínda que estean bastante emparentadas. Por exemplo, nas nosas investigacións demostramos, para a nosa sorpresa, que a circulación do virus PRRS en explotacións pertencentes a un mesmo grupo integrador era diferente alomenos nunha das explotacións de produción de leitóns.

En segundo lugar, é necesario que as medidas de prevención se deseñen de forma máis “personalizada” e sempre baseándose en información sanitaria precisa. No fai tantos anos, moitos laboratorios recomendaban facer pautas de vacinación moi precoces, aplicando as vacinas nos primeiros días de vida dos animais.

Sen embargo, nunha das nosas investigacións demostramos que o emprego de determinadas vacinas en etapas moi precoces compromete o desenvolvemento dunha resposta inmune consistente, e, polo tanto, os nosos resultados contradín algunhas das recomendacións que foran mais populares algúns anos atrás.

“Vacinar aos leitóns en etapas moi precoces pode ter efectos negativos”

En terceiro lugar, débese facer un seguimento moi exhaustivo trala aplicación de calquera medida e valorar a súa eficacia global así como a súa variación entre as explotacións e ó longo do tempo. So con esta información podemos avaliar os resultados produtivos e económicos derivados da implementación das medidas de control.

Como xa indiquei antes, a peor situación sanitaria nas explotacións de ciclo completo unido ao estreito contacto entre animais de diferentes idades dificulta o establecemento de medidas de control eficaces.
Polo que respecta ós modelos de produción segregada, as melloras pasarían por identificar as explotacións de orixe máis problemáticas e concentrar a súa produción en determinados lotes para evitar a diseminación a animais procedentes de explotacións con mellores perfiles sanitarios.

Hai unha limitación crecente no uso de antibióticos como medida preventiva por parte da UE. ¿Que cambios prevés que provocará no sector porcino industrial en canto a manexo e alimentación?
É certo que estase a limitar o emprego de antibióticos. De feito estas sustancias non deben ser empregadas como medida profiláctica. Hai que dicir que o sector ten feito un gran esforzo no manexo, nas instalacións, na sanidade, na alimentación etc. co obxectivo de reducir a presentación de enfermidades e diminuír a utilización de antibióticos.

“O maior interesado en reducir o uso de antibióticos en gando porcino son os propios produtores”

Non cabe dúbida de que o máis interesado en erradicar o uso de estas sustancias é o propio sector porque desta forma se limita o impacto económico das enfermidades e ademais tamén contribúe a mellorar a imaxe da industria ante unha sociedade que na actualidade demanda produtos de alta calidade e libres de residuos.

Como xa apuntei anteriormente, cabe esperar que a maior contribución na redución do uso de antibióticos pase por unha mellor xestión e planificación sanitaria nas explotacións proveedoras de leitóns. En canto ó manexo, instalacións e alimentación deberán axustarse aínda dunha forma máis precisa ás necesidades dos animais en cada momento.

Pero a obtención deste tipo de información e a cuantificación dos posibles efectos deberá basearse en experiencias e probas realizadas nas propias explotacións, o que suporá un esforzo adicional por parte da industria.

 “A limitación de uso de antibióticos nas explotacións porcinas pode ser positiva económica e comercialmente”

Quero sinalar tamén que a limitación do uso de antibióticos non debería contemplarse como unha medida de presión que obstaculiza o desenvolvemento da industria porcina, senón que considero que pode proporcionar máis beneficios económicos e novas oportunidades no eido comercial. De feito, algúns dos países (sobre todo do Norte de Europa) que adoptaron dende fai bastante tempo un normativa moito máis dura para restrinxir a utilización destas sustancias nas explotacións, son capaces de colocar os seus produtos a mellores prezos por ser considerados de maior calidade.

porcos_ComisionEuropea_01_standar

Os tratamentos directos ás porcas para mellorar o crecemento dos leitóns ten unha eficacia limitada, segundo Javier Oliveira

Tamén estudaches na túa tese a aparición de leitóns atrasados con pouco peso. ¿A que conclusións chegaches para solucionar esta problemática? ¿Que influencia teñen as razas puras e/ou as híbridas?
En relación á influencia da xenética no atraso de camadas, nas nosas investigacións non temos incluído este interesante aspecto. No sector porcino intensivo trabállase maioritariamente con liñas xenéticas híbridas que son seleccionadas en base aos crecementos, conversións e o desenvolvemento de determinadas pezas cárnicas. Pero bótanse en falta estudos nos que se valoren a resistencia ou susceptibilidade de determinadas estirpes xenéticas ás enfermidades máis comúns nas explotacións comerciais.

Polo que respecta á aparición de camadas atrasadas é necesario ter en conta que a maior parte dos factores que condicionan o crecemento dos leitóns son dificilmente alterables, alomenos a curto prazo. Algúns exemplos destes factores serían: o peso ao nacemento, o sexo, a orde de nacemento, a capacidade lactacional da porca e o seu instinto maternal, etc.

“Mellorar o crecemento dos leitóns mediante tratamentos ás porcas ten unha eficacia bastante limitada”

Nas nosas investigacións valoramos a eficacia da aplicación de sustancias antiinflamatorias nas porcas como medida destinada a aumentar o crecemento dos leitóns. A nosas conclusións foron que a administración destas sustancias nas porcas teñen un efecto beneficioso pero pequeno; e ademais descubrimos que a capacidade para mellorar o crecemento dos leitóns mediante medidas aplicadas directamente sobre as porcas, moi atractivas en termos de traballo e custe, é bastante limitada.

Aseguras que o manexo e a contorna das explotacións condicionan substancialmente o consumo de penso e, en moita menor medida, a mortalidade durante as etapas de crecemento e cebo. ¿Podes explicar un pouco máis as túas conclusións?
A mortalidade é un indicador que reflexa bastante ben a situación sanitaria dos lotes de ceba e por extensión das explotacións das que proceden estes animais. Se os animais se orixinan en explotacións de alto status sanitario o número de baixas que se rexistra durante a ceba tende a ser pequeno, pero en caso de proceder de explotacións nas que circulan de forma ampla diversos axentes infecciosos a mortalidade tende a ser elevada, independentemente das medidas de manexo que se adopten durante a ceba. É dicir a situación sanitaria das unidades provedoras determina en gran medida a mortalidade.

Os factores que afectan ó consumo de penso e o seu aproveitamento son moito mais diversos. Ademais da sanidade, teñen un impacto substancial as instalacións, o manexo, o tipo de alimentación, a época do ano, e determinadas decisións como pode ser o momento no que se envían os porcos ao matadoiro.

 “O penso en fariña é menos aproveitado polos porcos e as conversións empeoran no inverno”

Nas nosas investigacións demostramos que a presentación do penso en fariña reduce o seu aproveitamento e que as conversións empeoran cando os leitóns se incorporan nos últimos meses do ano.

Creemos que este efecto estacional actúa en varias direccións. Por un lado, no inverno increméntase a incidencia de trastornos, fundamentalmente de tipo respiratorio, o que tende a reducir o índice de conversión dos lotes. En segundo lugar, un ambiente máis frío fai que parte da enerxía do alimento sexa transformada directamente en calor para que os animais poidan manter a súa temperatura corporal.

En terceiro lugar, os lotes introducidos nos últimos meses do ano tenden a enviarse máis tarde ao matadoiro acadando maiores pesos, probablemente por cambios na demanda. Esta decisión tamén condiciona o consumo de penso e os índices de conversión xa que a maiores pesos de saída tenden a rexistrarse maiores consumos e peores índices de aproveitamento.

Como xa sinalaches, o sector porcino está nun proceso de reestruturación. ¿Como ves a situación do sector porcino galego e as súas estratexias de futuro?
Polo que respecta ao sector porcino intensivo, é previsible que o proceso de concentración se intensifique aínda máis. Cada día son menos as explotacións de tamaño pequeno-moderado independentes. Neste contexto, o crecemento dependerá en gran medida do dinamismo dos grandes grupos produtores, é dicir da súa capacidade para colocar os seus produtos a prezos moi competitivos e atractivos nos mercados exteriores. Se isto se produce, os grupos produtores estimularán a construción de novas explotacións para a ceba, o que pode representar un importante complemento económico para moitas familias instaladas nas áreas rurais.

Por outra banda, son interesantes algúns proxectos como por exemplo o do Porco Celta ou outros sistemas de explotación de vocación menos intensiva. Aínda que non coñezo en profundidade estes proxectos, creo que as súas posibilidades pasan por dotar aos seus produtos de elementos que permitan diferencialos inequivocamente doutras alternativas e por resaltar estas diferenzas. Sobre estas bases sería posible desenvolver novos modelos de produción que chegaran a un sector mais amplo da sociedade rural de Galicia.

“O futuro do sector porcino galego pasa por exportar produtos de calidade contrastada e diferenciados”

En definitiva, penso que o desenvolvemento do sector porcino en Galicia dependerá fundamentalmente do seu dinamismo, da súa flexibilidade e da creatividade. Para isto cómpre adecuar a produción ás posibilidades reais de comercialización, que no nosos país pasan sen dúbida por unha maior capacidade para chegar ós mercados exteriores con produtos de calidade contrastada e, por qué non tamén, diferenciables.

Por outra banda, considero que non deberiamos esquecer a nosa rica e variada tradición gastronómica que xira en torno ó porco para aumentar as oportunidades dun sector que pode contribuír a artellar socioeconomicamente o rural galego.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información