A Limia cultivará este ano máis millo forraxeiro para as gandarías de Cobideza

A Limia cultivará este ano máis millo forraxeiro para as gandarías de Cobideza

Luís Carlos Fernández Rivas o ano pasado co millo cultivado para Cobideza

Os agricultores da Limia volverán este ano a incrementar a superficie de millo forraxeiro destinado á venda a gandarías de vacún de leite, fundamentalmente para socios da cooperativa Cobideza.

Así, confírmano tanto desde a cooperativa dezá como Luís Carlos Fernández Rivas, un agricultor da Limia que o ano pasado xa asinou o primeiro contrato coa cooperativa e que este ano aumentará a superficie deste cultivo.

“A valoración da primeira experiencia do pasado ano é moi positiva e este ano ímola a repetir coa mesma modalidade de contrato e con máis cantidade de millo forraxeiro contratado”, destaca Román Santalla, presidente de Cobideza.

“É un acordo -engade-que veu para quedar porque gañamos as dúas partes: Para varias das nosas gandarías socias que teñen dificultade para producir millo a un prezo rendible e con boa calidade este é un bo acordo, xa que a forraxe que compramos é de boa calidade e máis dixestible”. Así, esta semana está previsto asinar o contrato de cultivo entre as dúas partes.

En canto a Luís Carlos Fernández, destaca que este ano vai aumentar a superficie tanto de millo forraxeiro como para unha experiencia piloto de cultivo de millo para gran, unha iniciativa impulsada por Almacenes Gamallo.

“Este ano teño contratado producir unhas 3.000 toneladas de millo forraxeiro, pero a demanda é moito maior”

“Traballo unhas 160 hectáreas na Limia e este ano vou cultivar 80 para cereal e outras 80 a millo, das que unhas 40 para ensilar e a outra metade para gran”, explica.

En canto ao forraxeiro, asegura que este ano vai aumentar a superficie ao considerar que se trata dun cultivo máis rendible que a pataca e con menos problemas. “As colleitas de millo forraxeiro na Limia son moi elevadas, tanto en cantidade como en calidade, grazas ao sistema de regadío e ao clima. O ano pasado producín unhas 1.700 toneladas en 30 hectáreas e este ano teño previsto chegar ás 3.000 toneladas en algo máis de 40 hectáreas”, explica.

No caso concreto de Cobideza, o acordo que van asinar contempla que lles garantirá a subministración de 1.700 toneladas -400 máis que o pasado ano- a un prezo medio posto na gandaría de 54 euros a tonelada, aínda que este pode variar segundo as calidades.

“Tamén teño xa contratadas outras 1.000 toneladas para unha gandaría de Lugo. E chamáronme máis gandeiros e mesmo algunha cooperativa importante para contratarme a produción de millo forraxeiro, pero de momento teño unha capacidade limitada para seguir medrando”, recoñece.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información