Lestedo celebra este domingo a Festa da Filloa

Publicidade
Lestedo celebra este domingo a Festa da Filloa

Os Xenerais da Ulla participaron, en días pasados, na presentación da festa gastronómica.

Data inicio: 01/03/2020
Data fin: 01/03/2020
Lugar: Lestedo, España

Lestedo (Boqueixón) celebra este domingo, día 1 de marzo, a súa tradicional Festa da Filloa, que este ano acada a 37 edición. A cita, declarada Festa de Galicia de Interese Turístico, combina a exaltación da filloa cun dos atractivos do Entroido da Ulla, os atranques dos Xenerais.

A xornada festiva arrancará ás 12.00 horas coa Parranda de Entroido e a animación musical de Pirilampo, Estralampo e Luz do Ilicino. A continuación, ás 12.30 horas, terá lugar o V Gran Desfile de Xenerais da Ulla, no que se agarda a participación de medio cento de xenerais procedentes de distintos concellos. Ás 13.30 horas, o xornalista Pablo Portabales, encargarase do pregón, nun acto presentado pola televisiva María Mera. A mañá pecharase coa sesión vermú da man de Tania Veiras e cunha degustación de filloas no campo da festa, que estará cuberto cunha carpa.

Pola tarde, a partir das 17.30 horas, os Xenerais da Ulla volverán cos seus atranques e ás 18.30 horas comezará a verbena coas orquestras Gran Parada e París de Noia.

A filloa protagonista nos días previos

Á marxe dos actos do domingo, a filloa estivo a ser protagonista tanto en Boqueixón como noutros puntos próximos nos días previos á festa. Así, ó longo desta pasada semana, dende o luns 24 e a ata o sábado 29 celebráronse as Xornadas Gastronómicas da Filloa, nas que sete establecementos hostaleiros de Boqueixón ofreceron tapas salgadas e doces elaboradas con filloas.

A programación previa tamén incluíu degustacións de filloas entre os días 20 e 29 no centro comercial El Corte Inglés, en Santiago. Ademais, recoñecidos cociñeiros como Yayo Daporta e Roberto Filgueira elaboraron catro propostas coa filloa como ingrediente principal nunha degustación celebrada no mercado gastronómico Boanerges, en Santiago.

– Consulta aquí o programa da 37 Festa da Filloa de Lestedo

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *