Xestoselo SC, a vantaxe dunha explotación excedentaria en forraxe

Situada na parroquia de O Buriz, no concello lugués de Guitiriz, esta explotación viuse obrigada hai dous anos a mandar 30 vacas ao matadoiro para reducir drasticamente a súa produción por esixencia da industria que lle recolle o leite. Hoxe conta cunha cabana moi saneada

Xestoselo SC, a vantaxe dunha explotación excedentaria en forraxe

Álex e Segundo Vázquez, na corte de Xestoselo SC.

“As vacas non son máquinas”, afirma Segundo Vázquez Lopez. Por iso cando hai dous anos Pascual, a empresa que lles recolle o leite, os obrigou a baixar case un 30% a súa produción, esta explotación de Guitiriz tivo que poñer en marcha medidas drásticas para poder sobrevivir.

“Daquela o golpe foi importante, estabamos mandando 5.600 litros diarios e obrigánonnos a baixar a 4.000. Pero é difícil calcular e acabamos reducindo máis, pasando a entregar só 3.600”, explica Segundo, que xunto á súa muller, María Jesús Gómez Iglesias, é cotitular desta explotación ubicada no lugar de Xestoselo.

A explotación, que dispón dun total de 110 hectáreas de superficie, acumulou silo de millo para dous anos

A limitación á produción durou un ano. “Despois flexibilizárona, pero aínda hoxe non che din produce o que queiras”, aclara Segundo. Había só un ano que esta explotación acometera a súa última ampliación, para 80 vacas máis, así que aquela limitación repentina trastocou todos os plans previstos. Apostaron inicialmente por baixarlle á ración do gando e reducir concentrado, antes de tomar a dolorosa decisión de comezar a sacrificar animais. “Estabamos muxindo naquel momento 160 vacas e tivemos que mandar 30 de golpe ao matadoiro”, lembra Segundo.

“Para facer os descartes usamos, en primeiro lugar, criterios sanitarios, despois mandamos aqueles animais con problemas de patas e de ubres e finalmente vacas que levasen 120 días en leite sen estar aínda preñadas. Pero mandamos vacas moi boas, moitas delas dando moito leite, porque se non mandas as de máis produción en vez de 30 para lograr reducir eses litros teriamos que ter sacrificado 50”, conta Segundo, que lembra que “dunha volta o tratante que nos levaba as vacas foi a continuación recoller outra a unha explotación do lado e mandáronlle baixar do camión unha das que nos levaba a nós e quedaron con ela”, e lamenta que “malia moitas delas ser aínda aproveitables, esas 30 vacas case as tiveramos que mandar regaladas, porque houbera a mesma situación noutras explotacións e o mercado estaba saturado”.

Pero aquela selección obrigada de animais “tivo tamén a súa parte boa: saneouse moito o rabaño do que dispoñemos e iso tamén che fai medrar máis rápido despois porque todo o gando que queda na casa é moi san”, xustifica.

Hoxe en Xestoselo hai 170 vacas en muxido das 314 cabezas totais. A explotación retomou as cifras anteriores á baixada de produción, que lembran con moi mal recordo. “Son situacións moi complicadas, porque tes que manter os empregados, as fincas, todo igual; os gastos fixos son os mesmos, pero con moitos menos ingresos”, explican.

Segundo non pode traballar (está xubilado por enfermidade desde hai 3 anos) pero segue dirixindo e aconsellando no funcionamento da explotación. A súa muller, Chus, é veterinaria e encárgase da parte clínica, ademais de axudar aos ordeños. Xunto a eles traballa o seu sobriño Álex e os irmáns Abdeslam e Laarbi, orixinarios de Marrocos pero que xa levan 8 anos como empregados da granxa.

Traballos de muxido na explotación.

Traballos de muxido na explotación.

“Somos unha explotación case autosuficiente”
Fan con medios propios a maioría dos traballos agrícolas nas 110 hectáreas de superficie das que dispoñen, a inmensa maioría en propiedade e todas nun radio de menos de 2 quilómetros. “Axuda ser a única explotación que queda neste lugar”, aclara Segundo.

Grazas á superficie coa que conta, Xestoselo SC é excedentaria en forraxe. “Supón un alivio moi bo e estamos sacando moi boas producións. Por exemplo, a de millo este ano foi moi boa e temos silo de millo para dous anos. Aínda que o vindeiro ano de millo fose catastrófico a nós non nos afectaría”, di.

Outro tanto pasa co silo de herba. A corta do outono dunhas 20 hectáreas foi triturada, non a aproveitaron, e botaron unhas 10 hectáreas a nabos para fixar nitróxeno e máis tarde envolvelos como abono verde no momento de botar o millo. “Libre non deixamos nada, ás 50 hectáreas que botamos a millo logo sementámoslles herba ou nabos”, conta Álex.

Do corte do mes de xuño fixeron 420 rolos de herba seca para as novillas que decidiron encintar como se fose silo para poder telos fóra e que non lles ocupase sitio na palleira. “Facemos unha compra de palla e alfalfa para todo o ano e así abaratamos, porque penso que este ano vai haber unha suba de prezo importante pola seca”, considera.

Herba seca encintada.

Herba seca encintada.

“Ademais, decidimos probar este ano a encintar a herba seca por primeira vez porque aínda temos 150 pacas do ano pasado e ao ser un corte de herba sementada é case imposible secala ben, e máis nesta zona onde malia estar a 540 metros sobre o nivel do mar hai moita humidade, así que fixemos ensilado de herba seca ou herba seca humedecida. A ver como funciona”, di.

As vacas secas están un mes en pastoreo
Ao sobrarlles terreo e forraxe dispoñible permítelles tamén ter todo o ano en pastoreo as vacas secas. “Facemos o secado aos 237 días de preñadas e con 265 volven á nave de preparto. Durante ese tempo están fóra. É máis ou menos un mes pero é moi importante, porque é a época de rehabilitación e melloran moito as articulacións, sobre todo nas vacas vellas. Nese caso secamos antes, aos 210 días, para que teñan un pouco máis de tempo de recuperación”, explica Segundo. Fan revisións de podoloxía cada 6 meses e as camas que usan son de carbonato. “Estamos contentos con elas”, di.

Cando Segundo enfermou hai 3 anos decidiron contratar a elaboración da ración. Desde entón venlles todos os días o carro mesturador de Irmandiños, que fai dúas racións para as vacas de produción e unha para as novillas todos os días e outra cada segundo día para as secas. O carro bota na explotación unha media dunha hora diaria e o servizo cústalles uns 1.700 euros ao mes.

Os 170 animais en ordeño están divididos en 2 lotes simplemente como xeito de reducir os tempos de espera á hora do muxido, pero sen criterio alimenticio ou por idade á hora de separar os animais nos lotes. “O único que buscamos dividindo as vacas en dous grupos é que non pasen máis dunha hora de espera para o ordeño, pero a ración é a mesma nos dous lotes porque co punteo por ordenador en sala a alimentación pola como queres de xeito individualizado para cada animal, porque o ordenador dalle pienso a cada vaca en función da produción que teña e o resto da mezcla é igual para todas”, explica Segundo, que tampouco defende separar as primeirizas do resto das produtoras.

“Nós fixemos probas de todo tipo e funcionamos mellor cos animais mesturados porque facer o ordeño só de novillas é máis complicado porque son máis nerviosas e quedan máis frouxas na sala de ordeño e ao ir mesturadas quedan máis suxeitas no medio das outras vacas”, argumenta. Nesta explotación están a tres ordeños (ás 6:30, 14:30 e 22:30 horas) e muxir lévalles dúas horas.

3.000 euros ao ano en seme
Xestoselo SC é desde hai máis dunha década unha explotación pechada. “Non mercamos nin metemos nada que veña de fóra”, di Álex. Fan eles mesmos tamén a recría e van facer unha reforma para meter unha amamantadora nun local onde ter as xatas separadas até os 6 meses. “Penso que este é un proceso que hai que automatizar porque senón ao aumentar o número de vacas desbórdate o traballo”, afirma.

A explotación instalou placas solares para reducir o gasto enerxético

El é o encargado do traballo de mellora xenética, no que están buscando maiores calidades, algo que lles está a reclamar a empresa que lles recolle o leite. “Hai dous anos tiñamos máis produción por vaca pero cando nos obrigaron a reducir litros tamén se puxeron máis esixentes nas calidades”, conta. Neste momento andan nuns 11.000 litros de produción media por vaca, con 3,50% de graxa e 3,15% de proteína.

Teñen contratado o control reprodutivo, que fan unha vez ao mes (dous no caso das novillas) e seguen un programa de apareamentos para evitar a consanguineidade. Fan unha compra anual de seme e non gastan máis de 3.000 euros ao ano en dosis. “É unha vida tan curta a das vacas que non merece a pena. Penso que os gandeiros temos que traballar mellor na recría das novillas e tolear menos coa xenética”, opina Álex.

Na busca desa maior autosuficiencia da explotación e dunha menor dependencia do exterior a finais de 2017 colocaron placas solares enriba da sala de ordeño cun investimento de 23.000 euros e unha potencia instalada de 13,2 quilowatios, equivalente á que teñen contratada. Ao coincidir de momento cos meses de inverno e, polo tanto, coa época de menor rendemento das placas, non contan aínda con datos fiables de aforro e Segundo é desas persoas que quere ter datos de todo. “Nunha explotación tes que ter datos, senón andas á deriva”, afirma. No caso das placas e a falta de confirmación numérica fidedigna, intúe que serán rendibles. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información