SAT Lixeiro: Camiño das 300 vacas en muxido e con 43 litros de produción

Sat Lixeiro é unha gandería de Monforte de Lemos froito da unión de 7 socios. Hoxe contan con 242 vacas en muxido e 43 litros de produción e a medio prazo teñen previsto chegar ás 300. Coñecemos o seu día a día

SAT Lixeiro: Camiño das 300 vacas en muxido e con 43 litros de produción

Javier, á esquerda, xunto con Alberto e Juan

“Unha persoa soa pode ir máis rápido pero xuntas chegan máis lonxe”. Esta filosofía cooperativa foi a que levou no ano 2006 a 7 socios do sur de Lugo a crear a SAT Lixeiro, hoxe en día unha das maiores ganderías de vacún de leite da provincia e con maiores producións medias por vaca.

Todo comezou cun grupo de tres explotacións gandeiras dos concellos de Monforte de Lemos e de Bóveda, todas elas socias da Cooperativa Lemos, nas que o relevo xeracional estaba condicionado a ampliar ou facer un establo novo. E decidírono facer xuntos para reducir costes e gañar calidade de vida.

E é que tal e como explica Javier López, un dos socios e presidente da sociedade, o punto de partida das tres ganderías fundadoras era moi parecido: “Eu e o meu irmán José tiñamos a intención de continuar coa granxa dos meus pais, Casa Flora, en Bóveda, con 40 vacas en muxido e cunha sala de ordeño de 4 puntos que se nos quedaba pequena. Os outros dous socios, Alberto e Juan tiñan unha granxa, SAT Lixeiro, máis moderna, con sala de 6 puntos, pero que tamén precisaban ampliar. E en Casa Benito, a gandería de Alberto, os seus pais daquela tiñan 30 vacas e muxían en circuito con 4 puntos”. O feito de coñecerse previamente os socios, de teren colaborado nas tarefas agrícolas e de compartir a mesma filosofía axudou a que a idea de montar unha gandería en conxunto chegase a concretarse.

A elección da parroquia de Porbeiros, no concello de Monforte de Lemos, debeuse a que estaba no centro das terras das tres explotacións. Ademais dos 5 socios traballadores, en SAT Lixeiro contan con outros dous socios capitalistas, dos que un deles aportou os terreos, unha finca de 3,5 hectáreas, nos que se ubica o establo. Tamén contan cun asalariado, Cristian, que axuda no muxido e na alimentación do gando.

Un moderno establo en aceiro, ben ventilado e de fácil ampliación

Establo de Sat Lixeiro, construído en aceiro e con chapa sandwich como cuberta

Establo de Sat Lixeiro, construído en aceiro e con chapa sandwich como cuberta

Unha vez constituída a sociedade, no ano 2006, solicitaron un plan de mellora e ao ano seguinte comezaron as obras de construción dun moderno establo con 225 camas para vacas adultas no que investiron algo máis de 1 millón de euros, financiados en parte cunha axuda dun plan de mellora.

“Deixámonos asesorar e optamos por un establo moi funcional e adaptado ás condicións desta zona, na que no verán hai estrés por calor, con varios días por riba dos 40 grados de temperatura. Así, decidimos construílo en aceiro, que nos permite gañar máis altura, e por tanto máis ventilación, e ser máis fácil realizar ampliacións, ademais de que o ferro sempre ten un valor de venda. E para o teito eliximos chapa sandwich, que axuda moito a combater o estrés por calor, xunto con facer ración húmida, aínda que tamén acabaremos instalando ventiladores para axudar”, explica Javier López.

O establo do gando divídese en tres naves: nunha están as primíparas, outra alberga as vacas adultas e a terceira nave está dividida á metade entre secas e vacas de baixa produción.

A comezos do ano 2008, e tras un ano de obras, empezaron a traballar nas novas instalacións con 100 vacas en muxido, procedentes das tres ganderías socias. A necesidade de medrar e ocupar todos os cubículos para amortizar os créditos levounos a mercar outras 60 vacas en Alemaña e varias nunha explotación veciña, e foi a partir da recría como foron medrando nos seguintes anos.

“Para que unha SAT funcione é moi importante de que todos os socios se mentalicen de que é a súa empresa”

¿Como foi o cambio de instalacións para os animais e para as persoas? “O primeiro ano houbo moita baixa das nosas vacas, sobre todo das adultas que non se adaptaban ás novas instalacións. E para nós foi un salto moi grande, porque tes o luxo de poder enfermar, que sabes que che van poder facer o traballo. Tes vacacións, días libres…etc, algo que antes era moito máis difícil”, recoñece Javier.

En canto ao funcionamento, está convencido de que para que unha sociedade con varios gandeiros funcione ben “é moi importante mentalizarte que é a túa empresa e que tes que loitar para que saia adiante”.

Neste sentido, as responsabilidades en SAT Lixeiro están claremente repartidas: Jose e Alberto encárganse das labores agrícolas e de sacar o xurro, así como de munguir unha fin de semana de cada dúas, mentres que os outros tres socios e Cristian realizan o muxido e o coidado do gando. Este reparto de tarefas permítelles a todos ter dous fins de semana libres ao mes e 15 días de vacacións.

Alimentación do gando e produción

Actualmente nesta gandería contan cuns 500 animais, dos que 242 son vacas en muxido, 56 vacas secas e o resto becerras e xovencas. Precisamente, a falta de espazo levounos a externalizar a recría, que ao comezo facían nas instalacións antigas, pero que logo encargaron a un centro privado, ata que hai un ano a derivaron ao Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro, dependente da Deputación de Lugo e o primeiro centro de recría de carácter público en España. “Enviamos 100 becerras ao Centro de Recría da Deputación e o resultado está a ser moi bo. Realizamos unha visita hai dous meses e o crecemento das becerras co programa de alimentación intensiva en leite é expectacular”, recoñece Javier.

Un dos silos de millo de SAT Lixeiro

Un dos silos de millo de SAT Lixeiro

Nas vacas en muxido obteñen unha media de produción de 43 litros diarios en 3 muxidos, cunha media de 3,80% de graxa e 3,3% de proteína. No pasado ano produciron un total de 3 millóns de litros de leite, unha cifra que prevén incrementar lixeiramente neste 2019. Os muxidos realízanos ás 9 da mañá, ás 5 da tarde e á 1 da mañá nunha sala traseira de 24 puntos que agora quédaselles pequena.

“Fomos a 3 muxidos por números e porque nolo aconsellaron os técnicos: menos mamites, menos descolgues de ubres, vacas máis descansadas…etc. É máis traballo pero compénsanos”, subliña o presidente da SAT.

O leite véndenllo á cooperativa Lemos, que o envasa na súa propia industria, CELEGA, adquirida xunto con Coreber a comezos de 2017. “Cada vez que pasamos diante da planta sentímola como nosa. Investiuse moito na compra pero pagou a pena”, subliña.

Neste momento perciben polo leite 0,32 euros o litro, máis calidades e IVE. “Se se manteñen os prezos e os costes do penso non é unha mala situación. Cando si o pasamos bastante mal foi na crise de prezos de 2016, cando a industria á que llo vendíamos baixounos a 0,27 euros o litro, un prezo que non nos daba para cubrir gastos e aínda tiñamos que pagar o préstamo do establo novo”, recoñece Javier.

 “Co paso do tempo o que buscamos sobre todo foi rendibilidade e producción, máis que tipo”

Na selección xenética traballan principalmente con touros xenómicos de Xenética Fontao, pero tamén de Aberekin e Semenzoo, primando por esta orde os caracteres de producción, ubres e patas e vida produtiva. “Ao principio, cando eramos máis novos, gustábannos moito os concursos e o tipo das vacas. Pero co paso do tempo o que buscamos sobre todo foi rendibilidade e producción, máis que tipo”, asegura Javier.

En canto á alimentación do gando adecúan a ración ao estado produtivo dos animais. Así, as vacas adultas en pico de lactación comen cada día 13 kg de silo de herba, 1 kg de palla, 38 de kilos de silo de millo e 15 de penso. Para o lote de primíparas /xovencas e vacas en cola de lactación a ración componse de 10 kilos de silo de herba, 27 de silo de millo, 1 kg de palla, e 15 kg de penso. E para o lote de vacas secas a ración diaria é de 6 kilos de palla, 13 kg de silo de millo e 4 de penso.

O penso mércanllo á Cooperativa Lemos, que tamén lles fai o carro unha vez ao día, e lles presta os servizos veterinarios, de ADS ou servizos de maquinaria agrícola.

Manexo da base territorial

Malia a dispersión das parcelas, repartidas polos concellos de Monforte de Lemos, Bóveda, O Incio e A Pobra do Brollón, en SAT Lixeiro conseguen ser autosuficientes en produción de forraxes para o gando.

Comezaron empregando colchoneta nas camas pero pasáronse á area para reducir as mamites

Comezaron empregando colchoneta nas camas pero pasáronse á area para reducir as mamites

En total manexan algo máis de 200 hectáreas -o 80% fincas arrendadas ou cedidas- nas que cultivan 80 hectáreas de millo forraxeiro, 50 hectáreas de pradeiras temporais de raigrás italiano e unhas 80 hectáreas de pradeiras naturais para herba seca, da que son excedentarios e que prevén incorporar picada á ración para aforrar a compra de palla.

Os rendementos do millo, o principal alimento das súas vacas, rondan de media as 35 toneladas por hectárea, aínda que oscilando moito entre as parcelas con regadío e as de secaño e segundo o ciclo, comezan cun 500 a comezos de maio e rematan cun 300 para o sementado en xuño.

“O gran problema a día de hoxe da nosa explotación é o xabarín”

Precisamente lograr a colleita de millo é que o trae de cabeza estes días aos gandeiros de SAT Lixeiro. E é que temen que, como veñen sufrindo nos últimos anos, lles estrague entre 10 e 15 hectáras, arredor do 20% da superficie que sementan.

“Este ano na sementeira xa houbo ataques e tivemos que sementar ata 3 veces na mesma leira. Temos probado de todo, dende pastor eléctrico a repelentes e sen resultados. Este problema do xabarín débese a que hai moito monte e terra abandonados ao redor. Podería decir que o gran problema a día de hoxe da nosa explotación é o xabarín e a administración debería dunha vez por todas actuar a tomar cartas no asunto”, quéixase Javier.

Plans para o futuro: Unha nova nave para chegar a 300 vacas en muxido

Actualmente en SAT Lixeiro están comezando as obras para ampliar o establo. A Xunta aproboulles un plan de mellora para construír dúas novas naves: Unha para parideiras e boxes para os becerros e outra con 76 cubículos para vacas adultas, co que agardan chegar a algo máis de 300 vacas en muxido.

Tamén teñen previsto construír unha esterqueira e ampliar a fosa de xurro, de 2 millóns de litros de capacidade, para poderen seguir medrando.

Val de Lemos: Unha iniciativa na que participan pero que non acaba de dar os seus froitos

SAT Lixeiro é unha gandería proactiva á hora de buscar terras de cultivo no Val de Lemos, a maior superficie agrícola con regadío de Galicia, que anos de desleixo e de mala planificación levaron ao abandono.

“Creo que nin o 30% da superficie de regadío estará cultivada, e o resto está invadido pola matogueira ou con plantacións de piñeiros, chopos..etc. Nós queremos alugar e pagamos uns prezos razoables pero é moi difícil porque hai moitos casos de herdanzas sen partir ou de propietarios que están fóra. E todos os anos miramos fincas no Banco de Terras para alugar pero nesta zona non hai parcelas incorporadas”, explica Javier.

Neste sentido, dende 2015 participan nun proxecto coa Fundación Juana de Vega, a Universidade de Santiago de Compostela e a Consellería de Medio Rural para mobilizar e poñer en produción terras abandonadas do Val de Lemos. O proxecto inicial centrábase en 160 hectáreas no concello de Bóveda. “Sen embargo, de momento e a pesar da boa acollida que tivo entre os propietarios non se concretaron resulados ningúns”, lamenta.

A clave de SAT Lixeiro para a rendibilidade dunha gandería de vacún de leite: “Facer boas forraxes, moi dixestibles e con boas calidades. E cultivar ti mesmo as forraxes”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información