Recomendacións para a aplicación de herbicidas no millo

Santiago Sousa Lema, director da Área de Cultivos e Mecanización da cooperativa Os Irmandiños ofrece unhas recomendacións para a aplicación de herbicidas no millo.

Recomendacións para a aplicación de herbicidas no millo

Aplicando herbicidas de postemergencia

Unha vez realizada a sementeira, que debera poñer fin á primeira fase do plan de cultivo, debemos prestar atención á evolución do millo e aplicar os tratamentos necesarios para limitar a afectación por malas herbas e insectos. A vixilancia desde a nacenza das plantas, ata a fase de 8-10 follas será vital para detectar posibles problemas e tratar de resolvelos en tempo, aplicando o produto axeitado.

O obxectivo a acadar é limitar o impacto de malas herbas para que o cultivo de millo non teña competencia e poida acadar todo o seu potencial de produción. Así mesmo, o control dos insectos que poden ocasionar grandes perdas en canto ao número de plantas en produción, debemos previr a súa presenza masiva no cultivo e vixiar continuamente ata que o millo acade un porte en torno os 30-40 cm.

“Nos herbicidas de preemerxencia é moi importante aplicalos con humidade no solo”

Para realizar o control de malas herbas, podemos optar por herbicidas de pre-emerxencia, que se deben aplicar antes da xerminación das mesmas. Son produtos que se aplican a doses altas de caldo (500-700 litros/Ha) para favorecer a súa correcta difusión e penetración na terra, sendo recomendable aplicalos en condicións de humidade no solo. Este tipo de produtos, teñen por obxectivo bloquear a xerminación das plántulas de malas herbas, e limitar así a súa evolución mentres o millo non cobre totalmente o espazo entre os regos. Debemos ter en conta, que este tipo de produtos deben chegar á terra, polo que deixan de ter eficacia se os aplicamos cando a superficie foliar do millo ou das malas herbas impiden que cheguen ao solo.

Os herbicidas de post-emerxencia deben aplicarse en ausencia de humidade

A outra gama de herbicidas son os produtos de post-emerxencia, que se aplican unha vez as malas herbas xa están presentes e visibles. Son produtos específicos de acción vía foliar e adóitanse aplicar a doses máis baixas de caldo (100-200 litros/Ha). Estes produtos deben ser aplicados en ausencia de humidade para fomentar a adherencia á superficie foliar das malas herbas. Cando se empregan este tipo de produtos, debe terse en conta as recomendacións de uso, prestando especial atención á compatibilidade co número de follas que teña a planta de millo, para que non lle resulte lesivo á mesma.

Combinar distintas materias activas

Nos últimos anos, en parte polas resistencias aos herbicidas habituais, nunha mesma parcela atoparemos malas herbas de folla ancha e de folla estreita, polo que podemos contemplar como opción a combinación de diferentes materias activas. Nestes casos é necesario dispoñer de información para determinar se os herbicidas son compatibles entre si, tanto a nivel físico como químico. Toda combinación de herbicidas debe realizarse con precaución, tanto no que se refire á dose máxima combinada, como no que teña que ver coas condicións de aplicación. Se cometemos algún erro, ou aplicamos en condicións adversas, o máis probable é que o resultado sexa negativo sobre o millo e na maioría dos casos será irreversible.

Debemos considerar sempre os condicionantes legais sobre a aplicación de produtos fitosanitarios aos cultivos destinados á alimentación animal, e realizalos dispoñendo das autorizacións legais correspondentes ou contratalos con empresas autorizadas. No momento de valorar os tratamentos herbicidas a aplicar nas diferentes parcelas da explotación, debemos coñecer cales son as principais malas herbas, valorar o grao de infestación e establecer unha estratexia axeitada para cada caso. Ademais, debemos considerar as condicións de climatoloxía, especialmente no que ten que ver cosa previsión de choivas e do vento no momento de aplicación.

“Pode ser moi interesante optar por boquillas de “baixa deriva””

En canto ao vento, pode resultar moi interesante optar por boquillas de “baixa deriva”, que xeran unhas gotas máis grande que son proxectadas ao chan con maior precisión e son notablemente menos sensibles á deriva. Ao mesmo tempo, debemos vixiar a presión de traballo, xa que canto maior sexa a presión, menor tamaño de gota e maior sensibilidade ao vento. Por outra banda, o tamaño de pinga tamén debe adaptarse ao tipo de tratamento, xa que se o que queremos é “pegar” as pingas ás follas, deben ter un tamaño medio-fino, para evitar o lavado. Neste ultimo caso, resulta moi efectivo empregar “mollantes” que axudan a que as gotas do tratamento se queden suxeitas ás follas e melloren a difusión do mesmo na plántula.

Emprego de abonos líquidos de acción foliar

Nos últimos anos, é habitual o emprego de abonos líquidos de acción foliar, que se poden aplicar sós ou en combinación con herbicidas. Neste sentido, se os aplicamos combinados con herbicidas, debemos facelo con precaución xa que as formulacións de abonos foliares tenden a incorporar “fixadores foliares” para que o produto se “pegue” ás follas. Polo tanto, se engadimos herbicidas debemos ter isto en conta e minorar a doses, pois ese efecto de fixación foliar pode supoñer unha “alteración” da efectividade do herbicida e resultar nun dano a nivel foliar para a planta de millo.

Ao mesmo tempo, se o herbicida seleccionado non é o “correcto” para as malas herbas a eliminar, debemos ter en conta que as que persistan lles aportamos tamén fertilizante, polo que pode resultar que o efecto sexa contrario o desexado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información