Gandería Manteiga SC: un exemplo de relevo xeracional feminino

Visitamos Manteiga SC, de Vila de Cruces (Pontevedra), unha gandería familiar de vacún de leite na que as fillas protagonizan o relevo xeracional. A súa incorporación vai acompañada da modernización das instalacións.

Gandería Manteiga SC: un exemplo de relevo xeracional feminino

A familia de gandería Manteiga SC ao completo no cuarto onde gardan os premios dos concursos nos que participaron. Foto: Afriga

Gandería Manteiga SC é unha explotación familiar de vacún de leite situada na parroquia de Oirós, no concello pontevedrés de Vila de Cruces. Nela traballan o matrimonio formado por Jesús Manuel Manteiga e Marifé Rodríguez e a súa filla maior, Rocío, que, xunto á súa irmá, María, en breve tomarán o relevo da explotación.

A historia desta gandería reflexa o enorme salto técnico e económico que experimentou o sector sector lácteo galego nas últimas tres décadas. Cando se incorporou Jesús Manuel, no ano 1988, a gandería familiar contaba con 12 vacas e 20.000 kilos de cota. Hoxe Gandería Manteiga ten 120 cabezas de gando, das que unhas 60 están en muxido, e uns 500.000 litros de produción anual, cunha media duns 11.300 kilos por lactación.

Pero as necesidades de evolución son constantes neste sector. Así, teñen solicitado un plan de mellora para construír un novo establo, así como unha nova fosa de xurro, novos silos e para adquirir un robot de muxido. “A nave actual quédasenos pequena e antiga e vemos que a mellora xenética que realizamos nos últimos anos necesita dunhas novas instalacións nas que as vacas teñan maior benestar animal para poder desenvolver todo o seu potencial xenético”, explica Jesús Manuel.

Aínda que a situación do prezo do leite non anima aos gandeiros a realizar grandes investimentos, o paso de modernizar as instalacións dérono grazas a que Rocío decidiu incorporarse á explotación no ano 2015 e tomar o relevo aos seus pais, un paso que tamén ten intención de dar en breve a súa irmá María.

Estratexia de alimentación: producir o máximo de forraxes na explotación

Manteiga SC manexa unhas 50 hectáreas de base territorial, entre propias e en alugueiro. Cultivan raigrás, millo forraxeiro e xirasol, un cultivo que cada vez cobra máis protagonismo nesta zona como alternativa ante os crecentes ataques dos xabaríns ás fincas de millo. “O xabarín é un problema cada vez máis grave para os gandeiros. Este ano botamos menos millo porque tivemos que resementar 4 hectáreas que nos arrasou”, quéixase Jesús Manuel, quen advirte de que “o problema cada vez é máis grave, pois antes só atacaba cando o millo xa tiña espiga, pero agora xa ao sementalo”.

A estratexia de alimentación do gando é principalmente en base a forraxes producidas na propia explotación. As vacas en produción permanecen estabuladas e reciben unha ración diaria de 1 kg de palla, 2 kg de alfalfa, 16 kg de silo de millo, 22 kg de silo de herba e 8 kg de penso. As xovencas e as secas están en pastoreo e reciben tamén un complemento da ración.

As calidades do leite desta gandería están nunha media de 3,2% de proteína e entre 3,6 e 3,8% de graxa, unha porcentaxe que baixa cando a ración contén máis xirasol. Venden o seu leite a través da cooperativa primeiro compradora Cobideza a Reny Picot, cun prezo de 27 céntimos máis calidades referenciado á media de Galicia e con variación mensual. O contrato é anual.

Valoran positivamente os servizos da cooperativa Cobideza, sobre todo o de substitucións

Ademais, en Manteiga SC botan man doutros servizos da cooperativa dezá, tanto para os traballos de sementeira e de recolección como para o servizo de substitución, unha iniciativa da que esta gandería foi fundadora e que ten moi boa acollida entre os socios, ao permitir dispor de días libres e de vacacións coa tranquilidade de deixar a explotación a cargo de persoal cualificado.

A xenética é unha das grandes apostas desta gandería. Así, Manteiga SC participa dende hai anos no programa de compra de embrións de Xenética Fontao, implantan embrións nas xovencas, utilizan seme sexado de forma selectiva e dende hai tres anos realizan un xenotipado das becerras con máis potencial. Todo co obxectivo de realizar unha mellora do rabaño e quedarse coas mellores femias. E é que, tal como subliña Jesús Manuel “a mellora xenética costa cartos e é difícil en momentos de prezos do leite coma este, pero é fundamental para mellorar a rendibilidade da explotación”.

Realizan xenotipado das becerras para quedarse coas mellores femias

Nas xovencas ou vacas con peor xenética e rendemento inseminan con becerros de carne, fundamentalmente de razas Azul Belga, Blonda e Rubia Galega, descartando a Limousin polos problemas de parto que, segundo Jesús Manuel, presenta esta raza para as vacas frisonas. Arredor dun 30% das inseminacións son con razas cárnicas.

En canto ao futuro, en Gandería Manteiga ven imprescindible mellorar o acceso á terra para as explotacións gandeiras. “Queremos aumentar a base territorial pero nesta zona é difícil porque, aínda que hai superficie abandonada, os alugueiros están caros, hai competencia coas plantacións de eucaliptos e o Banco de Terras aquí non funciona”.

manteiga_ganderia_standar_2

Marifé, Jesús e María en pleno día de traballo

María Manteiga: “O meu soño é seguir coa gandería familiar”

María Manteiga prevé incorporarse en breve á explotación familiar, “a finais de ano ou comezos do que vén, depende de cando resolva a Consellería a miña axuda de incorporación”, asegura.

A súa vocación gandeira ven dende nena: axudando no coidado das vacas, como experta manexadora en concursos e tamén participando en asociacións profesionais como o Clube de Xóvenes Gandeiros.

“Co robot de muxido teremos menos dependencia de persoal externo”

Actualmente rematou o segundo ano de Enxeñería Agrícola na Escola Politécnica de Lugo, unha formación profesional que considera necesaria para as persoas que se queiran incorporar ao sector. “É imprescindible formarse e que che guste o sector, e penso que as novas xeracións que nos incorporemos podemos aportar a visión doutros sistemas máis baseados nas forraxes propias e de calidade producidas na explotación e menos na compra de alimentos externos, para así aumentar a marxe que nos queda aos gandeiros”, asegura.

En canto ao plan de mellora para a súa gandería familiar, María salienta que “a compra do robot de muxido e a estabulación libre buscan que podamos controlar a granxa co noso propio traballo e depender menos da man de obra externa”, un persoal cualificado e motivado que non é doado atopar.

“Gústame a gandería e o meu soño dende pequena foi quedarme aquí e quero cumprilo”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información