Miguel López é o secretario xeral da Unión de Consumidores de Galicia (UCGAL), unha organización que leva 26 anos traballando polos dereitos dos consumidores galegos. Lamenta que “malia sermos o destino final da cadea do leite, ninguén está a ter en conta aos consumidores para buscar solucións á crise do sector lácteo”.
¿Como vedes como asociación de consumidores o conflito que está a haber no sector lácteo entre gandeiros, por unha parte, e industria e distribución por outra?
Os consumidores somos un chanzo máis da cadea do leite e nunca se nos tivo en conta nin por parte da administración nin por parte da industria, distribución e gandeiros. É revelador que a día de hoxe, en plena crise do sector lácteo, non recibiramos ningunha consulta nin a nosa asociación como tampouco o Consello Galego de Consumidores e Usuarios.
¿Como pode apoiar o consumidor aos gandeiros galegos?
O problema para os consumidores é que non temos ferramentas nin información transparente para coñecer a realidade do sector.
Non hai dúbida de que a cidadanía apoia ao sector gandeiro e solidarízase con el como nunca. O problema é que a día de hoxe o consumidor non ten información suficiente para facer unha compra consciente do leite. É dicir, o consumidor non sabe obxectivamente canto debería custar un litro de leite no supermercado para que o gandeiro teña garantida a súa supervivencia, pois hai un amplo abano no leite de 45 a 90 céntimos no leite normal.
“Nin o selo PLS nin o de Galega 100% garanten un prezo sustentable para o gandeiro”
Por outra parte, o consumidor tampouco sabe que establecementos ou cadeas comerciais garanten a sustentabilidade do gandeiro. Desde a propia administración séguese confundindo ao consumidor con mensaxes xerais de compre leite galego e que garantan a sustentabilidade para o gandeiro. Dígame vostede cales son eses establecementos comerciais onde se garante que o leite que venden é sustentable para o gandeiro?
Pero existe o selo Galega 100% que si lle ofrece garantías ao consumidor….
O selo de Galega 100% garante dúas cousas: orixe galego do leite e calidade excepcional dese produto lácteo. O que con comparte a Unión de Consumidores de Galicia é que ese selo garanta a sustentabilidade das explotacións lácteas, porque non é certo. No regulamento deste selo non hai ningunha referencia a condicións económicas que garantan un prezo xusto para os gandeiros.
¿E o selo PLS?
O selo de Produtos Lácteos Sustentables (PLS) para a Unión de Consumidores de Galicia a día de hoxe está totalmente pervertido porque como consumidor non podo acceder ao convenio entre a empresa lácteo e o Ministerio de Agricultura nin á propia memoria que presentou a empresa ante o Ministerio para poder solicitar o selo PLS.
Pero, ademais, non existen controis máis alá das declaracións de intencións e de responsabilidade da empresa, pero non hai garantías efectivas de control nin hai transparencia. Os convenios entre as industrias lácteas e o Ministerio para acceder ao selo PLS deberían ser públicos e accesibles para comprobar se realmente lle están a pagar aos gandeiros uns prezos que garantan a sustentabilidade das súas explotacións.
Nesta situación, que pode facer o consumidor para comprar de forma responsable leite e produtos lácteos?
Os consumidores a veces non somos suficientemente responsables na nosa compra, pero para iso debe ter unha información transparente e obxectiva de como funciona o mercado, e poder tomar a decisión que considere oportuna.
A moi curto prazo os consumidores poden facer pouco para mellorar a situación dos nosos gandeiros, máis alá de informarnos debidamente de que o produto ten orixe galega.
“A curto prazo o que pode facer o consumidor é mercar produtos co selo Galega 100%”
Neste sentido, e mentres as administracións non lexislan para facilitar máis información sobre a sustentabilidade do produto, recomendámoslle aos consumidores que merquen produtos lácteos co selo Galega 100%, xa que polo menos nos garante unha orixe en Galicia e unha calidade superior. Pero debemos esixir a empresas e Administración que este selo tamén contemple compromisos públicos das empresas de sustentabilidade económica para os gandeiros e actuar en caso de incumprimento.
A medio e longo prazo, o que pode facer o consumidor é poñerse en contacto co servizo de atención ao cliente da cadea de distribución, como o están a facer estes días moitos dos nosos asociados, para que lles garantan a orixe do leite, a sustentabilidade dos prezos que se lle pagan aos gandeiros e que non se banalice o produto.
Asistimos atónicos a unha resposta común da distribución cando lle preguntamos porqué utilizan o leite como produto reclamo: porque o fai a competencia. Sorpréndenos como ningún grupo de distribución non aposte por un tratamento diferenciado: non baixar o prezo do leite senón mantelo ou mesmo subilo para lanzar a imaxe de que cumpre os seus compromisos cos gandeiros.
Tamén nos podemos dirixir ás empresas adheridas ao selo PLS para que realmente garantan unha remuneración sustentable para os gandeiros.
Reivindico o control da cidadanía e do consumidor para esixirlle ás empresas que publicamente manifestan compromisos para que mos demostre como cidadán.
Estades a facer unha enquisa entre os consumidores sobre o prezo que debería ter o leite. Podes avanzarnos algunha conclusión?
Os primeiros datos indican que maioritariamente que o consumidor galego cre que o leite de Galicia debería moverse dos 65 céntimos o litro para garantirlle uns ingresos dignos aos gandeiros. É unha enquisa con respostas pechadas: por debaixo dos 55, entre 55 e 64 ou 65 ou máis céntimos por litro.
“A maioría dos consumidores cre que o prezo xusto para o leite é máis de 65 céntimos”
E que debería facer a Administración?
A Unión de Consumidores de Galicia presentou hai tres meses unha serie de propostas á Consellería do Medio Rural que a medio prazo pretendían incidir na mellora do sector. Este plan contempla a educación para o consumo como materia transversal dende a etapa escolar. Tamén debemos formar ao conxunto da cidadanía para realizar unha compra responsable.
Tamén falamos nese documento do control de mercado, que parece que non está a funcionar correctamente debido ás prácticas de venda a perdas e de banalización do leite. Non pode ser que por encher o depósito de combustible nos regalen 6 litros de leite.
Ademais, contemplamos actuacións para a posta en valor do produto, de seguir incorporando o leite dentro dunha dieta saudable e equilibrada, para frear a baixada do consumo de leite líquido, malia que se compense coa suba do consumo doutros produtos lácteos. Sen embargo, parece que estas propostas non están a ser tidas en conta pola Consellería.