A ADS Xundeva consolídase como a maior de Galicia ao incorporar á Agrupación de Silleda

A fusión formalizouse na celebración dos encontros anuais que Xundeva celebra en Lalín. A ADS pasa a aglutinar ás agrupacións das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes, con máis de 43.000 unidades de gando maior, e supera o milleiro de socios

A ADS Xundeva consolídase como a maior de Galicia ao incorporar á Agrupación de Silleda

Sinatura da fusión entre as ADS de Silleda e Xundeva, nos encontros gandeiros celebrados en Lalín.

As Agrupacións de Defensa Sanitaria (ADS) de Silleda e a de Xundeva acaban de asinar a súa fusión. O anuncio fíxose no marco dos encontros gandeiros que a ADS Xundeva celebra cada ano en Lalín (Pontevedra). Os presidentes das dúas entidades asinaron o acordo polo que Silleda se integra en Xundeva, que pasa agora a aglutinar ás agrupacións de defensa sanitaria das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

O acordo chega logo de varios anos de negociacións, un reto que o actual presidente de Xundeva, Manuel Fernández, afrontou dende o momento en que asumiu a presidencia da entidade, xa no 2013, e que acabou de fraguarse no último ano. “Quixemos facer un acordo que perdure no tempo e para iso hai que aclarar todo ben antes da fusión”, comentou Manuel Fernández.

Xundeva consolídase como a ADS máis grande de Galicia ó agrupar os colectivos das comarcas de Deza e Tabeirós-Terra de Montes

Con esta fusión, Xundeva pasa das 36.500 unidades de gando maior que atendían ata o momento a contar con máis de 43.000 vacas. Coa integración de Silleda tamén se sumará un novo profesional ós 6 que ata o de agora daban servizo ás ganderías asociadas. Desta maneira, Xundeva rebasará o milleiro de socios. “Xundeva consolídase como a ADS máis grande de Galicia e mesmo pode ser a máis grande a nivel nacional”, apunta Fernández.

O anuncio do acordo serviu como clausura ás xornadas, un acto no que participou o alcalde de Lalín, Xosé Crespo, e o concelleiro de gandería, Avelino Souto. Precisamente, Crespo aproveitou a oportunidade para louvar a fusión e convidar a que este tipo de acordos se leven a cabo tamén noutras entidades do sector gandeiro, cunha fusión de cooperativas no Deza.

Xornadas técnicas

Á marxe do acordo, as XV Xornadas Técnicas da ADS Xundeva abordaron aspectos de interese para as ganderías da man de profesionais de diferentes empresas. O control das diarreas nos becerros acabados de nacer foi o primeiro tema da xornada. José Luis Vázquez, xerente de zona de animais de produción do laboratorio Virbac incidiu na importancia dun bo encalostrado para atallar esta problemática nas ganderías.

Outro dos asuntos que se abordaron foi a xestión dos residuos perigosos nas granxas, para o que o xerente da firma Aplicaciones Ambientales y Residuos, Román Habela, detallou o procedemento a seguir con este tipo de residuos presentes nas granxas.

Na xornada tratáronse as diarreas neonatais, a xestión de residuos, a conxuntivite ou a aplicación de larvicidas

Tamén se trataron temas como a conxuntivite infecciosa, unha enfermidade que está a ter unha incidencia elevada nos últimos anos nas ganderías galegas segundo coincidiron en sinalar tanto o veterinario Raúl Martínez, responsable do servizo técnico de ruminantes dos laboratorios Syva, así como a coordinadora dos servizos veterinarios de Xundeva, Gloria Martínez.

Os tratamentos insecticidas, foi outro dos asuntos afrontados na sesión dada a importancia que supoñen para as ganderías ó ser un dos métodos de control e prevención de numerosas enfermidades. Neste caso, o asesor farmacéutico Carlos Guada, e o veterinario César Ramos, ambos de SP Veterinaria, encargáronse de ofrecer recomendacións á hora de realizar estes tratamentos para conseguir unha maior eficiencia.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información