A PAC que se aplicará en Galicia mantén as limitacións para o cultivo de millo forraxeiro

A orde publicada no DOG pola Consellería do Medio Rural mantén as limitacións de cultivo de millo no 75% da superficie para as explotacións gandeiras con máis de 10 hectáreas ao optar polo período de control da diversificación de cultivos de maio a xullo

A PAC que se aplicará en Galicia mantén as limitacións para o cultivo de millo forraxeiro

Ensilando millo, o principal cultivo das explotacións lácteas galegas

As explotacións gandeiras galegas non poderán, un ano máis, sementar en 2016 máis do 75% da súa superficie dispoñible con millo forraxeiro, un cultivo esencial para o autoabastecemente de forraxes, e polo tanto para a redución de custos de produción do leite, para a maioría das explotacións lácteas de Galicia.

Na presentación en rolda de prensa das axudas da PAC para 2016 a conselleira do Medio Rural salientou como unhas das novidades que “se evita ter que deixar de cultivar superficie de millo para deixala a barbeito”. Sen embargo, referíase á Superficie de Interese Ecolóxico (SIE), -que en realidade non afecta á superficie de millo- pero non á outra pata das axudas do pago verde da PAC: a diversificación de cultivos, onde, ao igual que o pasado ano a Xunta mantén as mesmas limitacións, xa que o período de control será de maio a xullo, xusto no momento de cultivo do millo forraxeiro.

O pago verde esixe que os produtores con máis de 10 hectáreas sementen alomenos dous cultivos -3 se o produtor ten máis de 30 hectáreas-, sen que ningún deles supere o 75% da superficie. Quedan exentas as explotacións que teñan as tres cuartas partes das súas terras con praderías.

Así consta na Orde publicada no Diario Oficial de Galicia pola que a Consellería do Medio Rural regula as axudas da PAC. E así informou a Consellería do Medio Rural a Campo Galego, subliñando que “ao igual que o ano pasado a porcentaxe máxima de terra de cultivo que poden ter a millo -as explotacións con máis de 30 hectáreas de superficie- é do 75%”.

O Ministerio asegura que “as Comunidades poden axustar o período de control ás súas condicións agroclimáticas”

Dende Medio Rural aseguran que o período no que hai que cumprir coa diversificación de cultivos “establécese en base ás directrices da Comisión Europea”. Sen embargo, no Real Decreto 1172/2015, de 29 de decembro, polo que o Ministerio de Agricultura regula as axudas da PAC e traspón a lexislación da Comisión Europea a España establece que “o período no que se levará a cabo a verificación do número de cultivos e a súa porcentaxe irá de maio a xullo, de forma que maioritariamente os cultivos se atopen no terreo durante este período. Non obstante, as Comunidades Autónomas poderán axustar o devandito período tendo en conta as condicións agroclimáticas da súa rexión”.

Este foi o caso de Asturias, onde o Goberno rexional adaptou a aplicación do período de control para non penalizar o cultivo de millo forraxeiro. “Asturias parece que estableceu un período de control do 15 de xaneiro ao 15 de maio, co cal os gandeiros, atrasando a sementeira para a segunda quincena de maio -cun millo de ciclo máis corto-, non teñen que cumprir co máximo de 75%”, asegura Javier Iglesias, responsable de gandería de Unións Agrarias.

Javier Iglesias (UUAA): “En Asturias o período de control é do 15 de xaneiro ao 15 de maio, co que non hai limitacións ao millo forraxeiro”

Sobre a modificación da Orde da Consellería a través dunha corrección de erros para contemplar en Galicia a mesma posibilidade que en Asturias, Javier Iglesias veo “difícil, porque agora xa non da tempo”.

A limitación do cultivo de millo forraxeiro afectará ás explotacións lácteas máis dimensionadas e suporá un prexuízo de 180 euros por hectárea

Segundo os cálculos da Xunta correspondentes ao pasado ano, o paga verde en Galicia afectaría a 3.000 explotacións, mentres que 35.000 perceptores da PAC quedarían exentos de cumprir coas obrigas do greening, unhas cifras que non deberían variar substancialmente este ano ao manterse as mesmas condicións para a diversificación de cultivos.

Para Javier Iglesias “as máis afectadas serán as explotacións lácteas máis dimensionadas”. Neste sentido, ao limitar a superficie de millo que se pode plantar nas parcelas afectadas pola norma de diversificación de cultivos, se reduce a produtividade por hectárea destas superficies.

Segundo resultados do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, o millo é o cultivo de verán máis produtivo, cun rendimento anual medio de 13 toneladas de materia seca, mentres que calquera outro cultivo forraxeiro de verán (incluidos o xirasol ou o sorgo) non supera as 7-8 toneladas de materia seca por hectárea e ano. Isto provoca unha perda de rendemento unitario de algo máis do 10%, respecto da situación na que toda a parcela está ocupada por millo. Debido ao cal, se o gandeiro se ve obrigado a comprar fóra da explotación a forraxe que lle falta, tería que facer un gasto extra de entre 170 e 200 euros/ha para manter o “status quo” alimentario da explotación

PAGO_VERDE_MILLO_CIAM

Autor: Gonzalo Flores CIAM-INGACAL

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información