Leite Noso dá o salto no campo, con máis de 200.000 litros diarios de recollida

A sociedade galega, que comercializa as marcas Deleite e Muuu, asina contratos cos gandeiros a tres anos, na gama alta de prezos en orixe, e proxecta este ano expandir a comercialización dos seus productos a toda España en diferentes cadeas de distribución

Leite Noso dá o salto no campo, con máis de 200.000 litros diarios de recollida

Gandería de Touro que vén de incorporarse como proveedora a Leite Noso.

Leite Noso, a sociedade galega que comercializa directamente as marcas Deleite e Muuu, acometeu este mes unha forte expansión no campo. Desde o 1 de abril, Leite Noso move unha recollida diaria de máis de 200.000 litros, tras captar a multitude de ganderías en toda a Comunidade, a maioría delas de referencia no sector pola súa dimensión e profesionalidade.

A empresa asinou con tódalas súas granxas un contrato estable de longa duración, a tres anos, un periodo contractual inédito ata agora no sector. Cando Leite Noso comezara a operar, fai menos de catro anos, xa fixera unha aposta decidida pola estabildade contractual, apostando daquela por acordos dun ano, inusuais entón no campo, e agora avanza un paso máis na mesma liña.

Cos compromisos de tres anos, a firma garante unha estabilidade para as ganderías, ademais cun nivel de prezos altos, e asegúrase á vez un suministro de leite de calidade procedente de granxas de futuro.

A expansión no campo de Leite Noso, acompañada dunha aposta por contratos de 3 anos, representa unha revolución silenciosa que sitúa á empresa no Top-10 dos operadores lácteos galegos

O salto en volume de recollida que acaba de protagonizar Leite Noso, nunha auténtica revolución silenciosa, sitúa á empresa no Top-10 dos principais operadores lácteos de Galicia. Este crecemento enmárcase no obxectivo a curto prazo de Leite Noso de iniciar a venda dos seus produtos a nivel de toda España.

A sociedade, impulsada por gandeiros galegos, iniciou no 2016 a comercialización de Deleite en diferentes cadeas de distribución en Galicia, ademáis de en tendas de proximidade, pero a nivel estatal só fixera unha experiencia coa marca Muuu por medio dun acordo con Carrefour. Nos próximos meses, Leite Noso ten prevista a súa expansión fora de Galicia con diferentes cadeas de distribución, así como gañar maior presenza nos lineais galegos.

A empresa, que se posicionou na súa primeira etapa como unha ‘marca xusta’ de leite galego de calidade, quere dar tamén un salto a medio prazo no seu posicionamento entre os consumidores. Sen perder a súa esencia orixinal, Leite Noso traballa coa perspectiva de comercializar coas súas marcas produtos baseados na diferenciación dende a orixe e na incorporación de I+D+i, na procura de valores engadidos a nivel de saúde. De xeito paralelo, Leite Noso manexa acordos estratéxicos de suministro de leite “á carta” e de calidade diferenciada a outras industrias que aposten pola innovación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información