Leite de ‘rebaixas’, a oferta que disgusta

O sector demanda solucións fronte ós baixos prezos que impón a distribución nos supermercados, xa que repercuten sobre fabricantes e gandeiros

Leite de ‘rebaixas’, a oferta que disgusta

Leite semi a 56 céntimos e con calcio a 66, esta semana en Galicia.

O uso do leite como produto reclamo en supermercados e grandes superficies é unha situación que leva enquistada desde hai máis dunha década, sen que haxa perspectivas de grandes cambios. A venda do leite a baixos prezos, como estratexia da distribución para atraer clientes, beneficia ós consumidores, pero no sector gandeiro pregúntanse como vai subir o prezo en orixe do leite se nos lineais da distribución o brik de litro está por baixo de 60 céntimos.

Cinco grandes cadeas acaparan arredor do 70% das vendas no sector da distribución alimentaria, co que presentan unha posición de dominio na negociación co resto dos eslabóns da cadea alimentaria. Outro elemento que reforza o papel dos grupos de supermercados no mercado do leite é o crecemento da marca do distribuidor –máis barata para o consumidor-, que pasou dunha cota de mercado do 24% no 2000 a preto dun 60% no 2011.

A Ley 12/2013 de Mejora de la Cadena Alimentaria entrou en vigor en agosto do 2013 co obxectivo de reequilibrar o poder de negociación entre as distintas partes da cadea, de xeito que se evitasen situacións como o uso do leite con prezos ‘gancho’. Ano e medio despois, á vista da situación de prezos nos lineais, todo aparenta seguir sen grandes cambios. En canto a sancións derivadas da nova lei, só trascenderon multas de 3.000 euros a varias cadeas en Murcia, aínda que o Ministerio de Agricultura asegura que no 2015 se resolverán numerosos expedientes en trámite que poderían finalizar ou non en sanción.

Vendas irregulares
Un dos problemas de fondo, según análises do sector, radica en que a Ley de la Cadena Alimentaria non entrou a prohibir o uso de ‘prezos gancho’ nin a venda a perdas, é dicir, a venda de leite a un prezo inferior ó que lle pagou o supermercado ó fabricante. En determinadas circunstancias, a venda a perdas é unha situación permitida pola actual lexislación de competencia, un aspecto que non mudou coa nova regulación.

O 43% das industrias lácteas considera que os supermercados venden leite a perdas

Un informe de Competencia advertía no 2011 dos perigos que levaba consigo a venda a perdas, pero tamén tiña en conta os beneficios para o consumidor e concluía que non se trataba dunha práctica que se puidese prohibir con carácter xeral: “En último termo, a venda a perdas (…) somete a unha forte presión a todos os fabricantes desa categoría, polo que, nun contexto no que o distribuidor dispoña de poder de compra e dunha marca propia, a venda a perda pode ser utilizada para reforzar o seu poder de negociación fronte ós fabricantes desa categoría (…) Cando as vendas á perda non van acompañadas dalgunha das condicións establecidas na normativa de competencia desleal ou non incurren nunha figura de abuso da posición de dominio, supoñen unha vantaxe para o consumidor”, estimaba a Comisión.

Do extendido da práctica da venda a perdas, dá conta unha enquisa da Comisión Nacional de la Competencia a fabricantes de leite: un 43% das industrias lácteas consideraba no 2011 que os supermercados vendían o leite por debaixo do prezo que lles custara mercala. Ante esta situación, Competencia recoñecía a situación pero dubidaba das posibilidades de sancionar tales prácticas: “A evidencia dispoñible permite afirmar que, en determinados casos, os distribuidores poderían estar realizando venda a perdas, pero non é suficiente para determinar se esa práctica (…) pode considerarse prohibida”.

Diferencial de prezos
A maiores das posibles situacións de vendas a perdas, a Interprofesional Láctea advertía tamén no 2012 sobre os ‘prezos gancho’ nas marcas da distribución. A entidade, que agrupa a industrias e gandeiros, entende que existe un diferencial artificial de prezos entre as marcas de fabricante e as marcas da distribución, pois a marxe de beneficio da marca de distribución é menor, unha situación que os supermercados compensan ‘inflando’ as marxes das marcas de fabricante, de xeito que estas ‘subvencionan’ ás outras, según a valoración da Interprofesional.

“Hai que buscar solucións, pero entre tanto temos que competir por custos de produción” (Xosé Turnes, Terra e Leite)

O director xeral de Feiraco, José Luis Antuña, ata fai poucos meses presidente da Interprofesional, advirte de que España é o país comunitario con maior diferencial entre os prezos da marca de fábrica e os prezos da distribución. Do poder das cadeas de distribución dan conta tamén as dificultades de facer repercutir sobre o consumidor as subas do prezo en orixe do leite: “Industrias de Alemaña, Holanda ou Dinamarca teñen máis capacidade de repercutir esas subas. Se o leite sobe en orixe un 20%, neses países encaréceselle o leite ó consumidor un 7-8%, en tanto en España a repercusión ó consumidor ronda o 0,4-1%” -compara-.

Ante esta situación, desde a asociación Terra e Leite, que se esforza por valorizar o papel da produción láctea na comunidade, inciden na necesidade dun marco de entendemento entre todos os implicados para que o prezo das marcas da distribución manteñan un nivel que permita a viabilidade de todo o sector. “En Francia esto está mellor organizado; debemos facer algo parecido” -valora o presidente da asociación, Xosé Turnes-. “Entre tanto, temos que competir por custos, tanto na produción como na industria coa comercialización de leite líquido. Iso non quere dicir que se deba renunciar á produción de derivados lácteos de maior valor engadido, pero resulta difícil penetrar nesa parte do negocio” -advirte-. “En canto non aparezan outras alternativas, esto é o que hai e teremos que sacar o maior proveito posible”.

A Interprofesional entende que a distribución infla artificialmente o prezo das marcas de fabricante

Prezo mínimo
Desde as organizacións agrarias plantéase a estabilización dos prezos en orixe vía contratos como estratexia que pode servir para que a industria non poida repercutir cara atrás posibles negociacións á baixa coa distribución: “Precisamos un prezo razoable e negociado por todos, algo que non solucionou nin a etiqueta de Producto Lácteo Sostenible (PLS) nin a Ley de la Cadena Alimentaria”, valora o secretario xeral de Unións Agrarias, Roberto García.

Xa no 2009, un traballo do Ministerio de Agricultura sobre a formación do prezo do leite líquido concluía que o prezo mínimo razoable no supermercado era de 75 céntimos, de xeito que se remunerase axeitadamente a todos os actores participantes na cadea. Hoxe en día, as ofertas dos supermercados continúan no entorno dos 55 céntimos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información