Lagar do Cigur: viños exclusivos de colleiteiros de Valdeorras

A adega Melillas e Fillos aposta por uns viños diferenciados dentro da Denominación de Orixe Valdeorras e que están a colleitar recoñecementos no resto de España: viños con crianza en barrica de ata 14 meses procedentes de cepas vellas no tradicional sistema de vaso.

Publicidade
Lagar do Cigur: viños exclusivos de colleiteiros de Valdeorras

Marcos Prada no viñedo de A Lamela, con cepas de máis de 80 anos.

Pasear polos viñedos de Adega Melillas e Fillos é como visitar un museo de como era a viticultura en Galicia hai máis de medio século: cepas de 80 anos de idade e incluso máis, conducidas no tradicional sistema de vaso e situadas en ladeiras pizarrosas sobre o val da Rúa. As uvas destas videiras dan como froito un dos viños máis exclusivos e recoñecidos da Denominación de Orixe Valdeorras.

A historia desta adega remóntase ao ano 2002 cando Juan Luis Prada e María Ginzo, decidiron regresar cos seus fillos, Marcos e Sonia, á súa terra natal despois de 30 anos emigrados en Suíza e recuperar os viñedos da familia.

“O meu pai sempre tivo a ilusión por facer viño, dando continuidade á tradición dos meus avós. Foi facéndose cargo das fincas da familia e mercando outros viñedos que estaban quedando abandonados, así como unha adega antiga situada na Coroa”, explica Marcos, o fillo que se incorporou a esta adega familiar de colleiteiros no ano 2010.

Tradición, calidade e diferenciación son os tres eixos de Adega Melillas -nome que homenaxea a “O Melillas”, o avó paterno que fixo a mili na cidade norteafricana- e impregnan a actividade desta adega de principio a fin.

Unha adega espectacular escavada na rocha

Así, a adega conta cunha espectacular cova escavada na rocha no antigo castro romano da Coroa, sobre o que se controla a veiga da Rúa. Hai documentos que a datan do século XVII; máis adiante, no século XIX aquí elaborábanse viños que se exportaban a Estados Unidos. E hai 15 anos foi adquirida e restaurada por esta familia de colleiteiros. Nela hoxe envellecen a unha temperatura case constante en barricas de carballo os viños “Lagar do Cigur”, o nome co que a Adega Melillas e Fillos quixo homenaxear aos antigos poboadores de Valdeorras, os Cigurros. Merece a pena unha visita guiada, na que tamén se poderá contemplar a colección de maquinaria antiga como unha das primeiras filtradoras, prensas ou sulfatadoras de cobre.

Pero como calquera bo viño, o segredo de Lagar do Cigur comeza na viña: 17 fincas, sobre todo situadas en zona de ladeira, que van desde os 3.500 metros cadrados a máis grande ata varias de tan só 300 metros. 3,5 hectáreas en total das que logran obter unha media de 30.000 kilos de uva nos anos bos.

 “Os rendementos en vaso, en ladeira e con cepas vellas son bastante menores pero as calidades soben moito”

“Os rendementos en ladeira e con cepas vellas coma estas, algunhas de máis de 80 anos, son menores pero as calidades soben moito: porque se concentran moito máis os polifenois ou os azucres”, explica Marcos.

As castes que cultivan repártense nun 20% de Godello, un 30% de Mencía e un 40% de Garnacha, unha variedade ata hai pouco deostada por ser foránea, pero que nos últimos anos está a revalorizarse en Valdeorras polas propiedades que lle aporta aos viños. “A Garnacha se se deixa madurar con máis de 14 graos é unha variedade excepcional que permite elaborar viños impresionantes, complexos e con estrutura”, destaca.

Lograda a boa uva na viña, co punto óptimo de maduración, o seguinte paso é trasladar esas cualidades ao viño. Elaboran dous xóvenes: Lagar do Cigur Godello, unhas 6.000 botellas do monovarietal máis representativo de Valdeorras, do que a súa nota de cata destaca “o seu color amarelo pallizo con reflexos verdosos, de boa intensidade, recordo de froitas maduras e cun fondo de carácter vexetal, un viño saboroso, harmónico e equilibrado en boca, cun retrogusto fresco e elegante”.

O outro viño xoven é “Lagar do Cigur Mencía”, do que veñen sacando ao mercado unhas 13.000 botellas nun ano normal. Xunto á Mencía, tamén ten un aporte de uva Alicante e da variedade Merenzao, logrando un viño de capa media, brillante, con boa intensidade e recendos a froitas vermellas.

Pero a gran aposta de Adega Melillas e Fillos para diferenciar os seus viños e quitarlle o máximo valor son os seus Lagar do Cigur Barrica e Lagar do Cigur Crianza, dúas seleccións limitadas a aquelas vendimas de anos excepcionais.

O primeiro, do que elaboran unhas 7.000 botellas, é froito dunha esmerada selección de uvas tintas (Mencía. Tempranillo, Merenzao e Alicante) e de viñedos de cepas vellas. Durante 8 meses é madurado en barrica de carballo, dando como resultado un viño “ben estruturado, potente pero fresco, largo e gorentoso”.

O palmarés deste Lagar do Cigur Barrica testemuña a súa alta calidade:  Bacchus de Oro 2015, Mezquita de Oro 2015, Arribe de Oro 2016, e distinguido múltiples veces pola Asociación de Sumilleres Gallaecia e pola Guía de Viños e Destilados de Galicia de Luis Paadín.

Lagar do Cigur Crianza logrou o Arribe de Oro 2017 competindo cos viños máis prestixiosos da Ribera del Duero

E estes meses saíu por primeira vez ao mercado o Lagar do Cigur Crianza: 14 meses en barrica de carballo francés e americano con uvas 100% da variedade Garnacha. 3000 botellas para un nicho de amantes do viño que procede dos pagos de O Rial, Lamela e Pedrazais.

Esta primeira serie xestouse na vendima do ano 2013, a partir de uvas seleccionadas. “É un viño moi complexo, con 15 graos, que despois dunha fermentación tradicional e de envellecer 14 meses en barrica, pásase a depósito, e alí fáiselle unha clarificación e unha estabilización suave para respectar a súa tipicidade. O último paso é un repouso dun mínimo de 6 meses en botella”, explica Marcos Prada.

Un viño potente, complexo, saboroso e longo que mereceu este ano o Arribe de Oro 2017, competindo en Salamanca cos viños máis prestixiosos de Ribera del Duero.

“Este crianza está a ter moi boa acollida tanto en España como en Galicia, e causou unha impresión moi positiva en Hong Kong, nunha feira á que acudimos hai uns meses co apoio do Consello Regulador”, salientan dende a adega.

A adega en A Coroa

O futuro: manter os estándares de calidade e sacar un Godello sobre lías

O mercado dos viños de Adega Melillas e Fillos repártese nun 40% en Galicia, outro 40% en Madrid e no norte de España e un 20% para a exportación, un mercado no que están a incrementar a súa presenza.

Sobre o futuro da adega, Marcos Prada asegura que o seu obxectivo é seguir sendo fieis á súa filosofía: “Non queremos aumentar cantidades, senón manter as calidades e quizás ampliar gama en variedade branca, con algún godello sobre lías”.

“A nosa estratexia nun sector tan competitivo é facer viños de alta calidade, moi complexos e para uns nichos de mercado moi concretos que saiban apreciar o valor dos nosos produtos”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información