Lácteos Pérez Olveira, ameazado de peche polo bloqueo xudicial a súa venda a TGT

O xulgado mercantil da Coruña rexeita a única oferta de compra das queixerías da empresa, ubicadas en Santa Comba e O Pino. O sindicato USO manterá este venres unha reunión cos traballadores e gandeiros afectados

Lácteos Pérez Olveira, ameazado de peche polo bloqueo xudicial a súa venda a TGT

Planta de Pérez Olveira en Santa Comba.

O xulgado mercantil da Coruña, que xestiona o concurso de acreedores de Lácteos Pérez Olveira, rexeitou a única oferta existente para a compra das factorías da sociedade, a cargo da firma catalana TGT, unha das empresas líderes do sector de queixos a nivel estatal. Esa decisión xudicial, que xa foi recurrida por TGT, baséase en que a oferta de compra marcaba como condición esencial que se eximise a TGT de calquera obriga laboral ou relacionada coa Seguridade Social, o que “é contrario á lei”, advirte o xulgado.

No recurso presentado contra a resolución xudicial, TGT correxiu a súa oferta, a fin de adaptarse ós requerimentos do xulgado, polo que as partes interesadas esperan un fallo favorable do xulgado á venda de Lácteos Pérez Olveira a TGT. A decisión xudicial é clave, pois se o xulgado continúa negándose á venda, as queixerías de Pérez Olveira, ubicadas na Pereira (Santa Comba) e O Pino, quedarían abocadas a un peche inminente, segundo pronostica o coordinador da federación industrial do sindicato USO, Fran Cousillas, que representa ós traballadores das plantas no proceso.

Desde o sindicato USO apoian o recurso presentado por TGT e advirten da gravidade da situación. “TGT comprometeu desde un principio o mantemento dos 47 postos de traballo de ambas plantas, polo que esperamos que o xulgado teña en conta o recurso da industria e aprobe a venda. Se non fose así, as factorías estarían abocadas a un peche inminente, pois na actualidade están funcionando baixo mínimos, á espera de que se resolva un proceso que acumula tres anos”, sinalan desde a USO.

Reunión en Santa Comba
A USO manterá este venres ás cinco da tarde unha reunión cos traballadores e gandeiros afectados nas instalacións da empresa na Pereira, en Santa Comba. O sindicato calcula que hai preto de 200 gandeiros que aínda lle suministran na actualidade leite ás factorías, sen ter en conta a primeiros compradores, coma Leitigal, que tamén lle aportan materia prima á empresa, e sen contabilizar ás granxas con débedas con Pérez Olveira que xa non lle suministran leite.

Rolda de prensa de USO.

Rolda de prensa de USO.

Desde o sindicato piden o apoio das institucións, maiormente dos Concellos, e valoran a posible convocatoria de mobilizacións en defensa da continuidade das queixerías. “Estamos falando de comarcas do interior nas que non hai tantas posibilidades de emprego, como para andar derrubando o pouco que existe”, cuestiona Fran Cousillas.

A resolución do recurso de TGT espérase para dentro dun mes, aproximadamente. Se o xulgado continuase a bloquear a venda das factorías, ambas plantas veríanse abocadas ao peche. En calquera caso, ao longo do proceso de liquidación, sería previsible que TGT se quedase coas plantas, pois é o acreedor principal de Pérez Olveira, ao ter un crédito hipotecario por importe de 3,5 millóns de euros, pero o seu traballo en ambas plantas tería que iniciarse daquela desde cero.


Fe de erros: Na versión inicial da información, comunicouse erroneamente que Pérez Olveira estaba a abonar con pagarés o leite que recolle, cando non é así na actualidade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información