Lactalis sostén que está comprometida co sector gandeiro

A industria cuestiona as críticas recibidas por parte de Unións Agrarias – Upa e asegura que cumple a legalidade vixente

Lactalis sostén que está comprometida co sector gandeiro

O grupo Lactalis é de matriz francesa.

A multinacional francesa Lactalis, que lidera a recollida de leite en Galicia, vén de cuestionar as críticas recibidas por parte de Unións Agrarias – Upa, que acusou á empresa en varias ocasións de prácticas ilegais na súa relación cos gandeiros. Lactalis defende o seu compromiso co sector produtor e asegura que cumpre “de xeito escrupuloso” coa legalidade vixente en todos os seus ámbitos

A industria francesa lembra que na actualidade colabora con máis de 3.000 gandeiros en toda España, que foi incorporando nos últimos anos como consecuencia das sucesivas adquisicións empresariais realizadas polo grupo –como a da granadina Puleva- . Nas operacións de compra, Lactalis destaca que seguiu asumindo os compromisos que as empresas adquiridas tiñan cos produtores, segundo indica en nota remitida a esta redacción.

A compañía defende así a súa vinculación e compromiso cos gandeiros, precisamente nun intre no que desde o sector se apunta a que está en auxe a intermediación de primeiros compradores na compra – venda de leite. Desde organizacións agrarias e cooperativas descríbese un escenario no que parte das industrias están reducindo as súas rutas de recollida para abastecerse en maior cantidade a través de intermediarios, unha operación que lles permitiría eludir parte dos compromisos ligados coa normativa do paquete lácteo.

Renuncia ó contrato dun ano

Lactalis, pola súa banda, segue apostando por manter unha relación estable cos gandeiros, se ben o sector cuestiona a calidade de tal relación. Unións Agrarias – Upa sostén que a empresa impón a renuncia ó contrato anual a todos os seus produtores, baixo advertencia de que lles deixará de recoller o leite se non asinan a renuncia ó contrato anual, ó que teñen dereito os gandeiros pola normativa vixente. Preguntada sobre esta cuestión, Lactalis declinou respostar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información