Lactalis prevé que nos próximos 3 anos se duplique o consumo de leite ecolóxico en España

Lactalis prevé que nos próximos 3 anos se duplique o consumo de leite ecolóxico en España

O Grupo Lactalis, líder mundial no sector lácteo, reuniu a máis de 70 gandeiros na Segunda Convención de Gandeiros de Leite Ecolóxico, que celebrou este martes en Santiago de Compostela. O acto contou, entre outros representantes da administración, coa presenza do Conselleiro de Agricultura da Xunta de Galicia.

A xornada serviu para pór en valor a produción ecolóxica, reflexionar sobre os retos de futuro deste sector e salientar as súas vantaxes para o gandeiro, o consumidor e para a sustentabilidade do medio rural e do medio ambiente.

20 millóns de litros de leite recollido en 2020 e liderado de Puleva Eco

O Grupo Lactalis traballa na actualidade na reconversión de novos gandeiros que se sumarán aos xa certificados para alcanzar unha cifra de recollida próxima aos 20 millóns de litros de leite en 2020. En 2017 recolleu uns 9 millóns de litros.

Estes gandeiros están localizados principalmente en Galicia, aínda que a compañía tamén colabora con explotacións en Asturias, Cantabria e Cataluña.

O Grupo Lactalis comezou a recoller leite ecolóxico en España a dous gandeiros en 1999, cando a comercializaba baixo a marca Président. En 2011 chegou ao mercado Puleva ECO, que é a verdadeira dinamizadora do mercado e líder actual da categoría cunha cota de mercado do 57,1%.

“Aínda que o consumo de leite ecolóxico só representa un 0,3% do total en España, as previsións indican que se duplicará nos próximos 3 anos e que progresivamente irá aumentando para achegarnos a cotas parecidas a Francia ou Alemaña onde pesan o 11% e o 8% respectivamente. Ademais, esperamos poder ampliar a gama de produtos cara a outras referencias”, engadiu Aurelio Antuña, Conselleiro Delegado do Grupo Lactalis en España.

Galicia: líder de España en produción de leite ecolóxico

Pola súa banda, o conselleiro de Medio Rural, José González, destacou durante a clausura da convención de Lactalis o peso da comunidade na produción ecolóxica en xeral e no subsector do leite en particular, ao situarse Galicia como a primeira comunidade en explotacións deste tipo de leite.

José González destacou o apoio da Xunta a estas producións, pois marcan boa parte das tendencias de consumo no presente e, sobre todo, de futuro, co plan estratéxico da produción ecolóxica que sitúa o seu horizonte en 2022 e para o que hai un orzamento previsto duns 50 millóns de euros.

Sobre o Grupo Lactalis

O Grupo Lactalis, fundado en 1933, é un dos líderes mundiais do sector lácteo. A empresa internacional de orixe francesa, emprega a máis de 80.000 persoas, posúe 240 fábricas e está presente en 88 países.

En España, o Grupo Lactalis conta con 8 fábricas e 2.500 empregados. Ademais, adquire leite a nivel nacional a máis de 2.500 gandeiros, dos que preto de 1.400 produtores están en Galicia, o que se traduciu en máis de 456 millóns de litros no 2017.

Entre os seus produtos atópanse marcas como Président, Puleva, Lauki, RAM, El Castillo, Gran Capitán, Flor de Esgueva, El Ventero, Chufi ou Galbani.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información