Lactalis, aberta a acordos coas granxas que comprometan ós supermercados, como en Francia

A industria láctea lembra que a lexislación gala prevé fórmulas de negociación que favorecen os pactos entre os diferentes eslabóns da cadea de valor do leite. Rexeita que se poida comparar a situación galega coa francesa

Lactalis, aberta a acordos coas granxas que comprometan ós supermercados, como en Francia

A proposta de contrato que Lactalis lle está a trasladar as súas granxas proveedoras en Galicia, cun prezo base de 29,5 céntimos, é considerada pola industria láctea como a mellor oferta que pode facer nas actuais condicións de mercado en España. A multinacional francesa rexeita que se poida comparar a situación en Francia, onde acordou a suba do prezo base un 7,5% este outono, co escenario español, onde ofrece para o primeiro mes de contrato (marzo) unha suba que ronda o 1,5%, con previsibles baixadas nos seguintes meses da primavera.

A industria advirte de que a lexislación francesa contempla “fórmulas de negociación e participación activa que favorecen que se poidan acadar acordos entre os diferentes eslabóns da cadea de valor do leite, incluída a distribución”. A ese respecto, o grupo sinala que “estariamos encantados de traballar coas autoridades nacionais e rexionais, así coma co conxunto do sector, para buscar fórmulas que garantan a estabilidade e melloren a cadea de valor, sempre desde o respeto ás normas de competencia”.

Os pactos de prezos de Lactalis coas ganderías en Francia teñen traslación ás negociacións da industria cos supermercados

Lactalis lembra que en Francia o prezo do leite UHT nos supermercados é moi superior ó español e precisa ademais que a realidade de ambos mercados é “moi diferente, pois en Francia “unha parte importante do leite utilízase para fabricar queixos, manteiga e outros produtos de maior valor engadido que teñen como destino tanto o mercado nacional como as exportacións”.

Ese escenario, argumenta a multinacional, contrasta co caso español, onde “a marca de distribución e os produtos de baixo valor engadido teñen un peso moi importante”. A iso súmaselle que a maioría do leite recollido en Galicia por Lactalis envásase como leite líquido UHT e que a distribución mantén unha tendencia de baixada de prezos que presiona as negociacións no agro.

Con todo, o grupo lembra que desde o 2016 foi aumentando de xeito sostido o prezo que lle paga polo leite ós gandeiros galegos, unha situación que se repite na proposta de contrato que vai de marzo do 2020 a febreiro do 2021.

Negociacións con cooperativas e organizacións de produtores
En canto ás posibles negociacións coa organización de produtores Ulega, que agrupa a máis de 400 granxas que lle entregan á industria en Galicia, Lactalis limítase a apuntar que as negociacións con cooperativas e con organizacións de produtores forman parte da súa “dinámica de negocio habitual”. “No Grupo Lactalis mercamos leite das tres especies en toda España a uns 2.300 gandeiros, tanto de xeito individual como a través de cooperativas ou organizacións de produtores, que teñen acreditada a representación dos gandeiros que forman parte delas”.

image_print

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información