Investigadores galegos poñen en marcha unha innovadora aplicación informática para agrupar parcelas

AGRUPE é unha ferramenta para a permuta de parcelas que permite agrupar fincas de maior tamaño e máis cercanas da explotación, reducindo os custos e os tempos respecto da reestruturación parcelaria clásica. Os seus creadores cóntannos como funciona

Investigadores galegos poñen en marcha unha innovadora aplicación informática para agrupar parcelas

Antes e despois da agrupación de parcelas de distintos propietarios mediante o programa AGRUPE

O pequeno tamaño das parcelas e a súa dispersión é un dos principais problemas que lastra o desenvolvemento do sector agrogandeiro e forestal en Galicia.

Para analizar esta problemática a Oficina Agraria Comarcal de Lugo, en colaboración co Laboratorio do Territorio (Laborate) da USC, organizaron o pasado mes de outubro en Lugo unha xornada sobre as ferramentas para a mobilidade das terras en Galicia.

Nesta xornada presentouse AGRUPE, unha innovadora ferramenta informática que permite agrupar as parcelas, reducindo de forma notable tanto os custos como os tempos respecto da reestruturación parcelaria clásica.

Falamos cos seus creadores: Jorge Parapar, técnico de apoio á investigación do Grupo de Arquitectura de Computadores da Universidade da Coruña, e Quico Ónega López, do Laboratorio do Territorio (LaboraTe), da Universidade de Santiago de Compostela, e profesor do Máster de Xestión Sostible da Terra e do Territorio.

De onde xorde o voso interese para crear unha ferramenta informática para a agrupación de parcelas?
Nos nosos grupos de investigación, Laboratorio do Territorio da USC e Grupo de Arquitectura de computadores da UDC, traballamos dende fai moitos anos na aplicación das TIC ao medio rural. A fragmentación da propiedade rural en Galicia (tamaño, número e distancia entre as parcelas de cada persoa/explotación) é un dos problemas máis importante co que se atopan os agricultores e propietarios polo que constitúe unha área de traballo interesante. A maiores doutras alternativas, como por exemplo a concentración parcelaria tradicional, a agrupación de parcelas mediante permutas é un mecanismo que pode axudar a mellorar o problema en moitos casos.

Que vantaxes e avances vai supor fronte ás existentes actualmente?
O proceso de reasignación das parcelas, de decidir a cal das persoas participantes na permuta se lle asigna cada parcela non é un proceso trivial. Aínda que o algoritmo é moi difícil que ofreza solucións perfectas, si permite obter boas solucións que os responsables da reasignación e/ou os participantes poden tomar como punto de partida e axustar a posteriori. Isto supón un aforro de tempo con respecto á facer a reasignación manualmente partindo de cero. Ademais, permite obter varias solucións que se poden comparar e valorar, non unha única solución.

O algoritmo AGRUPE traballa cos límites das parcelas actuais. É dicir, non modifica o plano catastral, por poñer un exemplo gráfico. Pero a través da proposta de múltiples permutas simultáneas permite que os participantes no proceso vaian xuntando as parcelas entre si, de tal xeito que aumentarán as que son colindantes entre si. Na práctica fai que varias parcelas colindantes fagan pezas de maior tamaño e tamén que as distancias entre pezas sexan menores.

Esta forma de funcionar é moi simple, comparativamente coa reestruturación parcelaria clásica, que supón unha transformación completa da estrutura de propiedade de partida, e polo tanto leva aparellados uns custes moitos menores e, en principio, un tempo de realización moito máis curto. Outra das virtudes é que pode empregarse só cunha parte das persoas propietarias ou agricultoras dunha área, e mesmo que as participantes non incorporen ao proceso todas as súas parcelas.

Porén, non é unha ferramenta que poida substituír outras previas, pero si complementar e, nalgunhas situacións, ser máis eficiente.

“O programa fai que varias parcelas colindantes fagan pezas de maior tamaño e tamén que as distancias entre pezas sexan menores”

Que funcións está previsto que ofreza?
Resumidamente, pártese dun conxunto de persoas interesadas en agrupar as súas parcelas e das fincas coas que conta cada unha delas. Cada persoa pode indicar as parcelas que quere fixar (que quere que continúen asignadas a ela) así como un lugar de preferencia en torno ao que facer a agrupación. O algoritmo ofrece unha proposta de reagrupación, xuntando as parcelas de cada persoa entre si e aproximándoas na medida do posible ao lugar de preferencia de cada unha. Mírase tamén que a diferencia entre a superficie que aporta cada persoa e a que recibe non varíe máis alá dunha pequena porcentaxe prefixada. Poderíase traballar tamén con casos nos que a maiores das parcelas dos participantes se contaría con parcelas que terceiras persoas estivesen dispostos a ceder.

A que público está dirixida?
Pode ser interesante para calquera grupo de persoas (agricultores/propietarios) que estean interesados en agrupar as súas parcelas mediante permuta e para entidades que se adiquen a xestionar estes procesos. É aplicable a permutas de propiedade (permanentes) ou de uso (por un período determinado) e tanto a espazos agrogandeiros como forestais.

Existen ferramentas deste tipo noutros países?
É difícil coñecelo con certeza. Nós non temos constancia da súa existencia, ou cando menos da súa utilización a nivel práctico.

Para cando se prevé que estea operativa?
Depende de varios factores, entre eles dos posibles actores interesados en aportar financiamento.

Vai ser de acceso libre?
É unha posibilidade. Hai varias opcións a valorar para a súa aplicación, pero aínda non se optou por darlle prioridade a ningunha delas. Dependerá, entre outros factores, do tipo de financiamento que se empregue para continuar co seu desenvolvemento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información