Investigadores galegos melloran a detección de fitosanitarios no viño

Publicidade
Investigadores galegos melloran a detección de fitosanitarios no viño

Isaac Rodríguez, o primeiro pola esquerda, xunto ao resto da equipa investigadora

As políticas actuais no espazo europeo apuntan a unha redución no uso de fitosanitarios en viticultura e á identificación dos principios activos que, a igualdade de dose e efectividade no control de pragas, presenten un factor de transferencia dende a uva ao viño o máis reducido posible. Ademais, estímase que máis do 80 por cento dos produtores mundiais de viño están concentrados nunha zona xeográfica ben definidas de tan só nove países, con Italia, Francia, España ou Estados Unidos á cabeza.

Neste contexto, a Unidade de Química Analítica do Instituto de Investigación e Análise Alimentaria da USC (IIAA) desenvolveu un novo protocolo que permite cuantificar 50 fitosanitarios, tanto funxicidas como insecticidas, en mostras de viño. A súa principal vantaxe é o volume de compostos que se poden medir de xeito simultáneo, así como a redución de tempo de análise. Como explica o investigador que coordina o estudo, Isaac Rodríguez Pereiro, coa nova metodoloxía “a determinación dos 50 compostos require tan só dez minutos”. Ademais, as características do método permiten a análise “tanto de viños de produción convencional como o control de viño ecolóxicos, dada a súa excelente sensibilidade e rango de resposta”

“Coa nova metodoloxía a determinación dos 50 compostos require tan só dez minutos”

A evidencia da transferencia de praguicidas da uva ao viño, sumado ás diferenzas nas regulamentacións nacionais sobre o número e a concentración máxima destas substancias no viño, esixe procedementos analíticos adecuados para o seu control rutineiro. De aí o interese da proposta do equipo da USC que acaba de ser publicado na revista Analytical and Bioanalytical Chemistry, sendo un dos artigos seleccionados para incluír no volume dedicado ao décimo sexto aniversario desta publicación.

Un dos obxectivos do estudo é comprender os efectos de diferentes prácticas agrícolas, entre elas o denominado como Índice de Frecuencia de Tratamentos (IFT) nos niveis de residuos de fitosanitarios no viño. Esta información será combinada coa incidencia de enfermidades nos viñedos e a obtida de estudos de economía experimental para avaliar a aceptación de viños cun reducido nivel de fitosanitarios por parte dos consumidores e determinar o seu valor de mercado.

Vinovert

A investigación desenvolveuse dentro do proxecto Vinovert da convocatoria Interreg SUDOE, que financia a Unión Europea. De feito, a metodoloxía descrita no estudo aplicarase en estudos de campo, empregando viños experimentais elaborados en distintas rexións de España e Francia polos socios deste consorcio internacional. Dentro da fase de execución deste proxecto europeo, os responsables do estudo no IIAA ofrecen a metodoloxía analítica a produtores particulares e/ou a Consellos Reguladores que desexen contrastar os datos de residuos de fitosanitarios no seu produto final coa información relativa a frecuencia, número e tipo de tratamentos aplicados en viña recollida nos cadernos de viticultura.

Vinovert estuda a responsabilidade social das empresas e dos consumidores de viño favorecendo a competitividade. Dende á vide ao viño, atende todos os elementos implicados na produción e no mercado co obxectivo de achegar solucións técnicas e científicas que permitan limitar o uso de praguicidas nas viñas, estudar a pertinencia económica das cepas resistentes ou validar as posibilidades de redución de aditivos enolóxicos. O proxecto reúne equipos de investigación transdisciplinares en economía, socioloxía, enoloxía e agronomía.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información