Investigadores galegos desenvolven un método de manexo e control integral de viñedos con eficiencia enerxética

O grupo Proxectos e Planificación do Campus Terra da USC, coordinado por Javier J. Cancela, colabora no proxecto ecoVine con varias adegas, firmas tecnolóxicas e a Misión Biolóxica de Galicia

Publicidade
Investigadores galegos desenvolven un método de manexo e control integral de viñedos con eficiencia enerxética

O uso de drons estase a estender na viticultura

O grupo de investigación GI-1716 Proxectos Planificación da Escola Politécnica Superior do Campus Terra da USC, coordinado polo profesor Javier J. Cancela, colabora varias adegas e empresas tecnolóxicas, así como coa Misión Biolóxica de Galicia no desenvolvemento do proxecto ecoVine, unha iniciativa de I+D financiada a través do programa Conecta Peme e orientada a investigar e desenvolver unha metodoloxía innovadora e coa máxima eficiencia enerxética para proceder a zonificación de precisión, manexo e control integral de viñedos.

Os obxectivos do proxecto ecoVine, liderado pola adega Ponte da Boga, en consorcio coa adega Lar de Ricobao e as empresas tecnolóxicas Elmantec e Teican Medioambiental, e no que tamén participan investigadores da USC e da Misión Biolóxica de Galicia, pasan por investigar e desenvolver unha metodoloxía innovadora baseada no uso de novas tecnoloxías para segmentar viñedos cunha alta precisión e resolución espacial, a fin de facilitar a xestión e o manexo integral dos mesmos mediante o deseño e a implantación de sistemas de monitorización e control remoto a partir de plataformas web expertas de visualización e análise de datos masivos.

Drons para determinar o momento óptimo da vendima

A través dun novo sistema de captación de datos a bordo de aeronaves non tripuladas de baixo custo, con sensores multiespectrais e térmicos, realizarase unha exhaustiva análise de toda a superficie do viñedo para caracterizar a variabilidade espacial do mesmo, desde o punto de vista do estado hídrico da planta, do desenvolvemento vexetativo e a súa correlación coa produción, e a calidade. Neste último caso, directamente relacionado coa composición aromática da uva (mostos) durante a maduración e en vendima, facilitando a determinación do momento óptimo de vendima, incorporando estes parámetros nos criterios de decisión. Ademais búscase obter unha interrelación entre a composición aromática da uva e as imaxes multiespectrais adquiridas.

Os investigadores establecerán, a partir da zonificación de precisión, unha malla de medida de parámetros no viñedo que, por medio do deseño dun sistema especificamente adaptado ás necesidades para a adquisición e monitorización de datos de ultra-baixo consumo, con transmisión inalámbrica, permita recoller datos en tempo real sobre o estado hídrico do solo e do microclima, con medición de parámetros en planta en descontinuo.

Aplicación web

Unha aplicación web experta de axuda á toma de decisións permitirá a integración dos modelos e algoritmos matemáticos, desenvolvidos no marco deste proxecto e que servirán para xerar avisos e recomendacións de acción para o manexo do viñedo seguindo as prácticas dunha produción integrada. Daquela, executarase un control sobre o sistema de fertirrigación deseñado ad hoc, que optimice o uso de insumos de xeito eficiente.

O proxecto busca desenvolver unha metodoloxía innovadora, xa que no mercado actual non existe ningún sistema que cubra os factores e parámetros que inflúen sobre o desenvolvemento do viñedo, relacionando estes con os parámetros cualitativos, medidos en vendima, para os diferentes tratamentos ensaiados, nomeadamente: secaño e fertirriego.

Desarrollarase unha cámara multiespectral cun rango de medición máis amplo

A consecución dos obxectivos do proxecto, cuxo prazo de execución remata en 2018, permitirá segmentar zonas de alta precisión por medios remotos e reducindo a dependencia do estado da vexetación, ao tempo que favorecerá o desenvolvemento industrial dunha cámara multiespectral que permita a obtención dun rango de medición máis amplo do habitualmente empregado por equipos comerciais. O deseño dun sistema de monitorización e interpretación de datos de ultra-baixo consumo adaptado ás necesidades de manexo da rega do viñedo, un control de fertirrigación enerxéticamente eficiente e a creación dun sistema web experto de axuda á toma de decisións son outros dos logros que persigue esta iniciativa.

Estas vantaxes diferenciais permitirán definir unha nova liña de negocio que aumentaría a posición competitiva dos membros tecnolóxicos do consorcio, cun alto potencial de internacionalización na aplicación desta nova metodoloxía e produto. Ademais, a consecución destas premisas posibilitaría aos dous produtores finais acadar melloras nos seus procesos en campo, mediante un uso sustentable dos recursos hídricos e nutricionais, de cara á determinación da caracterización cualitativa da uva segundo as diferentes zonas das parcelas en estudo.

Una idea sobre “Investigadores galegos desenvolven un método de manexo e control integral de viñedos con eficiencia enerxética

  1. aturuxo

    Hai máis de 10 anos que existe esa tecnoloxía, e que se aplica en viticultura….. ao mellor descubren a roda.

    Contestar

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información