Investigacións galegas procuran millo e variedades de viñedo máis resistentes ós fungos

Investigacións galegas procuran millo e variedades de viñedo máis resistentes ós fungos

O millo e o viñedo son dous dos cultivos sobre os que se están a realizar investigacións en Galicia para conseguir variedades máis resistentes ós fungos. Estes estudos inclúense nos 14 novos proxectos que o Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) está desenvolvendo na comunidade no marco do Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica de Innovación 2017 – 2020.

En concreto, no caso do millo, o proxecto está coordinado pola Universidade de Vigo e as investigadoras Rosa Ana Malvar e Ana María Butrón están a estudar a mellora xenética da resistencia e os mecanismos de defensa do millo fronte a pragas como o taladro ou a contaminación do gran con micotoxinas.

No viñedo, os traballos, liderados pola investigadora Carmen Martínez, céntranse na posta en valor de variedades minoritarias de uva pola súa resistencia a enfermidades fúnxicas derivadas do cambio climático. Ademais, estas variedades contribúen a diversificar a viticultura e a enoloxía. Un dos tres subproxectos que están a desenvolver céntrase en coñecer a sensibilidade de 51 viníferas españolas a afeccións como o mildio e o oídio e a súa resposta fronte ós fungos que as provocan.

Por outra banda, no ámbito da viticultura, a investigadora Eva Balsa está a levar a cabo estudos sobre as dinámicas do metabolismo dos fermentos híbridos nas fermentacións do viño. Esta investigación procura comprender en detalle as diferencias en fermentación e os atributos dos viños obtidos empregando distintas especies de fermento. Ademais, buscan deseñar novos fermentos para lograr os atributos desexados no viño.

O sector forestal é outra das áreas nas que se están a leva a cabo investigacións para a mellora xenética e contar con exemplares máis resistentes. Os investigadores Luis Sampedro e Rafael Zas abordan o estudo da resilencia dos piñeiros mediterráneos nun ambiente cambiante. Nun dos seus subproxectos, coordinado coa Universitat de Lleida e o Centro de Investigación Forestal, están a tratar o papel da evolución dos fenotipos de defensas químicas e físicas en diversas especies de piñeiros mediterráneos e as súas respostas ó clima. Tamén están abordando a diferenciación entre poboacións ó desenvolver síndromes adaptativos.

Na Misión Biolóxica de Galicia, onde 5 dos 7 grupos de investigación recibirán máis de 900.000 euros de financiamento deste plan estatal, tamén se están a desenvolver estudos centrados noutros cultivos. Así, o traballo liderado polas investigadoras Elena Cartea e Pilar Soengas aborda a mellora xenética e os mecanismos de resistencia e defensa contra pragas e enfermidades en cultivos hortícolas de brásicas, unha familia entre as que se atopan cultivos como repolo, a coliflor ou a mostaza, entre outros.

A investigadora Marta Francisco tamén está a traballar con cultivos de brásica para obter información sobre o papel do reloxo que sincroniza a fisioloxía endóxena da planta cos ciclos ambientais de luz e escuridade na defensa das plantas fronte ós depredadores herbívoros.

O cultivo da pataca é o eixe central doutra das investigacións que se están a levar a cabo na Misión Biolóxica de Galicia. O investigador Xoaquín Moreira traballa sobre a comunicación entre plantas mediante compostos orgánicos volátiles. Coñecer esta comunicación pode servir para levar a cabo estratexias para o control de pragas e enfermidades da pataca. Os seus traballos están a centrarse en tres aspectos: a identidade xenética da planta hospedadora, a identidade dos diferentes insectos herbívoros e patóxenos que atacan a planta e a dispoñibilidade de nutrientes no solo no que se desenvolven as interaccións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información