Instan ao goberno español a oporse na UE á prórroga para o glifosato

A eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda, Lídia Senra, insta ao estado español para que vote en contra de que a Unión Europea permita usar glifosato 9 anos máis  

Publicidade
Instan ao goberno español a oporse na UE á prórroga para o glifosato

Lidia Senra durante a súa rolda de prensa

Lídia Senra, eurodeputada de Alternativa Galega de Esquerda en Europa (AGEe), instou este luns ao Goberno do estado español para que este mércores, 18 de maio, na reunión do Comité Permanente Europeo de Plantas, Animais, Alimentos e Pensos, vote en contra da proposta da Comisión Europea de reautorizar o uso do glifosato en todos os estados membros ata o ano 2025.

Lídia Senra ofreceu esta luns unha rolda de prensa en Santiago para alertar de que o glifosato, principio activo de herbicida que se usa na agricultura e tamén para controlar as herbas nas cunetas, rotondas, parques, xardíns e lugares onde a maioría da poboación se move a diario, “está cualificado pola Axencia Internacional para a Investigación sobre o Cancro (IARC), dependente da Organización Mundial da Saúde (OMS), como probablemente canceríxeno para os seres humanos”.

“ O glifosato está en todas partes”

“Este herbicida atópase na auga, aire e alimentos”, alertou a eurodeputada, para deixar claro que a posición de AGEe ao respecto é totalmente en contra de que se siga a permitir o seu uso en todos os estados membros da Unión Europea, tal e como pretende a Comisión Europea. “Se o glifosato se segue utilizando na agricultura, seguirémolo tendo nas nosas mesas e na nosa auga e nos nosos corpos”, afirmou.

Neste sentido, explicou que nos últimos meses se teñen realizado diferentes estudos con persoas voluntarias para analizar a presenza de glifosato nos corpos humanos. Dun estudo realizado en Portugal a 26 persoas, no 100% delas detectouse glifosato nos seus ouriños. Nun realizado en Alemaña, de 2009 persoas, só 8 tiñan niveis de glifosato por debaixo do valor umbral de determinación do método utilizado (0,0751 micragramos por litro). Pero a cuestión non fica aí e tamén no Parlamento Europeo, 48 eurodeputadas e eurodeputados se someteron a unha análise de urina de forma voluntaria. A propia Lídia Senra foi unha das persoas analizadas, xunto con representantes de Bélxica, República Checa, Francia, Alemaña, Hungría Italia, Lituania, Holanda, Reino Unido, Croacia, Finlandia e Irlanda. A galega foi, de todas as persoas, a que deu un nivel máis alto de glifosato no seu corpo: 3,57 nanogramos por mililitro, fronte ao 0,17 que foi o valor mínimo en corpo rexistrado nun eurodeputado da República Checa.

Ante esta situación, e tendo en conta que nin na casa nin na familia da eurodeputada nunca se usou herbicida, Lídia Senra afirmou que é unha evidencia que a poboación galega está altamente exposta ao glifosato a través das terras, aire, auga e alimentos, aínda que non o usen directamente nas súas fincas. “ O glifosato está en todas partes”, exclamou. “Estamos falando de algo moi serio como para que os nosos gobernos sigan xogando coa saúde de toda a poboación”, dixo Senra. Por iso, explicou que a AGEe lle parece “extremadamente grave que non se respecte o principio de precaución e se estea plantexando seguir a permitir que se continúe a usar o glifosato a pesar de que é probablemente canceríxeno”.

“O principio de precaución é fundamental e débese prohibir o uso do glifosato”

Lídia Senra preguntouse “que intereses defenden os nosos gobernos e considerou que probablemente teñen máis interese en defender ás grandes multinacionais, como Monsanto, -principal comercializadora do glifosato- que á propia saúde das persoas”. “Apelamos ao goberno do estado español para que o mércores, cando se sente no Comité, vote en contra da autorización do glifosato. É fundamental se se queren salvagardar os dereitos á saúde da poboación”, insistiu.

“O principio de precaución é fundamental e débese prohibir o uso do glifosato”, dixo, ademais de considerar que probablemente, no caso de saír adiante a reautorización do glifosato por 9 anos máis, se estea vulnerando o Regulamento CE nº 1107/2009 sobre comercialización de praguicidas, que recolle que os fabricantes deben demostrar que as substancias ou produtos producidos ou comercializados non teñen efectos nocivos na saúde humana ou animal nin efectos inaceptables no medio ambiente e establece que a substancia activa dos praguicidas só debe ser autorizada se non está ou vai estar clasificada como carcinóxena.

Igualmente, e centrada en Galiza, Lídia Senra considerou “fundamental” que a Xunta tome tamén a iniciativa a este respecto, se posicione en contra do glifosato, o prohiba no noso territorio e promova un estudo para analizar que nivel de presenza de glifosato ten a poboación galega.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información