Inquietude polo proceso de renovación dos contratos de Celega

O Sindicato Labrego sinala que a industria, propiedade das cooperativas Lemos e Coreber, está a valorar posibles baixadas de prezos en primavera, así como unha limitación dos volumes a recoller

Inquietude polo proceso de renovación dos contratos de Celega

Celega é unha das industrias que lidera a táboa de prezos pagados no campo.

Celega, a industria adquirida hai un ano polas cooperativas Lemos e Coreber, distínguese por ser unha das que mellor paga o leite no campo. Eses bos prezos fan que as arredor de 350 granxas que lle entregan o leite a Celega manteñan unha certa situación de privilexio nun contexto de crises cíclicas, así que o proceso de renovación dos contratos da industria está a levantar inquietude entre as súas granxas proveedoras. O Sindicato Labrego fíxose onte eco da situación a través dunha nota de prensa.

A organización agraria advirte de posibles baixadas no prezo do leite pagado por Celega na primavera, así como da limitación dos seus volumes de recollida, cun probable abandono dalgunhas das granxas que na actualidade lle entregan o leite. Consultado sobre a situación, o xerente da cooperativa de Lemos, José Manuel Rodríguez, destaca que Celega mantén “a mesma política de prezos e de volumes de recollida do último ano”.

“Manteremos a mesma política de prezos e de volumes de recollida” (Celega)

Rodríguez subliña que Celega continuará en prezos lixeiramente por riba da media do mercado, se ben sinala que a industria, “como é lóxico”, terá que adaptarse á evolución de prezos do leite que haxa no campo este ano. En canto a unha posible limitación dos volumes de recollida, o xerente da cooperativa de Lemos destaca que Celega aumentou “de xeito significativo” os litros que recolle no último ano, froito do aumento da produción das súas granxas proveedoras. “Este ano manteremos os mesmos volumes do ano pasado, pero non superiores”, advirte.

A industria apunta que só compromete a recollida dos volumes que pode comercializar e lembra, por último, que a empresa é propiedade dos gandeiros. “O noso primeiro obxectivo é fortalecer tanto ás granxas socias das cooperativas propietarias coma ó resto das ganderías proveedoras”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información