A inestabilidade do tempo retrasa a sementeira do millo na maior parte de Galicia

Agás na Mariña e na comarca do Xallas, onde se comezou a labrar fai 15 días, noutras zonas produtoras de leite están pendentes aínda de ensilar a herba para poder preparar as terras e só se puideron sementar algunhas fincas que quedaron paradas no inverno

Un dos tractores de Comercial Agropres traballando esta semana na sementeira na zona da Mariña e o occidente asturiano

Un dos tractores de Agropres traballando esta semana na zona da Mariña e o occidente asturiano

O millo levará este ano un retraso de máis de 15 días a respecto das datas habituais de sementeira nas distintas zonas de Galicia. O tempo revolto das últimas dúas semanas, con chuvias frecuentes e temperaturas relativamente baixas, non permitiu comezar a labrar e en moitas zonas está aínda pendente facer o último corte de herba para poder logo preparar as terras e botar o millo.

O forte da sementeira, deste xeito, retrasarase este ano a partir de mediados de maio, o que influirá na variedade e o ciclo do millo escollido para que a data prevista de ensilado non se vexa comprometida. A humidade e o estado da terra tamén condiciona o seu laboreo e o xeito de traballala. Son todas estas cuestións (preparación da terra, escolla da variedade, data e condicións climatolóxicas de labrado) algúns dos factores determinantes para o éxito do cultivo do millo, posto que o rendemento final que se obteña nas parcelas depende ao 50% do momento da sementeira.

Falamos con gandeiros, cooperativas e empresas de servizos de distintos puntos de Galicia para coñecer como está a situación na súa zona e as perspectivas para a campaña deste ano do principal cultivo forraxeiro das explotacións de leite galegas.

Comercial Agropres (A Mariña e Asturias): “Recomendamos sementar sempre o ciclo máis longo que se poida”

Unha das zonas de Galicia que máis madruga á hora de botar o millo é sempre a comarca da Mariña lucense. Alí a sementeira xa comezou a mediados do mes de abril. “O forte da campaña aínda non comezou porque o tempo non está a axudar, pero fomos sementando de xeito continuo desde o día 14. Das fincas que estaban baleiras non quedan moitas hectáreas por labrar. O lío está nas que están con herba, xa que vai con retraso o ensilado”, conta José Portela, responsable técnico e de sementes de Comercial Agropres, a empresa de servizos asentada no polígono industrial de Barres, en Castropol, e que traballa na zona da Mariña e o occidente asturiano, onde bota 900 hectáreas de millo para ensilado, que emprega despois na mestura húmida que subministra a 60 explotacións de Galicia e Asturias.

Ao mal tempo engadiuse este ano a crise sanitaria provocada polo coronavirus, que complicou a sementeira ao obrigar a extremar as precaucións e modificar o xeito habitual de traballar. “Os servizos agrícolas temos que seguir funcionando porque as colleitas hai que botalas pero tratamos de reducir os contactos entre a xente ao mínimo imprescindible con medidas como que un chófer ande sempre, na medida do posible, na mesma máquina, e xeralizamos o uso de máscaras, luvas e desinfectante”, explica.

O forte da campaña aínda non comezou porque o tempo non está a axudar, pero fomos sementando de xeito continuo desde o día 14. Das fincas que estaban baleiras non quedan moitas hectáreas por labrar. O lío está nas que están con herba, xa que vai con retraso o ensilado

Ademais das 900 hectáreas que Agropres bota a millo para a planta de mestura húmeda, onde non traballan con silo de herba, sementan outras 300 hectáreas para outras explotacións ás que realizan os traballos agrícolas como empresa de servizos externos, polo que a cantidade total de terra traballada nesta campaña rondaría as 1.200 hectáreas sementadas (unhas 1.700 contando abonado e aplicación de fitosanitarios).

José recomenda “sementar sempre, por unha cuestión de simple rendibilidade, o ciclo máis longo que se poida, adaptado ás fincas, á súa altitude e a como veña o tempo cada ano, pero os custos de implementar o cultivo son os mesmos e a diferenza de rendemento é notable”, asegura.

Hai que botar o ciclo máis longo que se poida por unha cuestión de simple rendibilidade porque os custos de implementar o cultivo son os mesmos e a diferenza de rendemento final é notable

No seu caso, nas súas fincas propias e dado que non botan raigrás no inverno, procuran sementar cedo, sobre todo naquelas fincas máis próximas á costa, onde se dan temperaturas máis suaves. “A nivel do mar botamos ciclos 600 e 700 para recoller nun ano normal na última semana de setembro”, explica.

No caso de clientes que fan rotación de millo con herba nas parcelas, esas serían as fincas que máis retraso acumularían este ano ao retrasarse o ensilado do raigrás. “A xente está esperando que asente o tempo para ensilar e despois hai que preparar as terras e labrar. Normalmente acabamos de sementar polo mes de xuño, porque hai clientes que fan dous cortes de herba, polo que imos baixando o ciclo até rematar nun 300 ou mesmo nun 270-280 nalgúns casos”, engade.

Laboreo e labrado máis superficial

Para a sementeira en Comercial Agropres contan cunha máquina de sembra variable de 8 liñas, 1 de 6 liñas sen abono e 2 máis de abono localizable, tamén de 6 liñas. “Non usamos tren de sembra, primeiro vai a grade e despois a sementadora”, indica José.

“Nas fincas baleiras facemos unha aplicación de herbicida total e a nosa recomendación é sempre arar, a non ser que saia moita pedra para enriba. A profundidade de arado varía en función da terra, pero non se debe arar moi profundo porque abaixo nada se vai buscar, pero a altura de arado debe permitir que quede o mellor volteada a terra posible. Logo faise un laboreo con rotovátor ou con grade rotativa para que quede o mellor leito de sementeira posible e que non queden terróns por enrriba, porque iso dificulta facer a sementeira e que traballen ben os herbicidas”, explica.

Este ano a humidade que hai na terra permite labrar a menos profundidade

Nesta empresa asturiana levan un par de anos ensaiando con cultivos de inverno para o seu uso como abonos verdes de xeito que lles permita que a terra non apelmace tanto durante o inverno e reducir o uso de herbicidas, aínda que están moitas veces condicionados pola dispoñibilidade de maquinaria e de tempo á hora de botar estes cultivos trala colleita do millo, o que limita moitas veces a súa efectividade. “En setembro e outubro temos que adicar todos os recursos que temos á campaña de ensilado de millo e cando acaba a colleita ás veces a climatoloxía xa non permite botar estes cultivos de inverno. Este ano as poucas fincas que tivemos con nabo non levaron glifosato. Suprimiuse o primeiro pase de herbicida e tamén baixa a presión de malas herbas cando sae o millo”, di. Nestas terras unicamente pasaron unha trituradora, o arado e a fresa antes de sementar directamente. Pero o tempo no outono pasado tampouco lles permitiu facer o ensaio a gran escala que tiñan previsto levar a cabo con nabos e tremocilla para comparar o efecto destes cultivos de inverno usados como abono en verde.

A ver se este ano nos respecta a fauna, porque contra iso non tes moita maneira de facer nada

O estado da terra no momento de labrar tamén condiciona a profundidade de sementeira. “A altura cambia en función da humidade que teña a terra, pero moi profundo non podes meter o millo porque se chove moito pode encostrar e non sae e moi superficial se non chove a planta pode secar”, razoa o técnico de Agropres, que engade que “a densidade depende bastante da variedade e de cando esteamos sementando, se é cedo ou é tarde. Nós cada vez nos fixamos máis nas referencias das casas de semente para decidir, miramos das distintas variedades como toleran máis carga de semente”, explica.

No momento da sementeira traballan con Trika, un abono que tamén ten efecto insecticida. “Metemos un stárter no 90% das hectáreas e no caso do herbicida optamos por unha estratexia de preemerxencia con postemerxencia naqueles casos nos que sexa necesaria. Somos conscientes de que estamos nunha zona problemática para as malas herbas, con moito ataque de xuncia, o que obriga a facer un tratamento de postemerxencia nalgunhas parcelas”, indica.

Para rematar, José agarda que nesta campaña “xa que o tempo non axudou para labrar, a ver se polo menos nos respecta a fauna, porque contra iso non tes moita maneira de facer nada”, conclúe.

Millo xa nacido froito das primeiras sementeiras feitas a mediados de abril en fincas a nivel do mar

Millo xa nacido froito das primeiras sementeiras feitas a mediados de abril en fincas a nivel do mar

Os Irmandiños (A Mariña): “A previsión é labrar unhas 850 hectáreas”

Tamén comezaron a traballar na Mariña as máquinas da cooperativa Os Irmandiños, integrada en CLUN, que conta con servizo de mestura húmida para alimentación de gando. Traballan con dúas sementadoras e teñen previsto labrar este ano unhas 850 hectáreas, segundo explica Mauro Louzán.

A cantidade é semellante á de anos anteriores (“quizais un pouco máis”, di) e a programación de fincas tamén se está a ver condicionada no seu caso pola climatoloxía. A estratexia que empregan en Irmandiños para preparar as terras varía en función das características da finca. “Nós aramos ou pasamos a grade de discos en función de como sexa a parcela, se ten moitas pedras procuramos non pasar o arado para non levantalas para arriba”, conta Mauro. “Logo abonamos, facemos un pase de grade rotativa e sementamos”, di.

O Centro de Alimentación de Vacún de Irmandiños (CAVI), ubicado na parroquia de Vilamartín Pequeno, en Barreiros, é a maior instalación de tratamento e almacenaxe de forraxes de Galicia, con capacidade para ensilar nunha campaña unhas 16.000 toneladas de herba e outras 24.000 toneladas de millo forraxeiro, procedentes das máis de 700 hectáreas de terreo dos socios que xestiona directamente a cooperativa.

Desde o CAVI serven neste momento a ración diaria coa que alimentar o gando de 55 explotacións da Mariña, A Pastoriza e o occidente de Asturias

No CAVI contan con 14 silos, dos que 6 se enchen con herba e 8 con millo. Estes últimos son 6 silos de 14 metros de ancho, con capacidade para 4.000 toneladas cada un: outro de 18 metros, con capacidade para 5.000 toneladas, e outro de 21 metros, con capacidade para ata 7.000 toneladas de forraxes.

Desde o CAVI levan diariamente neste momento a mestura húmida para alimentar o gando de 55 explotacións da Mariña e A Pastoriza e mesmo serven a ración a algunha gandaría socia da cooperativa Campoastur na localidade de Belén de la Montaña, pertencente ao concello asturiano de Valdés.

Ganxabar (Xallas e Barcala): “Normalmente temos rematado a mediados de maio, pero este ano seguramente se retrase”

Na zona de Xallas e Barcala, labraron xa hai dúas semanas, antes de que empeorase o tempo, as fincas que tiñan sen cultivo de inverno. “Temos xa unhas 150 ou 200 hectáreas labradas, pero aínda nos faltarían outras 400. As fincas que teñen herba ou as parcelas máis húmidas aínda están sen labrar”, explica Adrián Cundíns, xerente de Ganxabar, que integran oito gandarías de Xallas e Barcala que comparten recría e xestión de forraxes a través de Forxabar, ubicado na parroquia de San Cosme, no concello coruñés de Mazaricos, a terceira maior instalación de ensilado de Galicia, despois do CAVI da cooperativa CLUN e da planta de mestura húmida de AIRA en Sarria.

“O tempo non axudou a labrar, o 80% da superficie agrícola que manexamos está a dous cultivos e como non se puido sacar a herba non se puido sementar. Nesas fincas estamos preparando a herba para ensilar pero toda a terra que estaba parada a maioría xa está sementada”, indica.

O 80% da superficie agrícola que manexamos está a dous cultivos e como non se puido sacar a herba para ensilar non se puido sementar o millo

Os ciclos do millo que botan vanse adaptando á época de sementeira para que a colleita veña toda xunta. “Empezamos con ciclos 500-600 ao principio e acabamos con 300 a mediados de maio para que veña todo o millo ao mesmo tempo e intentar unificar a recollida”, explica Adrián.

O retraso acumulado este ano no ensilado da herba condicionará a campaña do millo. “Se as condicións o permiten a mediados de maio temos rematado normalmente, pero este ano seguramente se retrase un pouco polo tempo”, aclara.

Esta unión de gandeiros, que comezaron traballando en conxunto a través dunha CUMA, botan man dunha empresa de servizos de apoio nas campañas e compaxinan a maquinaria propia coa que aporta a empresa de servizos externa que contratan.

Finca sementada con millo a mediados de abril por Ganxabar

Finca sementada con millo a mediados de abril por Ganxabar

Gandaría Iglesias Agra (Santa Comba): “Temos todo preparado para enterrar o abono e o millo”

Na Gandaría Iglesias Agra de Santa Comba non fan rotación de cultivos de millo con raigrás. “Empregamos fincas distintas, temos fincas para herba e fincas para millo, só facemos rotación en 5 ou 6 hectáreas, o resto esperan polo millo”, explica Manuel Iglesias.

Iso permítelles sementar o millo máis cedo e lograr moi bos rendementos. “O ano pasado a colleita foi moi boa, obtivemos uns 40.000 kilos por hectárea”, indica. En 2019 botaron 41 hectáreas e este ano contan botar algo máis, unhas 45, pero irán sementadas máis tarde que o ano pasado. “O ano pasado botamos primeiro 38 hectáreas e as outras 3 foron sementadas máis tarde porque son máis molladas, este ano pasará o mesmo. Nesas o ciclo que botamos é máis curto para que veña o millo todo xunto para ensilar”, explica.

Temos fincas para millo e fincas para herba, só facemos rotación en 5 ou 6 hectáreas das 45 que botamos, o resto esperan polo millo

“Estamos traballando na medida do posible, pero as chuvias máis intensas retrasáronnos. Se houbese máis estabilidade atmosférica xa estariamos labrando. De feito, temos todo preparado e as terras listas para enterrar o abono e o millo e está a empresa de servizos esperando para labrar”, conta Manuel. Eles pasan con maquinaria da propia explotación a grade de discos ás terras e contratan despois a fresa e a sementadora a través dunha empresa de servizos.

SAT Os Penedos (A Pastoriza): “A terra escasea nesta zona e botamos sempre a partir do 10 de maio”

Na zona da Terra Chá o forte da campaña non comezou tampouco aínda. SAT Os Penedos atópase na parroquia de Álvare, no Concello da Pastoriza, un dos máis leiteiros de Galicia. É unha zona na que abundan as explotacións de leite e na que moitas delas están aumentando o número de cabezas.

Iso fai que a terra escasee e haxa que aproveitar ben a superficie dispoñible facendo rotación de raigrás e millo nas parcelas. “Nós temos agora a herba unhas 70 hectáreas, ensilamos unhas 20 e quedarían outras 50 para ensilar agora a principios de maio porque a herba está no seu momento, de feito xa se deitou”, explica Manolo Eiros.

Nesta zona o millo bótase sempre a partir do 10 de maio, aquí sementamos máis tarde porque non entras nalgunha finca, así que de momento iriamos máis ou menos en prazo

Unha vez feito o corte da herba apuran os traballos de abonado e preparación da terra e en 15 días teñen todo labrado con millo. “Nesta zona o millo bótase sempre a partir do 10 de maio, sementamos máis tarde porque non entras nalgunha finca, así que de momento iriamos máis ou menos en prazo”, di.

Das 70 hectáreas que teñen a raigrás, unhas 12 quedan a herba para un segundo corte e o resto áranas para botar millo. Este ano sementarán unhas 80 hectáreas en total a millo, xa que ampliaron a base territorial con 18 hectáreas máis en aluguer. Os prezos que se pagan nesta zona son dos máis altos de Galicia, con rendas que están por enriba dos 400 euros anuais por hectárea.

A falla de base territorial para forraxes e para dar saída ao purín condiciona o medre das explotacións na parroquia de Álvare o que fai que os prezos que se pagan pola terra superen os 400 euros por hectárea ao ano

Ás explotacións que, coma Os Penedos, queren seguir medrando non lles queda máis remedio que pagar rendas altas. Esta SAT conta na actualidade con 540 cabezas totais, entre as que teñen moita recría porque tiñan intención de aumentar ás vacas en produción. “Queriamos facer unha ampliación da nave e instalar unha sala de muxido rotativa, pero denegáronnos o informe de impacto ambiental porque faltaríannos 22 hectáreas de superficie agraria máis, a maiores das que temos, para cumplir coa normativa, así que non podemos ampliar mentres non teñamos máis superficie ou mentres non monten a planta de tratamento de puríns que a Xunta anunciou que ían facer aquí na Pastoriza das 4 que están proxectadas en Galicia”, explica Manolo.

Gandaría Neiras SC (Sarria): “O ciclo 700 este ano non vai poder ser”

Noutras zonas do interior da provincia de Lugo están tamén pendentes aínda de poder facer o ensilado da herba. “Aquí ensilaron dous veciños estes dous días pasados que fixeron algo bo, e despois araron a terra, pero a maioría estamos esperando que mellore o tempo para poder ensilar. Penso que van vir tres días bos na fin de semana e eu teño pensado aproveitar para ensilar. Fixen a primeira corta en marzo, que si que veu bo tempo, e se tivera vido bo tempo agora xa tería ensilado fai unha semana outra vez porque a herba vale”, conta Antonio Valcárcel, da Gandaría Neiras SC de Sarria.

“Fixen a primeira corta de herba en marzo e se tivera vido tempo bo xa tería ensilado outra vez fai unha semana”

“O ano pasado sementei o millo o 8 de maio pero este ano non creo que poida ir nesas datas, vaise retrasar mínimo entre 10 e 15 días”, lamenta. Iso condicionará inevitablemente o resultado final. “Teño unha finca xunto ao río na que sempre labraba o millo a mediados de abril cun ciclo 700 e obtiña unhas cantidades moi grandes de millo, este ano está a herba que está aínda sen ensilar”, explica.

Cooperativa Aira: “Na zona de Chantada botaremos unhas 2.500 hectáreas, semellante ao ano pasado”

Máis cara ao sur as previsións da Cooperativa Aira son repetir a superficie de millo labrada o ano pasado. “A previsión é parecida nesta campaña, unhas 2.500 hectáreas en total na comarca de Chantada. O ano pasado foi bo porque choveu e houbo producións aceptables e a xente queda con gañas e anímase a repetir”, explica Jorge Meiriño.

“Estamos nunha zona límite xa, hai parcelas moi boas pero o verán é duro e moitos solos son franco-areosos así que hai anos nos que se dan problemas de seca que afectan moito ao millo”, engade. Por iso procuran botalo cedo, para que veña antes e esa seca lle afecte o menos posible.

“Tan pronto como levante o tempo empezaremos a labrar as parcelas que quedaron libres, temos planificado xa esas primeiras sementeiras, que son entre un 15 e un 20% do total, en fincas baleiras ou nas que se fixeron cortas temperás de herba antes de que viñera o mal tempo. Este ano houbo xente que saíu ben coa colleita do millo do ano pasado e xa non botou raigrás ou explotacións que van gañando superficie e que deixan de facer dous cultivos en algunas parcelas, que reservan xa só para o millo”, indica.

Este ano houbo xente que saíu ben coa colleita do millo do ano pasado e xa non botou raigrás ou explotacións que van gañando superficie e que deixan de facer dous cultivos en algunas parcelas, que reservan xa só para o millo

“Nas primeiras sementeriras ímonos a un ciclo 400 curto ou a ciclos 300 longos e logo imos reducindo, máis da metade do total de hectáreas van con ciclo 280 e sempre hai algunha parcela rezagada que queda para xuño e esas van con ciclo curto 150”, detalla.

A preparación que fan trala corta do raigrás consiste en abonar antes de laborear e logo arar. Nesta zona Aira traballa con entre 3 e 4 sementadoras con equipos combinados de 4 liñas e unha sementadora máis de 6 liñas. “Engadimos o abono mineral e pasamos a grade de discos se imos coa sementadora de seis liñas e se imos coas de equipo combinado de 4 liñas xa resolves con unha soa pasada eses dous traballos”, conta Jorge.

Recomendan tomar mostras do solo para analizar as súas necesidades

A súa compañeira Silvia, do equipo técnico de Agris, integrada agora en Aira, fai fincapé nese laboreo previo. “Hai que traballar a terra como é debido, arando e pasando despois grades para que haxa un bo leito de sembra, tanto nas condicións da terra, para que estea doada de sementar, como en temperatura e humidade”, di.

Canto mellor quede o terreo máis doado é despois a aplicación dos fitosanitarios. “Hai moita xente que usa tratamentos herbicidas de postemerxencia e tamén abonos de liberación lenta que se incorporan á terra xusto antes de sementar”, explica.

Silvia recomenda tamén “tentar tomar mostras de solo, porque nos achega máis a realidade para adecuar o abono a esas necesidades”. “Cada un coñece as súas fincas, pero ademais de ir ver as terras e coñecelas, eu sempre recomendo facer unha analítica da terra”, di.

Na zona de Palas, Guntín e Friol houbo xente que non puido sementar a herba no outono pola chuvia e que podía ter botado este ano o millo un pouco antes nesas parcelas se tivera acompañado o tempo

Silvia traballa na zona de Palas, Guntín e Friol, onde houbo gandeiros que deixaron as terras baleiras porque “o ano pasado no outono choveu moito e non se puido sementar a herba”, conta. “Nesta zona seméntase habitualmente o millo en maio, pero este ano é excepcional porque hai moita xente que ten fincas sen raigrás e podía ter aproveitado un ciclo máis longo”, di. Pero a climatoloxía non permitiu aínda sementar estas fincas, nas que se podía ter adiantado este ano un pouco a sementeira do millo. “Estes días non veu tempo moi adecuado, o que retrasou tamén o ensilado no resto de parcelas, explica.

Nesta zona do interior de Lugo trabállase con ciclos máis curtos que na costa, aínda que a técnica de Agris recomenda escoller a variedade en función de onde estean situadas as parcelas. “Non acostumamos usar ciclos moi longos, o que máis traballamos é un 280-300, a partir de ahí para ir a ciclos máis longos en zonas de interior como a nosa ten que ser en sementeiras temperás en fincas situadas en vales.

Cobideza (Lalín): “A herba está xa caída e espigada e o millo vai ir con 15 días de retraso” 

“Aquí aínda non empezamos a botar o millo”, explica o responsable de maquinaria da cooperativa Cobideza. “Aquí o millo aínda está en hora, porque comezaba a botarse nesta ultima semana de abril como moi cedo, pero este ano o que vai retrasado é o ensilado de herba e iso vai retrasar tamén a sementeira do millo. Eu calculo que este ano o millo ao final vai levar como mínimo 15 días de retraso”, asegura Kiko, porque “a estas alturas a herba está practicamente toda sen meter, xa está caendo e espigada, así que o ensilado da herba irá mal este ano porque aínda que veña bo tempo a partir de agora, a herba xa está escarallada”, di.

En canto ao millo, en Cobideza sementan unhas 300 hectáreas. “A tendencia desde fai 5 ou 6 anos para aquí é botar cada vez menos, porque as explotacións que pechan xa pechan e as outras entre a seca e o xabarín cada vez botan menos. A superficie a millo foi moito a menos nesta zona, eu calculo que puido reducirse nun 25% na última década”, estima.

A superficie a millo foi moito a menos nesta zona, eu calculo que puido reducirse nun 25% na última década

“Aquí é como na zona de Chantada, estamos xa no límite do clima mediterráneo. Séguese botando millo pero cada vez é máis difícil obter bos rendementos. Os episodios de seca son máis continuos nos últimos anos, antes non se producía sempre, pero agora a finais de agosto e principios de setembro é coma un forno que deshidrata a terra e faille moito mal ao millo. O xabarín tamén, pero o xabarín pode ser unha finca concreta pero a seca afecta a todo o que hai labrado”, argumenta Kiko.

“Xa estamos no límite de onde se pode botar millo. Pode haber fincas de 40.000 tm/ha pero a media estaría nesta zona está entre as 25.000 e as 30.000. Este ano botarase un ciclo máis curto, normalmente botábase un 300 agora e un 180 a mediados de xuño, que é o último millo que se bota”, di.

Distintas alternativas para os cultivos de inverno: desde os guisantes á veza con cebada ou os nabos

fincas millo Ganxabar2Aínda que a meirande parte das explotacións galegas traballan maioritariamente o millo e o raigrás como principais cultivos forraxeiros, ben en rotación nas mesmas fincas, ben deixando as leiras do millo a barbeito no inverno, nos últimos anos hai gandarías que están labrando outros cultivos de inverno tanto para aproveitalos para ensilaxe como para abonar con eles as terras.

É o caso da Cooperativa Agraria Provincial da Coruña, que conta con dúas granxas ubicadas na comarca de Ferrolterra, nos concello de Miño e San Sadurniño, e onde seguen estratexias de forraxe diferentes. “En Granxa A Esperanza en San Sadurniño temos todo a herba. Esta semana empezamos a segala, está no punto, falta que veñan 2 ou 3 días bos para ensilar e poder empezar a preparar as fincas para o millo, nalgunhas temos que encalar e logo abonar. Son cerca de 60 hectáreas as que temos en San Sadurniño a herba, 17 delas quedan sen millo porque son prados permanentes a dúas cortas e o resto levantarémolas para sementar millo. Ademais desas 43 hectáreas que temos en rotación collimos unha finca nova de 7 hectáreas que xa a temos traballada. Empezaremos a mediados de maio a labrar en San Sadurniño, a partir do 15 sementaremos”, adiantan desde o equipo técnico de CAP Coruña.

En CAP Coruña botaron este ano 38 hectáreas a guisante que usan para fixar nitróxeno e trituran antes de sementar o millo nas fincas

Na outra das gandarías, Granxa o Cancelo, ubicada en Miño, non traballan con herba e a sementeira do millo faise máis cedo. “En Miño sementamos un pouco antes que en San Sadurniño e as temperaturas son un pouco máis altas tamén, así que en Miño botamos un ciclo 500 e en San Sadurniño un ciclo 400. En Miño imos empezar coa sementeira estes días, xa sacamos xurro e esterco e trituramos a leguminosa que tiñamos”, detallan.

Levan tempo empregando esta técnica de abono verde con bo resultado. “Fixas nitróxeno, evitas erosión, escorrentía de auga, e tamén fas que non saian malas herbas”, explican. O tipo de cultivo de inverno que botan varía en función do ano e de como sexa a finca, cambiando entre guisante, veza, e nabo, que botan nas fincas nas que o terreo se apelmaza máis.

Este ano foron 38 as hectáreas que tiñan a guisante. “Non aproveitamos o cultivo de inverno, xa que non traballamos con silo de herba na granxa de Miño, só con silo de millo, así que usamos o cultivo de inverno como abono verde para fixar nitróxeno”, contan.

SAT Regueiro Branco (Ordes): Cebada con Veza

Na comarca de Ordes tamén están pendentes do tempo para empezar a labrar. “Nós de momento non empezamos pero temos a terra preparada. Até agora está algo frío”, di Álvaro, da SAT Regueiro Branco. Nesta gandaría van botar este ano preto de 80 hectáreas a millo.

Cincuenta delas están a barbeito e son nas que primeiro comezan a sementar. “Botamos un ciclo 500 na maioría delas. A sementeira facémola nós, porque temos unha sementadora, pero contratamos o máis forte, o resto dos traballos”, conta.

Non temos ningunha finca a rotación con raigrás, así non estamos condicionados polo ensilado da herba

“Non temos ningunha finca a rotación con raigrás, así non estamos condicionados polo ensilado da herba. Unicamente imos botar este ano millo en 12 hectáreas de pradeira nas que tivemos as vacas para renovalas”, explican. O resto das fincas están a pradeira permanente.

Pero a maiores das fincas que levan só millo ou das que teñen só a herba, nesta explotación situada entre os concellos de Ordes e Frades empregan outros cultivos forraxeiros cos que diminúen a súa necesidade de rotar millo e raigrás nas mesmas fincas. “Botamos 7 hectáreas a alfalfa, que imos levantalas agora para renovalas e 4 ou 5 hectareas a cebada con veza”, detalla Álvaro.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información