As industrias lácteas sosteñen que os excedentes europeos presionan ó sector en España

A Fenil fai un chamamento á sociedade para que consuma produtos lácteos de orixe nacional

As industrias lácteas sosteñen que os excedentes europeos presionan ó sector en España

Cisterna de leite. / Arquivo.

A Federación Nacional de Industrias Lácteas (Fenil) fai unha análise do actual escenario de mercado no que destaca que boa parte do sector sufriu un “duro golpe” polo peche da hostelaría e a reducción das exportacións. “Esta perda de canais de venda non foi compensada, en absoluto, polo leve repunte de consumo que se produciu nos fogares españois”, defende a patronal das industrias lácteas.

A Fenil engade que toda a cadea láctea a nivel europeo está sometida a unha “forte presión”, como proba -din- o anuncio da Comisión Europea de apoiar o almacenamento privado de leite en po desnatado, manteiga e queixo. “Lamentablemente, esta crise sanitara está coincidindo no tempo co pico de produción de leite a nivel europeo, o que conduciu a situacións indesexables de gandeiros doutros países da UE que mesmo se viron obrigados a tirar leite”, sinalan as industrias.

En España, a Federación de Industrias destaca que “estanse poñendo tódolos medios necesarios para recoller todo o leite que se produce, sempre que as capacidades produtivas e a situación de mercado o permitan”.

Preguntada a Fenil por Campo Galego sobre as importacións de cisternas de leite a baixos prezos por parte de factorías españolas, a patronal límitase a indicar que “os excedentes de leite e queixo que se están producindo noutros países da UE presionan significativamente ó sector lácteo español, motivo polo que desde a Fenil facemos un chamamento a toda a sociedade para que opte por consumir leite e produtos lácteos de orixe español”.

Por último, a Fenil lembra o seu “firme compromiso” coa sociedade española, na medida en que as súas industrias asociadas veñen poñendo “tódolos medios precisos para garantir o suministro de leite e produtos lácteos, o que nos convertiu nun referente en Europa, se se comparan as taxas de absentismo de traballadores nesta situación”, valoran.

Petición da comisión de seguemento do Acordo Lácteo
Nas últimas semanas, sucédense os chamamentos de distintas organizacións agrarias e da propia Xunta para que o Ministerio convoque a comisión de seguemento do Acordo Lácteo, a fin de abordar coas industrias as importacións de cisternas de leite a baixos prezos. Unións Agrarias asegura que se está importando leite a 14 céntimos / litro, unha práctica que considera que incurre na venda a perdas, polo que vulneraría a lexislación.

O sector pide que se controlen estas prácticas e que se evite que o leite importado remate envasado como se fose leite de orixe español. Tamén se lle pide ós supermercados un maior compromiso coa industria queixeira do país, de xeito que se conteñan as importacións de queixos centroeuropeos e se priorice a produción española.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información