Indignación nos gandeiros portugueses polo veto da Universidade de Coimbra á carne de vaca

As cantinas da Universidade deixarán de servir vacún desde xaneiro do 2020 co obxectivo de reducir a pegada de carbono dos alimentos

Indignación nos gandeiros portugueses polo veto da Universidade de Coimbra á carne de vaca

A decisión da Universidade de Coimbra (Portugal) de deixar de servir carne de vaca nas súas 14 cantinas está a causar perplexidade e indignación nos gandeiros portugueses. A Universidade alega que o veto vén motivado pola súa decisión de reducir a pegada de carbono dos alimentos, é dicir, as emisións de dióxido de carbono, o principal gas responsable do cambio climático.

A medida da Universidade de Coimbra enmárcase nun plan para aumentar a súa sostibilidade, que se traduce nunha serie de medidas como a redución do uso de plásticos ou proxectos para contribuír á reforestación de áreas queimadas. A prohibición de carne de vaca chega despois de que este verán se impulsase unha campaña mundial para reducir o consumo de carne, á que se responsabiliza do cambio climático, a pesar de que a gandería representa só entre o 10 e o 15% do total de emisións de gases de efecto invernadeiro.

Esta campaña está a causar malestar entre organizacións e cooperativas agrarias dos distintos países europeos, pois como está demostrado, a maior parte das emisións de gases de efecto invernadoiro correspóndense á queima de combustibles fósiles utilizados na produción de electricidade, no transporte e no sector industrial, campos que aglutinan arredor dun 60% do total de emisións.

En Portugal, a decisión da Universidade de Coimbra de prohibir a carne levou á Asociación de Produtores de Leite de Portugal (Aprolep) a emitir un comunicado no que consideran “incomprensible” que unha Universidade con 700 anos de historia “queira prohibir un alimento que foi fundamental no desenvolvemento cerebral dos nosos antepasados”. A asociación engade que “non queremos un retroceso baseado nun programa de prohibicións dunha minoría barullenta”.

Forraxes locais e redución de incendios forestais
A organización agraria portuguesa lembra que as vacas son alimentadas nun 80% con forraxes locais e que son criadas respetando as normativas de benestar animal. “Quen se preocupe pola pegada ecolóxica dos alimentos, pode comezar por escoller carne nacional, pois un 50% da carne de vacún consumida en Portugal é importada”, sinala Aprolep. “A nosa carne é producida en pastos e en terras cultivadas que, sen actividade gandeira, quedarían abandonadas e sendo pasto dos incendios, que ademais dun perigo para as poboacións, representan unha gran emisión de gases á atmósfera”.

Os gandeiros decláranse tamén comprometidos nunha gandería sostible de precisión, que reduza as emisións, e rematan desexando que profesores e estudantes da universidade poidan ter unha alimentación completa, “sen falta de ferro e vitámina B12, de xeito que poidan estudar, investigar e decidir con bo sentido”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información