Incertidume no sector forestal polo decreto de actividades esenciais

O primeiro borrador do real decreto contemplaba o mantemento de toda a actividade forestal como esencial, pero o texto final elude calquera mención específica ó ambito forestal, o que suscita dúbidas entre as empresas do sector e as propias Administracións encargadas de interpretar a norma

Incertidume no sector forestal polo decreto de actividades esenciais

Os traballos silvícolas están en teoría protexidos como servizos esenciais pola súa función de prevención de incendios.

O sector forestal trata de aclarar coas Administracións que actividades poden seguir en marcha, ao considerarse como esenciais, e cales non, pois no real decreto que establece as actividades esenciais evitouse finalmente calquera mención específica ó ámbito forestal. O primeiro borrador do texto, que se filtrou o sábado, incluía un listado de actividades, cos seus correspondentes CNAE (Clasificación Nacional de Actividades Económicas), que podían seguir en marcha, pero o decreto final evitou esa concreción e quedou máis difuso.

De feito, o texto final elude calquera mención ó sector forestal, á industria da madeira ou á pasta de papel. Así as cousas, as asociacións e empresas do sector están esta mañá tratando de aclarar coas Administracións que actividades poden seguir e cales non.

En teoría, actividades, como a industria da pasta de papel e a corta e transporte de eucalipto, estarían amparados polo Real Decreto (punto 2 do anexo), ao permitirse o funcionamento da cadea industrial de material hixiénico.

Outra actividade protexida serían os traballos forestais de silvicultura (rozas, podas, rareos, etc.), que ao ter unha función de prevención de incendios, están amparados polo Real Decreto (punto 7 de anexo), pero na práctica, polo de agora os Distritos Forestais están en consultas coa Consellería, antes de expedir os certificados que se demandan desde as empresas do sector.

Máis dúbidas hai sobre outras actividades forestais, como as ligadas á cadea do piñeiro (aserradoiros, rematantes) ou o funcionamento dos viveiros forestais, que quedan nun limbo, pois se ben no primeiro borrador do real decreto todas estas actividades mencionábanse especificamente como servizos esenciais, desapareceron do texto final.

Parte dos aserradoiros poderían entrar no punto 5 do anexo, que menciona o mantemento de actividades manufactureras que abastezan a industrias consideradas esenciais, pero a situación non está clara para as empresas e asociacións do sector.

Unha posible saída para aclarar o escenario está no punto 25 do anexo do Real Decreto, que abre a porta ó mantemento de calquera outra actividade que fose considerada esencial. En calquera caso, desde o sector espérase a que a Xunta e a Delegación do Goberno faciliten indicacións concretas nas próximas horas sobre que actividades poden seguir e cales non.


Actualización 30-III-2020 (15.20 horas): A Delegación do Goberno aclara que aserradoiros, rematantes e viveiros forestais poden manter a actividade.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información