“Abusos fiscais” coas axudas de incorporación: o Ministerio de Agricultura confía en que este ano se resolvan

“Abusos fiscais” coas axudas de incorporación: o Ministerio de Agricultura confía en que este ano se resolvan

A conselleira do Medio Rural na clausura do acto de Agaca e da Fundación La Caixa

Os “abusos” fiscais do Ministerio de Hacienda coas axudas de incorporación poderían rematar este ano. Iso foi o que anunciou en Santiago a directora xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal do Ministerio de Agricultura, Esperanza Orellana, durante a súa intervención este venres na xornada “Incorpórate!” organizada pola Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias (AGACA) e Obra Social “la Caixa”.

“Estamos traballando co Ministerio de Hacienda para que a axuda á primeira instalación non tribute dun golpe no IRPF no momento en que comunica a resolución. Estou moi esperanzada en que o tema se vai resolver en breve”, asegurou a representante do Ministerio durante a súa intervención.

Esperana Orellana: “En poucas semanas agardamos un acordo con Facenda”

Así, engadiu que “en poucas semanas agardamos un acordo para que non se tribute por esa axuda ata que se cobre realmente e que sexa unha tributación proporcional”.

As organizacións agrarias veñen denunciando dende hai anos tanto a excesiva fiscalidade coa que o departamento que dirixe Cristóbal Montoro grava as axudas de incorporación -para unha axuda de 20.000 euros a Axencia Tributaria pode levarse ata o 30% na declaración do IRPF-, como o criterio de tributar por este imposto cando se concede a axuda e non cando se cobra, que pode ser ata un ano despois.

O ministerio que dirixe Cristóbal Montoro aplica esta fiscalidade dende a campaña 2015, ao considerar que se trata dunha axuda ordinaria de capital destinada a garantir unha renda mínima e non á realización de investimentos na explotación que podan ser desgravables.

Un problema específico de Galicia e dalgunhas provincias

Pero ademais, e só no caso de Galicia e nalgunhas provincias máis, algunhas delegacións fan unha interpretación restritiva da lexislación, de forma que obrigan a aos mozos e mozas incorporados ao agro a tributar por toda a axuda dunha soa vez, no momento en que aparece publicada a concesión no Diario Oficial de Galicia, sen posibilidade de fraccionala en cinco anualidades.

Isto último parece que é o que ten visos dunha solución máis rápida, segundo as declaracións da directora xeral de Desenvolvemento Rural e Política Forestal, de forma que se volvería tributar pola axuda de incorporación cando se cobre, e con posibilidade de fraccionala nos 5 anos ao que se obriga a estar en activo.

A este respecto, a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, tamén destacou na clausura do acto organizado por Agaca e pola Fundación La Caixa, que “esta problemática da fiscalidade das axudas de incorporación trasladeilla ao presidente da Xunta nun expediente e el trasladoullo ao ministro Cristóbal Montoro” na reunión celebrada hai dúas semanas en Madrid.

“Tamén estamos traballando para que non se grave fiscalmente a cesión de explotacións agrogandeiras de pais a fillos, porque non ten sentido”, subliño.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información