(II) A polarización no uso da terra en Galicia: intensificación nunhas zonas e abandono noutras

A perda de superficie agraria nas últimas décadas foi desigual no conxunto de Galicia, manténdose o uso agrogandeiro en zonas de alta concentración de explotacións leiteiras mentres no resto da comunidade a falta de demanda incentivou o abandono. A intensificación da produción levou a que o 40% do leite producido de España se concentre no 8% do territorio galego

Obras de ampliación dunha explotación na parroquia de Álvare (A Pastoriza) unha das de maior produción de leite de Galicia

Obras de ampliación dunha explotación na parroquia de Álvare (A Pastoriza) unha das de maior produción de leite de Galicia

A parroquia de Álvare, na Pastoriza, é un lugar especializado na produción de leite. Tanto que as dúas ducias de explotacións que hai na parroquia non deixan de medrar día a día e producen entre elas soas máis leite que moitas comunidades autónomas do Estado.

Tamén rivalizan pola terra. En Álvare non queda un metro de terra sen labrar e os pés de eucalipto están en clara desvantaxe fronte aos de millo. Igual que acontece noutras zonas de Galicia, as explotacións precisan terra, pero hai pouca dispoñible.

É unha situación que tamén se dá noutros concellos da Terra Chá e noutras comarcas de Galicia, como Xallas, Ordes ou o Deza, mentras en amplas zonas da nosa comunidade as leiras quedan baldías por non haber quen as traballe.

É a cara e a cruz da moeda da evolución da superficie agraria en Galicia nas últimas décadas, unha disparidade que se segue a acrecentar. Quico Ónega, do Laboratorio do Territorio (Laborate) da Universidade de Santiago, indica que o que se produciu foi “unha regresión continua en termos agregados da SAU en Galicia con aguante nalgún concello vinculado a explotación leiteira e en menor medida nalgún outro con gandeiría de carne”.

Polarización da produción agrogandeira en Galicia

“A evolución desigual da superficie agraria en todo Galicia nos últimos 30 anos é un factor relevante, porque se vai polarizando a explotación da terra”, engade. “Perdese SAU e ese proceso non se freou aínda mentres a produción tende a concentrarse en zonas concretas. Malia que os concellos con máis produción leiteira foron quen de manter a súa superficie agraria e nalgún outro, como por exemplo en Cervantes e algún lugar puntual de Ourense, estanse dando procesos de recuperación paulatina con expansión da gandeiría de carne, hai outras zonas onde o descenso foi moito máis acusado”, explica.

“O periodo posterior á entrada de España na Comunidade Económica Europea foi un periodo moi dinámico no que as principais tendencias de cambio se distribuíron de xeito desigual polo territorio”, afirmaban tamén Eduardo Corbelle e Rafael Crecente no artigo Urbanización, Forestación e Abandono. Cambios recentes na paisaxe de Galicia, 1985-2005, publicado no ano 2014 na Revista Galega de Economía.

O abandono vai por parroquias: a costa urbanizouse e forestouse, a montaña foi quedando a hermo e o centro de Galicia especializouse e intensificou a produción de leite

A análise feita neste traballo a nivel parroquial suxire unha tendencia á diferenciación e á especialización entre diferentes zonas: as áreas costeiras aparecen caracterizadas polo dominio da forestación e da urbanización, as áreas de montaña polo dominio das cubertas naturais, que aumentan como consecuencia da falta de actividade humana, “e distínguese claramente unha área intermedia na que a actividade agrícola e gandeira non só se mantén senón que, mesmo, se incrementa”, aseguran.

“O corolario é obvio e suxire que non é necesaria –nin probablemente desexable– a aplicación das mesmas políticas (de desenvolvemento rural pero tamén de ordenación do territorio ou de planeamento urbanístico) en todo o te-rritorio de Galicia”, conclúen.

Aumento da SAU en zonas leiteiras

Os distintos expertos afirman que os concellos do núcleo duro da produción de leite en Galicia mantiveron ou mesmo aumentaron (pola vía de roturar fincas de monte) a superficie agraria nos últimos anos ao tempo que se perdía a pasos axigantados no resto do territorio.

“A cabana gandeira concéntrase en cada vez menos concellos e hoxe o 80% das vacas de leite de Galicia concéntrase en 20 concellos, cando en Galicia hai 314”, argumenta Quico. Corbelle e Crecente identificaban como “zonas de gandería moderna” estes lugares onde a terra mantivo o seu uso agrario predominante. “Esta é a verdadeira reserva agrícola de Galicia, pero aínda así nela tamén se incrementa a superficie ocupada por plantacións de arborado, polo que é plausible supoñer que estas últimas supuxeron unha forte competencia e, polo tanto, ata certo punto un obstáculo para a mobilidade e a reestruturación do sector agrícola e gandeiro”, afirman.

A produción de leite de Galicia no ano 1995, con 70.000 explotacións, era de 1,5 millóns de toneladas. Hoxe as 7.400 que quedan en activo producen 2,7 millóns de toneladas.

A produción de leite en Galicia non deixou de medrar malia a desaparición acelerada de explotacións (no ano 1995, con 70.000 explotacións, a nosa comunidade producía 1,5 millóns de toneladas; hoxe as 7.400 que quedan en activo producen 2,7 millóns de toneladas) e trala desaparición das cotas lácteas no ano 2015 mesmo se disparou, cun incremento do 12% en tres anos.

Con todo, esta produción está concentrada cada vez máis nun menor número de zonas do territorio. Os 20 concellos maiores produtores de leite en Galicia (por esta orde: Mazaricos, A Pastoriza, Lalín, Castro de Rei, Santa Comba, Frades, Sarria, Arzúa, Cospeito, Chantada, Pol, Guntín, Mesía, Trazo, Rodeiro, Lugo, Silleda, Taboada, Guitiriz e Tordoia) suman 1’3 millóns de toneladas, practicamente a metade da produción de leite de Galicia. Trala desaparición das cotas lácteas estes 20 concellos aumentaron un 25% a súa produción de leite, o dobre que o conxunto de Galicia.

Intensificación e dependencia 

Produción de millo nunha explotación da comarca de Sarria

Produción de millo nunha explotación da comarca de Sarria

“A produción de leite foise comprimindo nunha zona cada vez menor do territorio e hoxe en 220.000 hectáreas de SAU, que equivalen ao 8% do territorio galego, está o 40% da produción de leite de España”, evidencia o profesor de Estrutura Económica da USC e impulsor do Banco de Terras Edelmiro López, que identificaba xa na súa tese doutoral no ano 1995 esta tendencia á concentración produtiva e as dificultades existentes para a mobilidade da terra na nosa comunidade.

As explotacións de leite galegas dispoñen dun promedio dunhas 20 hectáreas de superficie agraria, a metade das que manexa de media unha granxa leiteira no resto de Europa. E esa imposibilidade de incrementar a superficie agraria en paralelo ao número de cabezas de gando levou á intensificación do sector leiteiro galego acentuando a súa dependencia de factores externos como os incrementos de prezos dos cereais a nivel internacional.

“As explotacións tiveron que aumentar a súa escala de produción porque a marxe por unidade, é dicir, por vaca e por litro de leite, foise facendo menor. Isto lévate a unha inercia na que te vas especializando no traballo gandeiro e relegando o traballo agrario. Ese modelo funciona ben cando tes garantidos os insumos necesarios, como o penso ou as forraxes, a prezos baixos e estables pero é problemático en momentos de subas ou desaxustes”, asegura Edelmiro.

A produción de leite foise comprimindo nunha zona cada vez menor do territorio e hoxe en 220.000 hectáreas de SAU, que equivalen ao 8% do territorio galego, está o 40% da produción de leite de España

Hoxe prodúcese máis leite por granxa en Galicia debido ao incremento do seu tamaño e á mellora da eficiencia produtiva pero con menos superficie (350.000 hectáreas no ano 1989 fronte ás 220.000 do ano 2016) o que fai que a dependencia de concentrados ou da adquisición de forraxes ou outros elementos da ración aumente. “Só unha quinta parte da superficie en Galicia está destinada a cultivos e pastos cando en Europa é o dobre”, indica.

Por iso considera que un dos obxectivos que debería perseguir a nova Lei de mobilidade de terras que está a elaborar a Xunta ten que ser o de “aumentar as producións de bens agrarios nos que somos deficitarios e que agora compramos fóra”, tanto destinados a alimentación humana (cereais e produtos hortofrutícolas) como a alimentación do gando (cereais e forraxes), de maneira que sexa posible “substituir alimentos para o gando que agora temos que importar por alimentos producidos na propia explotación”, o que xeraría, di, un dobre beneficio: “aforro económico ás gandeirías e aforro de diñeiro público en apagar lumes no verán”, conclúe.

Case un terzo das terras das explotacións que pechan non se incorpora ás que continúan en activo

Á fragmentación da propiedade (que fai que sexa pouco rendible traballar moitas fincas polo seu pequeno tamaño e a súa dispersión) engádese a escasa mobilidade de terras en Galicia, o que dificulta o crecemento e redimensionamento das explotacións que continúan en activo ao impedir o incremento parello das cabezas de gando e da superficie agraria útil da que dispoñen.

Edelmiro López advertía xa desta situación no ano 2000 nun estudo titulado O sector agrario galego ás portas do século XXI: balance das súas transformacións recentes, publicado na Revista Galega de Economía, no que analizaba o período 1986-2000: “Da análise da transferencia das terras liberadas por esas unidades desaparecidas ás que continúan en activo os datos suxiren que se mantiveron en esencia as pautas observadas nas décadas precedentes, é dicir que a maior parte desas terras non foron vendidas nin cedidas en arrendamento a outros agricultores, senón que quedaron desmovilizadas para a produción agraria”.

Esta situación non variou substancialmente e continúa dándose a día de hoxe en niveis importantes. Da pouca transferencia de terras que se produce na nosa comunidade actualmente dá testemuño un dato que aporta o profesor Francisco Sineiro, segundo o cal un 29% das terras que tiñan as explotacións leiteiras que pecharon en Galicia na última década non se incorporaron ás explotacións que continuaron en activo.

Analizando os datos da Enquisa sobre a estrutura das explotacións agrícolas, que publica o INE, dos anos 2007 e 2016, a superficie utilizada polas explotacións leiteiras tería descendido desde 303.000 hectáreas a 215.000. “Serían 88.000 hectáreas menos destinadas á produción de leite en 10 anos”, evidencia Sineiro, que pon de manifesto que “non se trata tan só de dispoñibilidade, senón tamén de tamaño das parcelas, porque ás veces aínda que haxa fincas dispoñibles non se poden incorporar se están lonxe ou se son pequenas”, razoa.

A terra foi o gran factor limitante para as explotacións no pasado e aínda o será máis no futuro dadas as novas limitacións ambientais fixadas pola UE e os novos condicionantes para acceder ás axudas da PAC

Esta falta de superficie aproveitable é un freo á mellora da produtividade das explotacións e mesmo supón un risco para a súa viabilidade futura. “A terra foi o gran factor limitante para as explotacións no pasado e aínda o será máis no futuro dadas as novas limitacións ambientais fixadas pola UE e os novos condicionantes para acceder ás axudas da PAC”, asegura.

A resistencia de moitos propietarios a vender ou ceder o uso dos seus terreos é un problema de ideosincrasia de Galicia que cómpre cambiar e que se pode estimular mediante medidas fiscais e facendo cumprir a lexislación sobre usos da terra. “O mercado de terras non se amaña por si só, fan falla políticas públicas”, defende Sineiro, que engade que “a responsabilidade de manter os usos agrarios da terra é tanto da Xunta como dos Concellos a través dos Plans Xerais de Ordenación Municipal”. “En moitos sitios vemos como se fixeron urbanizacións ou polígonos industriais en terras agrarias de alto valor, mesmo foron feitas infraestruturas deste tipo en fincas que entraran en concentracións parcelarias”, indica.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información