“Hoxe poderiamos ter vacas rubia galega con producións de leite e de sólidos semellantes aos das jersey”

Juan Piñeiro Andión, vocal da Fundación José Luís Taboada, investigador do CIAM e profesor asociado de Manexo de Pastos na Escola Politécnica Superior de Lugo, xubilado no ano 2011, recupera os traballos realizados por César Fernández-Quintanilla entre 1949 e 1955 para aumentar o rendemento leiteiro das vacas en Galicia

Juan Piñeiro Andión, nas instalacións da Finca Robles na Pobra do Brollón, pertencente ao CIAM

Juan Piñeiro Andión, nas instalacións da Finca Robles na Pobra do Brollón, pertencente ao CIAM

O Plan Agrícola de Galicia tentou entre 1949 e 1955 mellorar o nivel de produción de leite da raza rubia galega en base á selección xenética. O abandono do programa e o cambio posterior de estratexia a través do cruce con touros da raza South Devon tirou pola borda os avances realizados e perpetuou unha carencia leiteira que arrastra aínda hoxe a nosa raza autóctona máis estendida no país.

Cun equipo de controladores distribuídos por toda Galicia visitando as explotacións, durante 7 anos escolléronse os mellores exemplares en aptitude leiteira para realizar transferencia xenética ao resto da cabana a través da monta con sementais.

O Plan Agrícola de Galicia supuxo o primeiro intento frustrado de mellora da produción de leite da raza Rubia Galega

A base de operacións estaba situada na granxa Robles, ubicada no concello lugués da Pobra do Brollón e hoxe pertencente ao Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, unha finca comprada no ano 1949 polo Plan Agrícola de Galicia aos herdeiros de Pilar Robles e Adriano Quiñones Armesto (personaxe de La casa de la Troya e parente de José María Gil Robles, ministro da Guerra en 1935 polo CEDA, segundo unha investigación da escritora Olga Novo, veciña da zona).

Juan Piñeiro propón retomar cos medios e a tecnoloxía de hoxe o programa de mellora xenética para a produción de leite da raza rubia

“Adriano Quiñones Armesto foi xuíz na Pobra do Brollón pero preocupábase pola agricultura. Daquela xa cultivaba xirasois na finca de Brollón”, explica Juan Piñeiro, que rescatou do esquecemento no que se atopaba nos arquivos do Ministerio de Agricultura en Madrid a documentación dos primeiros anos do Plan Agrícola de Galicia e do programa levado a cabo de mellora da produción de leite nas vacas de raza rubia galega.

Os inicios do Plan Agrícola de Galicia

O Plan Agrícola de Galicia inicia a súa actividade en 1946 co nomeamento de Ramón Blanco como primeiro director técnico. Blanco fora xefe da Sección Agronómica de Lugo e director da Estación de Agricultura Xeral da Fonsagrada a comezos de 1920 e no ano 1924 estando en Pedro Murias en Ribadeo organizou o primeiro concurso de vacas.

“Quizais por esa experiencia, de volta en Madrid foi designado director do Plan Agrícola de Galicia pero practicamente non pisou a nosa comunidade nese tempo, el foi o xestor desde Madrid durante os dous primeiros anos. Logo pasou a dirixilo Quintanilla”, explica Juan.

Ramón Blanco, que estivera en Galicia nos anos 20, foi o primeiro director técnico do Plan Agrícola antes de pasar a dirixilo Fernández-Quintanilla

O servizo técnico do Plan sufriu diversos cambios de nome: Selección de Gando Vacún en 1947, Mellora da Explotación Leiteira en 1950, Mellora de Prados e da Explotación Leiteira en 1953 e Mellora de Prados e do Gando Vacún en 1954.

Durante a súa vixencia realizáronse diversas publicacións técnicas e circulares informativas, como as cartillas gandeiras dos anos 1947 e 1949 e as dúas circulares do ano 1950 sobre cuestións como a produción de remolacha, por exemplo. Leváronse a cabo tamén 11 boletíns divulgadores, o do ano 51 xa sobre produción leiteira e a partir de 1949 publícanse os rexistros leiteiros das vacas incluídas no Plan Agrícola de Galicia. En total publicáronse os rexistros leiteiros durante 7 anos, de 1949 a 1955 incluídos.

Selección dos mellores exemplares para a produción leiteira

Un dos controladores do programa de mellora leiteira da raza rubia galega

Un dos controladores do programa de mellora leiteira da raza rubia pertencente ao Plan Agrícola de Galicia

O programa de mellora da produción de leite nas vacas de raza rubia galega foi unha das aportacións máis interesantes do Plan Agrícola de Galicia. Estivo dirixido por César Fernández-Quintanilla, que era xefe do Servizo de Selección do Gando Vacún (estivo de bolseiro con Cruz Gallástegui) e estableceu as bases do programa en 1948. “Mediante controladores que visitaban as explotacións facían rexistros leiteiros en distintas zonas de Galicia, sacaban mostras de leite e controlaban a produción por vaca”, explica Juan.

O primeiro programa de control leiteiro de Galicia, mediante visitas de controladores ás explotacións, púxose en marcha en 1948

O primeiro boletín divulgativo, do ano 1948 establece 8 Círculos de Rexistro Leiteiro (Lalín, Carballiño, Chantada, Ourense, Ordes, Negreira, Redondela e Pontevedra) atendidos por Comprobadores de Rendemento Leiteiro, formados ese mesmo ano, co obxectivo de comprobar 250 vacas por ano.

En 1952 o Plan Agrícola de Galicia dispoñía en propiedade de 53 sementais de rubia galega distribuidos en paradas e outros 9 touros cedidos a particulares e organismos, pero só un ano despois suspéndese a implantación de novas paradas de sementais

“Óptase pola selección masal como estratexia para a mellora xenética e na produción de leite, descartando inicialmente a mellora por cruce con razas exóticas”, explica Juan. O cronograma do programa para a mellora da rubia galega marcaba distintas etapas: o primeiro ano (1948) é o ano de formación dos comprobadores, de creación dos Círculos de Rexistro Leiteiro e de comezo do Rexistro en si; do segundo ao cuarto ano desenvolveríase o Rexistro Leiteiro; a partir do quinto ano procederíase, en base a eses datos, á localización dos mellores sementais e á creación dos Círculos de Sementais; do sexto ao noveno ano serían os de pleno funcionamento dos Círculos de Sementais e dos Círculos de Rendemento Leiteiro e a partir do décimo ano os Círculos de Sementais xa contarían con animais de “positivo valor xenético”.

“Se se tivese continuado co programa hoxe poderiamos facer queixos co leite de razas autóctonas e non ter que traer vacas jersei ou parda alpina”

Cadro-programa-mellora-rubia-galega-Plan-Agrícola-de-GaliciaEn seis anos, de 1948 a 1953, o Programa Agrícola de Galicia contou con entre 227 e 284 vacas inscritas no Rexistro Leiteiro, logrando un aumento medio da produción por lactación e ano de 116,6 litros, pasando de 2.768 a 3.351 litros.

Pero o programa de mellora non cumpriu os 10 anos previstos para obter resultados. “Chegaron a ter máis de medio cento de sementais distribuidos en paradas, pero en 1953 suspéndese a implantación de novas paradas de sementais porque apareceron os centros de inseminación artificial. Iso foi un freo á actividade de desenvolvemento do programa”, lamenta Juan.

As vacas rexistradas pasaron de dar 2.768 litros no ano 1948 a 3.351 en 1953, un incremento de produción media de máis de 100 litros por vaca en cada lactación

Pero a mediados da década dos anos cincuenta o Ministerio de Agricultura decide cambiar de estratexia e importar gando vacún South Devon, non só para Galicia, senón para toda España. “Quintanilla non era partidario de mellorar a produción de leite da rubia galega mediante cruzamentos con outras razas”, indica Juan, á vista da documentación que rescatou, pero ao por aquel entón director do Plan Agrícola de Galicia non lle quedou máis remedio que incorporar aquel gando á granxa Robles.

Tomouse a decisión de parar o programa sen base científica suficiente e comezouse a importar gando de raza South Devon para cruzar coa rubia galega

“As vacas South Devon que estaban aquí tiñan unha produción media de entre 2.000 e 3.000 litros. Por riba dese intervalo estaba xa a produción de rubia galega. Las South Devon son vacas moi rústicas que demostraron a súa adaptabilidade ás condicións de Galicia. Nesta finca houbo 15 vacas e 10 sementais no centro primario e distribuíase o seme aos centros secundarios para a estensión da mellora mediante cruzamento coa rubia galega”, explica o investigador xubilado.

No ano 1961 Joaquín G. de Azcárate publica información sobre o gando South Devon importado, destacando a súa rusticidade, fertilidade, crecemento, aspectos carniceiros, rendemento mantequeiro, comportamento e lonxevidade, pero a produción media de leite non superaba á da rubia galega

“Tomouse a decisión de parar o programa inicial sen base científica dabonda para decidir que a rubia galega non era capaz de lograr melloras na súa produción de leite e non foi unha gran decisión traer as South Devon para tratar mellorar a produción de leite por esa vía, porque a mellora da rubia galega no progama orixinario lograra en 6 anos producións xa superiores ás desa raza importada. Non supuxo unha mellora cruzar á rubia galega coa raza South Devon, ao contrario, foi unha mágoa non seguir co programa de mellora da raza autóctona. Se en vez de traer esas vacas importadas para aquí, se tiveran centrado en coller as 12 mellores vacas que había no programa de mellora da rubia galega nas distintas explotacións que tiñan controladas e os mellores touros seguramente teríanse logrado mellores resultados. Foi unha pena que iso rematara deste xeito e non se tivera retomado”, argumenta.

Unha posibilidade non aproveitada

Quedan aínda explotacións en Galicia, como é o caso de Gandería da Morena en Friol, que contan con vacas rubias cunha importante produción de leite

Gandería da Morena, en Friol, conta con vacas de raza rubia galega que manteñen a morfoloxía tradicional e unha importante produción de leite

Juan Piñeiro considera “unha posibilidade non aproveitada” o prometedor inicio daquel proxecto de mellora do rendemento leiteiro da raza rubia galega e propón retomar o proxecto na actualidade, máis de medio século despois, cos medios e a tecnoloxía de hoxe. “Penso que non é tarde, que aínda estamos a tempo. O que está claro é que se empezas hoxe acabas antes que se empezas mañá, porque entón acabas despois, pero se nunca empezas nunca acabas”, di.

Foi unha magoa que non se seguira co programa de mellora da rubia galega e que non se tivera retomado en todos estes anos para ter unha subpoboación de rubia galega produtora de leite con producións semellantes ás das jersei e cun nivel de sólidos importante para poder facer queixos con leite de vacas de raza autóctona

“Cos anos que pasaron desde que se iniciou aquel programa de mellora as nosas rubias galegas terían hoxe producións semellantes ás das jersei e cun nivel de sólidos importante. Hoxe poderiamos ter unha subpoboación de rubia galega produtora de leite. Así non faría falta traer vacas jersei ou parda alpina para facer queixo, como teñen explotacións que transforman o seu leite en queixos, como Airas Moniz ou Arqueixal, e poderíase deste xeito vender queixo galego producido con vacas galegas. Sería unha maneira de vender tamén doutro xeito o queixo e o territorio. Hoxe, podemos vender queixo feito en Galicia pero co leite de vacas de fóra de Galicia que pacen en pradeiras nas que se sementan variedades de fóra de Galicia como o raigrás inglés ou o trebo italiano; o único que é galego é o clima e a xente que elabora o queixo, porque todo o demais é de fóra”, argumenta o ex investigador do CIAM.

Combinar produción de carne e de leite

Segue habendo explotacións aínda en Galicia que contan con exemplares de raza rubia galega que manteñen a liña xenética tradicional da raza, que combina a produción de carne coa de leite. Serían esas vacas das que se podería botar man para retomar un programa de mellora xenética enfocado á produción leiteira. Como explica Ángel Santos, da Gandeiría da Morena de Friol, son vacas menos culonas e máis estilizadas, con menor aptitude para a produción cárnica pero que dan máis leite.

Na rubia galega perdeuse moita altura e moito ubre nos últimos anos. Quérense xatos culóns pero canto máis cu menos ubre e menos leite. Eu trato de recuperar nos meus animais esa morfoloxía das vacas rubias de antes (Ángel Santos, Gandeiría da Morena)

“Na nosa casa sempre houbo vacas rubias e eu aínda teño algunha desas vacas de antes, máis corpulentas, coa cornamenta cara arriba e que dá leite máis que dabondo para que mamen dous xatos. Na rubia galega perdeuse moita altura e moito ubre nos últimos anos. Quérense xatos culóns pero canto máis cu menos ubre e menos leite. Eu trato de recuperar nos meus animais esa morfoloxía das vacas rubias de antes”, afirma Ángel, un mozo que se incorporou no ano 2013 á explotación familiar en semiextensivo, de 70 cabezas, ubicada na parroquia de Nodar.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información