A polilla guatemalteca da pataca expándese polo norte de Galicia

Publicidade
A polilla guatemalteca da pataca expándese polo norte de Galicia

Pataca afectada pola couza guatemalteca

A Consellería do Medio Rural publica este luns no Diario Ofical de Galicia unha resolución pola que amplía as zonas demarcadas pola presenza da praga de corentena denominada Tecia solanivora Povolny ou polilla guatemalteca da pataca.

Esta couza, orixinaria de Guatemala, introduciuse en Canarias en 1999 e desde alí chegou a través dunha partida de patacas infectadas ao continente europeo a través de Galicia, onde se detectou en agosto de 2015 en Ferrol, Narón e Neda. En febreiro de 2016 apareceron outros focos en Cervo, Foz, Xove, Valadouro e Viveiro.

Ante a expansión da praga, agora a Xunta amplía a zonas demarcadas pola Tecia solanivora Povolny ou couza guatemalteca da pataca aos concellos de Valdoviño, San Sadurniño, A Capela, Fene, Mugardos, Ares, Cabanas, Ortigueira, Mañón e As Pontes de García Rodríguez na provincia da Coruña e os concellos do Vicedo, Burela, Barreiros, Ribadeo, Trabada, Lourenzá, Mondoñedo, Alfoz, O Valadouro, Ourol, Abadín, A Pastoriza, Riotorto e A Pontenova na provincia de Lugo.

É dicir, toda a Mariña lucense, a comarca de Ferrolterra, Ortegal e As Pontes están xa afectadas por esta praga. En Asturias tamén afecta a varios concellos da comarca do Eo-Navia.

En canto aos danos que provoca, as larvas escavan galerías sinuosas e profundas nos tubérculos, producindo a depreciación total do mesmo, e favorecendo a súa pudrición. Causan danos tanto en campo como tamén no almacén.

Medidas de control da praga

A resolución da Consellería do Medio Rural tamén acorda manter as medidas fitosanitarias que vén aplicando desde outubro de 2015.

Así, nas Zonas Demarcadas prohíbese a comercialización e saída de tubérculos producidos nesas zonas.

Ademais, deberán cumprirse as seguintes medidas:

-Deberá utilizarse unicamente semente certificada libre de praga.
-Colocar trampas de feromonas de captura de adultos.
-Tratamentos fitosanitarios nas parcelas afectadas: ao chan antes da plantación con insecticidas en formulados granulados (oxamilo, teflutrin, clorpirifos), e á planta durante o ciclo de cultivo con insecticidas de aplicación foliar (clorantraniliprol, clorpirifos, teflutrín e outros).

-Recollida e destrución de todos os tubérculos danados e dos restos de colleita.

Ademais recoméndanse outras medidas:

-Sementar os tubérculos a máis de 15 cm de profundidade, e logo aporcar por ambos os lados a unha altura de 25-30 cm.
-Antes de sementar recoller os tubérculos de campañas anteriores.
-Non é conveniente plantar en parcelas afectadas durante varios anos.
-Tamén medidas en almacén como tratamento fitosanitario aos tubérculos almacenados, colocación de rede ou malla antiinsectos nos accesos e ocos, limpeza das instalacións; e colocacións de trampas sexuais para captura de adultos (en caso de capturas, non se poderán comercializar as patacas dese almacén).

O Ministerio de Agricultura está a preparar un Real Decreto, cuxo borrador enviou á Xunta, o Principado de Asturias, sindicatos agrarios e organizacións de produtores, entre outros, con medidas para combater a expansión da praga da couza guatemalteca (Tecia solanivora). Propón, entre outras medidas, prohibir o seu cultivo un mínimo de dous anos nas zonas afectadas, ata erradicar a praga.

A Consellería pide aos agricultores dos concellos afectados que non planten pataca este ano

A directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo, fixo este luns unha chamada á responsabilidade dos agricultores dos concellos afectados pola couza da pataca (Tecia solanivora) para que eviten facer novas plantacións de tubérculo, co fin de deter a expansión desta praga.

BelendoCampo_couza_pataca

Belén do Campo durante a reunión deste luns

Belén do Campo reuniuse con responsables municipais dos 31 concellos incluídos na zona demarcada por esta praga de corentena (13 na provincia da Coruña e 18 na de Lugo), acompañada polos respectivos delegados territoriais da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, e en Lugo, José Manuel Balseiro. Mañá martes manterá unha nova xuntanza con representantes das organizacións profesionais agrarias e o mércores cos responsables da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pataca de Galicia.

O obxectivo destes encontros e informar aos afectados sobre a incidencia da praga e as medidas adoptadas e previstas para atallala, así como reforzar a coordinación entre os axentes implicados.

A directora xeral lembrou que Medio Rural leva traballando dende 2015 no seguimento e control desta praga, que polo de agora –remarcou– afecta unicamente a zonas dedicadas ao autoconsumo, sen ter apenas incidencia na venda de tubérculos.

Así, incidiu en que a Consellería levou a cabo multitude de accións informativas, especialmente nas áreas afectadas, con reunións e edición de material divulgativo, ademais de desenvolver accións directas para frear este problema, tales como medidas fitosanitarias, colocación de trampas para atrapar o insecto causante da praga, restricións ao movemento de pataca, establecemento de zonas de contención, etc. O obxectivo primordial da Xunta é evitar que chegue a afectar a importantes zonas de produción para venda e en especial aquelas incluídas na Indicación Xeográfica Protexida.

Borrador de decreto do Ministerio que contempla a prohibición de plantar pataca nas zonas afectadas

Belén do Campo sinalou que o Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente (Mapama) elaborou un borrador de decreto sobre este tema que trasladou ás comunidades autonómas (entre elas Galicia), co fin de recoller propostas e alegacións. Por iso, engadiu, se están a manter estas xuntanzas de traballo cos afectados.

Esta norma do Mapama –explicou a directora– contempla a posibilidade de prohibir a plantación de patacas nas zonas infestadas, polo que aconsellou aos agricultores destas áreas paralizar, polo de agora, novos cultivos. Recordou ademais que nos anos 2015 e 2016 destruíronse en Galicia 6.800 quilos de tubérculo afectado por esta praga, pagándolles aos produtores a razón de 0,30 céntimos por quilo. Ademais, o borrador do decreto ministerial contempla a posibilidade de compensar aos agricultores polos danos causados pola couza.

 

Una idea sobre “A polilla guatemalteca da pataca expándese polo norte de Galicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información