¿Como loitan en Canarias contra a avelaíña guatemalteca da pataca?

Os agricultores canarios levan loitando contra a praga da avelaíña da pataca dende o ano 1999. Non plantar na mesma finca ano tras ano, non deixar patacas na leira tras a colleita e utilizar trampas de feromonas son as medidas que se teñen demostrado máis efectivas contra a Tecia Solanívora

Publicidade
¿Como loitan en Canarias contra a avelaíña guatemalteca da pataca?

Cultivo de "papas" en Canarias. Aconchegar terra á planta reduce a incidencia da Avelaiña Guatemalteca

As Illas Canarias acumulan unha ampla experiencia na loita contra a Tecia Solanivora, a Avelaíña Guatemalteca da pataca que estas semanas tamén preocupa a numerosos agricultores galegos, afectados por unha praga que se extendeu pola maior parte do norte de Galicia.

Os agricultores canarios levan loitando contra a Tecia Solanivora dende o ano 1999, aínda que non foi ata o 2001 cando máis comezaron a sentir os danos, con perdas nalgunhas fincas, especialmente nas zonas máis secas, que se situaron entre o 30 e o 50% da colleita.

“Agora mesmo nun ano bo de choivas e observando as medias culturais contra a praga, coa que hai que aprender a convivir, as perdas sitúanse en arredor dun 10% da colleita danada”, explica María Eugenia Trujillo, técnica da Axencia de Extensión Agraria de La Orotava (Tenerife).

“Non plantar na mesma finca ano tras ano e non deixar patacas na parcela tras a colleita é fundamental”

E é que segundo destaca “o que vimos que si axuda a reducir os danos é seguir unha serie de medidas culturais para romper o ciclo deste insecto, que se alimenta exclusivamente de patacas”. Advirte tamén que “os insecticidas autorizados polo Ministerio para tratar a tecia solanívora de momento non foron unha solución efectiva”.

Neste sentido, as principais medidas postas en marcha en Canarias son a rotación dos cultivos, de forma que non se volva plantar pataca no mesmo terreo ano tras ano e “limpar moi ben o terreo para que non queden na finca o que aquí chamamos “papas de risa”, as patacas pequenas, galladas, podres…etc, porque servirían de alimento ás larvas da avelaíña guatemalteca”, explica María Eugenia Trujillo.

Xunto a iso, a técnica de Extensión Agraria de La Orotava recomenda limpar de vexetación as marxes das fincas onde se planta patacas para que as plantas adventicias non se convertan nun refuxio para estas avelaíñas e colocar trampas con feromonas durante todo o cultivo e ata despois da colleita-en Galicia de momento a Consellería do Medio Rural é a que as está a utilizar- para capturar os machos de Tecia Solanívora e diminuír a fecundación.

“É fundamental que todos os agricultores cumpran as medidas de prevención”

Durante a sementeira a técnica canaria recomenda tamén plantar as patacas un pouco máis fondas, e durante a sacha achegarlles a terra á planta, de forma que á larva da Avelaíña Guatemalteca lle custe máis chegar ata o tubérculo. “Tamén vimos que é necesario evitar que a planta pase seca, pois nas zonas de regadío e nos anos máis húmidos hai menos danos desta praga, xa que non hai gretas no terreo, polas que podan penetrar as larvas ata o tubérculo”, engade.

Por último, María Eugenia Trujillo asegura que outra das medidas efectivas foi “mercar semente certificada, e se é da casa, asegurarse de que está sá”.

“Pero para que todo isto funcione é necesario que todos os agricultores da zona se comprometan e cumpran estas medidas, senón a avelaíña propágase dunha parcela a outra”, conclúe.

Cámara de gas para eliminar á avelaíña guatemalteca nos almacéns

Gloria Lobo, investigadora do Instituto Canario de Investigación Agrícola (Icia), o centro de referencia en investigación sobre a Tecia Solanívora en Canarias, asegura que “o problema con esta praga é que non só produce importantes perdas durante o cultivo, senón tamén durante o almacenamento”. Lembra ademais que “actualmente non existe ningún tratamento químico realmente eficaz”.

Neste sentido, o Icia desenvolveu un sistema para eliminar a Avelaíña Guatemalteca durante o almacenamento co obxectivo de volver exportar as “papas bonitas”, as variedades antigas de tubérculos das illas, paralizadas dende 1999 pola corentena da Tecia Solanívora.

“O tratamento consiste en gases en cámara con atmosfera controlada durante dez días. Os gases compóñense dun 50% de nitróxeno, un 30% de CO2 e un 20% de osíxeno e aseguran a mortalidade do 100% dos insectos, larvas e pupas de avelaíña guatemalteca”, explica Gloria Lobo.

Este sistema, incluído no Protocolo de exportación das Papas Antiguas de Canarias, impulsado polo goberno rexional en colaboración co Cabildo de Tenerife e o Icia, está pendente de validación por parte do Ministerio de Agricultura e das autoridades da Comisión Europea.

Mentres tanto, para o almacenamento caseiro das patacas para autoconsumo as recomendacións son colocar mallas tupidas, tipo malla anti-insectos, sobre os tubérculos almacenados para evitar a entrada e saída da avelaíña; realizar unha selección dos tubérculos antes de ser almacenados, eliminando todos aqueles que presenten danos que poidan ser causados pola praga, colocar trampas con feromona para a detección da praga e retirar os sacos baleiros e outros embalaxes que podan servir de refuxio para as pupas da Tecia Solanivora.

Descarga: Recomendacións aos agricultores do Goberno de Canarias para frear a Tecia Solanivora

Descarga: Recomendacións da Xunta de Galicia para frear a Tecia Solanivora

O Sindicato Labrego Galego denuncia a “confusión total” e advirte de que nas zonas demarcadas estase a plantar pataca de cedo

O Sindicato Labrego Galego solicitará a inclusión do problema da avelaíña guatemalteca na orde do día do Consello Agrario Galego convocado para este martes ante o que consideran “confusión total que está a xerar a pasividade da Consellaría de Medio Rural á hora de abordar esta problemática”.

En concreto, a organización agraria denuncia que “a Consellería dá a entender que, agora mesmo, o único que está prohibido é vender pataca fóra das zonas afectadas pola praga, recomendándose non cultivar pero o Ministerio de Agricultura está preparando un decreto no que se imporá a prohibición de sementar”.

 Slg: “A pasividade da Xunta fixo que a praga se extendese a 31 concellos”

Nesta “confusión” o Slg advirte que “en boa parte da zona afectada a pataca de cedo estase a cultivar xa -faise tradicionalmente entre xaneiro e febreiro- porque non houbo ningún aviso oficial que obrigase a facer o contrario, sendo a única información accesible para as persoas interesadas a que está a aparecer nos medios de comunicación”. “Desta maneira, -advirten- o decreto do Ministerio prohibindo o cultivo podería chegar cando boa parte das patacas xa estean plantadas”.

Ante esta situación, dende o Sindicato Labrego Galego pedirán no Consello Agrario Galego de mañá martes “indemnizacións e apoios económicos para a xente afectada, tanto para cubrir os gastos causados pola falla de información da Consellaría na compra de pataca de semente, como para cubrir o lucro cesante naquelas explotacións profesionais que teñen a pataca entre os seus cultivos”.

Unións Agrarias solicita información clara e un plan de axudas para os afectados pola avelaíña guatemalteca

COUZA_GUATEMALTECA_2

Patacas danadas polas larvas da Avelaíña Guatemalteca

Pola súa parte, Unións Agrarias manifesta a súa “fonda preocupación” ante o que considera “contradicións e a falta de información que está chegando ao sector pataqueiro galego relativa aos casos de avalaíña guatemalteca que están afectando a estas explotacións”.

Ante esta situación, a organización agraria reclama “inmediatamente información clara, veraz e profesional con relación á incidencia e á situación actual das explotacións afectadas”.

Neste sentido, advirte de que “ao longo das últimas semanas, desde os medios de comunicación trasladouse unha sensación de alarma que pode xerar problemas irreversibles no sector pola desconfianza dos consumidores”.

Unións pide a constitución dunha mesa de traballo sectorial

Por outra banda, o sindicato pide á Consellería do Medio Rural un plan de indemnizacións para os produtores afectados que inclúa unha partida presupostaria e un mecanismo de repartimento.

Finalmente, Unións Agrarias reclama a constitución dunha mesa de traballo sectorial na que estean presentes todos os actores que están a sufrir esta praga.

A Fruga tamén manifesta a súa preocupación sobre como afectará á economía familiar a posible prohibición de plantar patacas nos 31 concellos demarcados ata o de agora, así como pola “posible propagación desta praga ás zonas produtoras como A Limia, Bergantiños ou A Terra Cha, esta última moi próxima a concellos onde xa se detectou a súa presenza”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información