Horta de Mondoñedo, unha marca de calidade para os produtos de cedo

Os produtores de horta deste concello mariñao disporán dun logotipo común que diferenciará as súas colleitas, que xa contan cun prestixio recoñecido por parte dos consumidores, e axudará a promocionar os seus produtos  

Publicidade
Horta de Mondoñedo, unha marca de calidade para os produtos de cedo

Postos de venda de produtores locais nos Mercados de Verán de Mondoñedo, que se celebraron os domingos de verán na Praza da Catedral entre os anos 2011 e 2014

O Concello de Mondoñedo ven de rexistrar unha marca de calidade para os produtos hortícolas que se cultivan neste municipio, que contan xa cun prestixio importante tanto na comarca da Mariña como noutras zonas e mercados da provincia de Lugo e que a partir de agora disporán dun selo para identificar a súa procedencia.

“A marca protexerá os produtos de horta procedentes do municipio de Mondoñedo, e pretende recoller o prestixio que xa tradicionalmente teñen os produtos mindonienses entre os consumidores, como produtos cun elevado nivel de calidade e que adoitan chegar cedo ó mercado”, explica Zoila Gulín, responsable da posta en marcha do proxecto.

Mondoñedo é un lugar de tradición hortícola que nos últimos anos viviu un renacemento da produción coa incorporación ao sector de xente moza e a posta en marcha de novos proxectos que se consolidan e aumentan de tamaño, con pequenos produtores que conviven con outros de tamaño medio e que terán nesta marca unha imaxe conxunta. “Trátase dunha iniciativa pioneira no sector da horta en Galicia, semellante ao que se fai noutros sectores como o da carne, con marcas de calidade como as postas en marcha polos produtores de Monte Forgoselo en San Sadurniño ou a de boi de Allariz”, explica Zoila, que participou en iniciativas anteriores de potenciación do sector da horta mindoniense como os Mercados de Verán, que se celebraron entre 2011 e 2014 os domingos de verán na Praza da Catedral.

Os produtores do sector agrícola do municipio xa poden solicitar autorización para o seu uso ao Concello

“A marca permitirá a identificación inequívoca da procedencia do produto, e agárdase tamén que axude a desincentivar o uso da denominación por parte de persoas non autorizadas ou a súa aplicación a produtos non procedentes realmente de Mondoñedo, incidindo así na información e protección dos consumidores”, destaca.

Ademais da aprobación do logotipo, foi xa efectuada a solicitude de marca, da que vai ser titular o Concello de Mondoñedo, co cal a denominación Horta de Mondoñedo quedará rexistrada e baixo protección. Os produtores do sector agrícola do municipio xa poden solicitar autorización para o seu uso ao Concello, que é o titular da marca e o encargado da súa xestión.

Permitirase o uso da marca aos produtores con explotacións en calquera das parroquias do municipio mindoniense, previa solicitude por escrito ao Concello. As aplicacións previstas inicialmente son para identificar o produto, a rotulación de vehículos de transporte e a de postos de venda.

Apoio aos produtores locais e protección e garantía para os consumidores

Baixo a marca Horta de Mondoñedo, os produtores locais poderán comercializar os distintos cultivos producidos no municipio, que conta cun deseño e un logo rexistrados que poderá figurar en caixas e embalaxes, así como na etiquetaxe dos propios produtos, polo que servirá de marca comercial para aqueles produtores que non contan cunha marca e un distintivo propio.

No caso de produtores que xa teñen unha estrutura comercial propia, como é o caso de Xulio Rodríguez (SAT Labregos de Lugo) ou de Mónica Maestre (Hortas de Galicia ) e que venden coa súa propia marca, poderán sumar o novo distintivo como unha garantía de calidade e marca de orixe para as súas producións.

A iniciativa, que comezou a callar o verán pasado en varias xuntanzas nas que participaron unha ducia de produtores locais, pretende recoller a tradición hortícola deste municipio e o prestixio que teñen os produtos da localidade nos principais mercados tanto da comarca da Mariña como doutros puntos da provincia de Lugo e plasmalo nunha marca de futuro a partir da que realizar accións de promoción en apoio ao sector hortícola local.

Ademais de recoller unha realidade xa existente, búscase aproveitar o prestixio dos produtos de horta de Mondoñedo, aportando ademais seguridade e confianza aos consumidores, xa que facilitará a identificación e procedencia cos produtos comprados baixo este selo. “A demanda e a identificación do produto por parte dos consumidores xa existía, así que consiste en aproveitar ese prestixio dándolle forma e creándolle unha imaxe”, explica Zoila.

Cultivos de cedo

logotipo Horta de MondoñedoOs cultivos de horta de Mondoñedo son produtos de cedo, que chegan ao mercado antes que os de outras zonas polas especiais características climáticas, con temperaturas suaves e humidade constante tamén durante épocas de seca como o verán, e a calidade do chan deste val, moi produtivo.

Tanto o rexistro da marca como a imaxe gráfica que se vai empregar xa están listos e poden ser usados para os produtos que neste momento xa están comezando a saír dos invernadoiros e das fincas de cultivo ao aire libre, polo que os produtores xa poden dispoñer do novo logotipo para esta campaña de primavera e verán.

Houbo tamén xa xuntanzas coa Consellería do Medio Rural de cara a aplicar regulamentos sobre control de calidade extrictos baixo os parámetros que emprega a Xunta.

“Esta iniciativa pode ser moi interesante de cara a prestixiar e promocionar os cultivos de Mondoñedo como produtos de proximidade nos mercados locais, pero tamén pensamos que pode ser unha boa para o desenvolvemento local e a intención é que o proxecto medre e sirva de apoio a outras iniciativas de tipo comercial, turístico ou gastronómico que xurdan en Mondoñedo, aproveitando o tirón turístico que está a ter tamén a vila neste eido”, explica Zoila.

Potenciación dos mercados dos xoves

Ademais da feira máis antiga de Galicia, As San Lucas , que se celebra de xeito ininterrompido no mes de outubro desde o ano 1.156, e de As Quendas, a grande feira e mercado de carácter anual da primavera, Mondoñedo conta tamén con mercado semanal todos os xoves.

O Concello de Mondoñedo vai poñer en marcha unha campaña de promoción dos mercados dos xoves na que pretende poñer en valor as alternativas para mercar e de lecer que ten a localidade. A alcaldesa, Elena Candia,  subliña a altísima calidade dos produtos que se venden e anima aos veciños de Mondoñedo e aos das localidades próximas a achegarse e mercar no comercio local.

Elena Candia: “Queremos apostar polo noso e que a xente veña mercar a Mondoñedo”

A través de distintos soportes, como os medios de comunicación ou as redes sociais, o Goberno local destinará esta acción a concienciar da importancia de mercar no comercio local así como a  atraer visitantes. Desde o Concello destacan a importante variedade de produtos que se poñen á venda neses mercados dos xoves, todos de primeira calidade. Á froita ou os produtos da horta entre outros, vén de engadirse hai un ano un servizo de pulpeiro, que se suma á ampla oferta hostaleira da localidade.

“Queremos apostar polo noso, polos nosos supermercados, as nosas tendas e os nosos produtos, polo que imos animar aos nosos veciños e veciñas e aos das localidades próximas a que merquen en Mondoñedo”, explica a rexedora. Con este obxectivo o Concello editou ademais un folleto guía no que se recollen, a maiores dos atractivos da cidade, os lugares nos que xantar ou nos que durmir, así como información de interese sobre as festas, a historia e un plano cos lugares de interese de Mondoñedo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información