“Hai terreos en Galicia nos que a rega do viñedo é aconsellable, e co cambio climático máis”

Entrevista a José Manuel Mirás Avalos, coordinador do proxecto “Influencia de diferentes prácticas culturais no estado hídrico de viñedos do noroeste de España: valoración agronómica e económica”.

Publicidade
“Hai terreos en Galicia nos que a rega do viñedo é aconsellable, e co cambio climático máis”

De esquerda á dereita: Juan Casares, director da Evega, José Manuel Mirás, coordinador do proxecto, e Javier J. Cancela, da USC.

Regar o viñedo en Galicia? No país dos mil ríos parece unha contradición achegar auga ás cepas, unha práctica que se asocia máis á viticultura de secano da Meseta. Sen embargo, a rega en Galicia non só é aconsellable senón incluso necesaria nalgunhas zonas, mentres que noutras sería contraproducente.

Esta é unha das conclusións do proxecto “Influencia de diferentes prácticas culturais no estado hídrico de viñedos do noroeste de España: valoración agronómica e económica”, un estudo conxunto da Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia (EVEGA) e a Universidade de Santiago que se realizou entre os anos 2011 e 2014 nas cinco denominacións de orixe galegas.

O coordinador do proxecto, José Manuel Mirás Avalos, presentou onte as conclusións do proxecto no I Congreso de Investigación en Viticultura e Enoloxía en Galicia que se celebrou en Ourense.

¿Que conclusións se tiran sobre a rega da viña en Galicia?
Todo vai depender dos obxectivos do viticultor, se precisa máis produción ou se precisa controlar máis a calidade da uva final. E tamén vai depender das condicións de clima e solo onde estea situado o viñedo.

Neste sentido, unha das conclusións máis importantes do traballo é que en solos areosos como os galegos e se estes teñen pouca profundidade, en períodos de seca prolongada no tempo é conveniente aportar auga suplementaria mediante a rega.

En solos máis profundos, como os de Valdeorras ou os de Monterrei, este rega igual non é tan necesaria.

¿Cal é o momento e a cantidade axeitada para regar as viñas?
A nivel metodolóxico o que observamos tamén é que hai dous parámetros moi importantes para xestionar o manexo do rego. Un deles é o que se coñece como o potencial hídrico da planta, que nos indica se a planta ten ou non sede, e indícanos o momento no que se inicia a rega; e por outra banda, a partir dos datos climáticos, obtemos a variable da evapotranspiración potencial, que nos indica as cantidades da auga a regar. Por exemplo, nós traballamos cun potencial hídrico de 0,6 megapascais, que para moitos autores que traballaron noutras rexións antes ca nós é o límite no que a planta ten ou non ten sede. Ao mellor, ao longo do ciclo compre baixar un pouco a rega porque senón a uva non chegaría a madurar, pero evitar que tampouco baixe moito para que non teñamos minguas na calidade.

¿Reséntese a calidade da uva coa rega?
A nivel de resultados, o que atopamos nas catro denominacións de orixe nas que traballamos é que a rega que fixemos provoca uns lixeiros aumentos de produción e unha tendencia a que a calidade do mosto se vexa lixeiramente afectada cun menor grao alcohólico e unha acidez un pouco máis alta cos tratamentos de rego.

Isto é positivo ou negativo dependendo dos obxectivos do viticultor. Nalgúns casos existe unha sobremaduración da uva, o que provoca un grao alcohólico potencial excesivo na uva e unha falta de acidez, e neses casos o emprego da rega sería posible. Noutros casos sucede o contrario e non sería aconsellable.

“Hai que ter moi claros os obxectivos do viñedo á hora de xestionar a rega”

Ante todo, téñense que ter moi claros os obxectivos do viñedo á hora de xestionar a rega. Para saber isto, unhas tres semanas antes da vendima sería conveniente realizar un controis de maduración para coñecer os parámetros de acidez e grao alcohólico.

¿Hai unha reacción moi diferente á rega entre as distintas castes galegas?
En liñas xerais si, pero depende moito das condicións do terreo. Non se comporta do mesmo xeito o Albariño en Rías Baixas que no Ribeiro, e co Godello pasa o mesmo. Si é verdade que hai tendencia a maior produción no caso da rega, pero varía moito segundo a caste. Así, a Treixadura si que aumenta de forma considerable a súa produción coa rega, pero o Godello e o Albariño teñen un aumento de produción moito máis lixeiro, case insignificante.

¿En que zonas de Galicia sería máis indicada a rega do viñedo?
Por exemplo, en Rías Baixas, que é onde máis detectamos que se están a instalar sistemas de rega no viñedo, os solos son areosos e cunha profundidade do solo baixa, a veces non chega aos 80 centímetros, e iso fai aconsellable a rega.

¿O cambio climático fará cada vez máis necesaria a rega das viñas?
O problema do cambio climático son as variacións; é dicir, que en calquera época do ano poden producirse eventos extremos, de grandes picos de calor ou de períodos prolongados onde non chove ou chove moito. A rega sería unha ferramenta máis para actuar fronte ao cambio climático.

¿Que lle recomendarías a un viticultor ou adega que queira instalar un sistema de rega?
É importante coñecer moi ben o lugar onde está instalado o viñedo, tanto a nivel de solos como de clima. A nivel de clima é moi sinxelo porque dispomos de datos e a longo prazo, e a nivel de solo si que habería que facer un estudo máis detallado da profundidade e a textura do solo para ver a súa capacidade de almacenamento de auga…etc. Visto isto, poderíase facer unha recomendación máis racional sobre se é necesaria ou non a rega.

Recomendaría sempre un rego localizado, por goteo ou soterrado, e nunca por aspersión, pois estariamos favorecendo a incidencia das enfermidades fúnxicas.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información