Habaneras, as patacas da Mariña que deron de comer a xeracións

Malia a corentena por mor da couza guatemalteca e a prohibición en vigor de plantar tubérculo na comarca da Mariña, Medio Rural deulle a Celso Pernas un 'salvoconducto científico' para poder conservar a semente da pataca habanera, unha variedade tradicional en Galicia practicamente desaparecida

Publicidade
Habaneras, as patacas da Mariña que deron de comer a xeracións

Celso Pernas, referente na conservación da pataca habanera, no invernadoiro da variedade que mantén na Mariña.

No concello do Valadouro está a única plantación de patacas autorizada do norte de Galicia. Non son máis de 50 metros cadrados coidados con esmero e con facenda polo seu propietario, Celso Pernas Vivero. É unha persoa curiosa e con inquedanza polo medio rural, pero nunca pensou ter na súa casa, situada na parroquia de Frexulfe, un centro de experimentación agraria.

É un pequeno invernadoiro coas máximas medidas de seguridade (rede mosquiteira nas cabezas e nas portas e unha trampa de feromonas contra a couza guatemalteca) onde Celso leva dous anos plantando patacas co único obxectivo de evitar que se perda unha variedade tradicional de tubérculo habitual hai medio século en todas as casas da comarca da Mariña, pero que hoxe está practicamente desaparecida.

Patacas habaneras.

Patacas habaneras. Foto: Miguel Vila (Colineta.com) 

“Cando eu era pícaro eran as únicas patacas que había. Despois comezaron a vir outras variedades como a baraka ou a kennebec e esta deixouse de botar”, explica. Pero Concepción Piñeiro Lagar, unha tía da súa muller, seguiunas labrando para si polo seu sabor e sen querelo evitou que se perdera a semente da pataca habanera. Cando Celso voltou de Francia, onde estivo emigrado, colleu o testigo de Concepción e conservouna até hoxe.

Hai un ano, cando por mor da praga da couza guatemalteca a Xunta prohibiu plantar patacas en 31 concellos do norte das provincias da Coruña e Lugo, entre eles no Valadouro, prohibición extendida este ano tamén a Muxía, na Costa da Morte, Celso falou cos técnicos de Medio Rural para buscar unha alternativa e non perder a semente. “Dixéronme de labrala en Mabegondo ou noutro sitio fóra da zona afectada pola corentena, ou tamén conxelar patacas para volver labralas despois de que pase a praga, pero a min ningunha desas solucións me convencía e propúxenlles botalas a cuberto, nun sitio pechado e controlado. E aceptaron, pero cumprindo toda unha serie de controis e normas de seguridade”, explica.

Así que tivo que construír un invernadoiro completamente estanco para labrar as patacas habaneras no seu interior. Iso retrasou a sementeira do ano pasado e a colleita veu tarde, pero logrou a semente necesaria para volver botalas este ano. “Boteinas con tres semanas de retraso e a rama secou moi cedo e tiven que apañalas, pero saquei tres sacos de 50 quilos”, os suficientes para ter de novo semente para este ano.

Patacas a cuberto con rego por goteo

Este ano Celso leva a plantación adiantada. “Dentro do invernadoiro medran máis e a primeiros de setembro xa estarán para apañar”, calcula. Botalas a cuberto ten os seus pros e contras: “ten a desvantaxe de que hai que regar, pero tamén hai a vantaxe de que non hai que sulfatar contra a mancha”, di.

Medio Rural declarou a súa leira como parcela para fins científicos e Celso leva a colleita cun control propio dun centro de investigación. Ten anotado o día da sementeira (4-4-18) e cada vez que rega ou fai algún traballo. Está suxeito a unha obriga de inspección continua porque no caso de detectarse a presenza da couza tería que arrincar a plantación e mandala a destruir. “Están vindo os técnicos continuamente, pero de momento non apareceu nada”, explica.

Trampeo da couza guatemalteca.

Trampeo da couza guatemalteca.

Celso tenlles un cariño especial. Foron as patacas que criaron á súa xeración. Daquela nesta zona non había outras. Pero o seu aprecio vén tamén polo seu sabor e calidade. “Cocidas non teñen nada que ver coas outras”, compara. Por que se foi deixando de botar logo? “É unha pataca sumamente gustosa pero menos produtiva e a xente busca abundancia”, explica.

A salvo no Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario
Desde hai unha ducia de anos, as patacas habaneras que Celso conservou durante décadas cultívanse, ademais de en Frexulfe, no País Vasco. Francisco Otero, presidente da Asociación de Fruticultores de Galicia (Afrugal) e un namorado da recuperación de variedades autóctonas, formaba parte no ano 2005 do plantel da Oficina Agraria Comarcal de Foz como técnico de Extensión Agraria e levaba tempo buscando dar coa variedade de pataca habanera, que fora tan habitual na comarca da Mariña.

A casualidade quixo que un día falando diso na Oficina Agraria, a filla de Celso, que estaba alí facendo un trámite e escoitou a conversa, contoulle que na súa casa aínda se botaban e levouno onde Celso. En colaboración con Antonio Rivera Martínez, naquel entón técnico do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), Francisco enviou as patacas habaneras desde Frexulfe ao NEIKER-Tecnalia, o Instituto Vasco de Investigación e Desenvolvemento Agrario, equivalente ao Ingacal.

No instituto vasco seméntana de xeito controlado desde entón todos os anos e someteron a pataca habanera chegada de Galicia a un proceso de limpeza de virus para fortalecer a especie e axudarlle a rexenerarse e recuperarse das infeccións que vai collendo co cultivo continuado en zonas de clima benévolo, como é o da Mariña.

No Neiker-Tecnalia mantéñense varias coleccións de xermoplasma das que cabe destacar as de pataca, millo, tomate e xudía. A colección de variedades de pataca do instituto vasco constitúe o banco de referencia a nivel estatal. Todas as variedades alí depositadas posúen gran valor xenético que é necesario conservar, non só como reservorio de xenes de interese, senón tamén por ser potencialmente utilizables en programas de mellora xenética.

Non amparada pola IXP Pataca de Galicia
A habanera bota menos rama ca outras variedades e a súa folla é dunha cor verde menos intensa, tirando un pouco a amarillenta. É unha variedade delicada para as xeadas, polo que se daba moi ben en comarcas costeiras como a da Mariña, pero peor en zonas de interior. É unha pataca de cor branca por dentro, con forma alongada e con ollos máis profundos, o que dificulta o seu pelado e merma a súa saída comercial.

Planta de pataca habanera.

Planta de pataca habanera.

“As multinacionais arrasaron coas variedades de pataca tradicional coma esta ao introducir semente foránea nas patacas de sementeira, eliminando desta maneira a práctica extendida en Galicia de botar patacas de segundo ano”, explica Francisco Otero. Pouco a pouco, a habanera foi sendo substituída por variedades máis lisas e de máis produción, como a kennebec, que é até o de agora o único tipo de pataca amparada pola Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.

A Xunta solicitou hai dous anos a inclusión das variedades Agria, moi cultivada na Limia, e Fina de Carballo, tradicional da comarca de Bergantiños, dentro da IXP, así como a ampliación do seu ámbito xeográfico, actualmente restrinxido unicamente a catro subzonas (Limia, Lemos, A Mariña-Terra Chá e Bergantiños), a todo o territorio galego. A tramitación destes cambios está na súa última fase, pendente da decisión final da Comisión Europea.

Pero o aumento das variedades amparadas non inclúe esta variedade tradicional que, en opinión de Francisco Otero, “tería interese comercial se os produtores das zonas pataqueiras de Galicia quixesen recuperala e apostasen por ella”, e salienta o feito de que estea a salvo no banco de xermoplasma de referencia do Neiker-Tecnalia, o que fai que non corra risco de desaparición e que en calquera momento poida recuperarse o seu cultivo.

Mentres iso non acontece, Celso mostra certa fachenda ao lado das súas patacas. Hoxe en día pode que sexa o único produtor de pataca habanera de toda Galicia, unha variedade que se non fose por el e a súa familia, tería desaparecido.

Frexulfe, unha parroquia con 680 hectáreas de monte comunal

Gando no monte veciñal de Frexulfe.

Gando no monte veciñal de Frexulfe.

Celso foi durante 24 anos presidente da Comunidade de Monte Veciñal en Man Común de Frexulfe. Esta parroquia do Valadouro conta con 680 hectáreas de monte comunal, das que 130 están adicadas a pastizal e as restantes están plantadas de piñeiro que, con 22 anos, está a chegar á súa idade de corta.

“O monte témolo coidado e danos cartos aos veciños e veciñas da parroquia”, di Celso, que colleu as rendas da comunidade cando voltou de Francia. “Tocoume facer o máis gordo”, lembra. Entre outras cousas, “houbo que facer o deslinde dúas veces”, conta. O último foi aprobado no 2008.

Na actualidade son 17 comuneiros e o presidente é Alejandro Fernández Reigosa, un dos poucos rapaces novos que hai na parroquia. “A xente na parroquia vai a menos e os novos teñen que ir onde hai o traballo, pero chegamos a ser 31 comuneiros”, lembra Celso. “Collímolo con moita ilusión e durante anos fomos unha referencia entre as CMVMC da provincia de Lugo”, destaca.

Peches
Recorda os moitos traballos que pasaron, feitos en conxunto polos veciños. “Escotamos para sementar os pastizais, para mercar o primeiro cabalo semental e os primeiros touros. Fixemos 32 quilómetros de peches, o material aportábao a Xunta e a man de obra poñiámola nós. Aínda agora imos traballar os veciños comuneiros os sábados pola mañá cando hai que ir repoñer o peche. Tamén foi daquela cando fixemos a plantación e hoxe hai moito diñeiro aí que está case para cortar. O malo é se agora vén o lume”, indica.

Por iso fan desbroces preventivos todos os anos. “Este ano foi o que máis se desbrozou, pagamos uns 10.000 euros”, explica. No canto de contratar eses traballos, decidiron mercar un tractor para as rozas.

Tamén axuda a controlar a mato e alonxar o risco de incendios o gando. Frexulfe ten hoxe, segundo o último censo de saneamento, 336 vacas e 80 cabalos. “Cando comezamos só había unhas 50 vacas en toda a parroquia”, lembra Celso. Dos 17 veciños comuneiros, agás dous, todos teñen gando no monte. “Pacen nos pastizais da comunidade, pero cada un ten as súas vacas. Máis de 30 non pode ter ninguén”, explica. “O feito de ter gando faille á xente preocuparse polo monte”, considera.

Aeroxeneradores no monte veciñal.

Aeroxeneradores no monte veciñal.

No inverno, as vacas baixan para as casas e o resto do ano pásano no monte, que conta con pastos de moi boa calidade pola súa orientación, con abrigos naturais dos ventos do nordés, e polos coidados que os veciños lle prestan. “Os pastizais aínda son os primeiros, non tivemos que renovalos, pero abonamos todos os anos como é debido, porque o pastizal desaparece se non o coidas”, afirma.

A maiores do gando e a madeira, a parroquia conta cun parque eólico con 21 aeroxeradores da empresa Acciona, que xera uns ingresos de 30.000 euros anuais para a comunidade. Pero máis aló destes ingresos directos, Celso opina que “os eólicos fannos un servizo bárbaro coas pistas que abriron para ir a eles e a presenza de persoal de mantemento no monte tamén axuda como medida disuasoria contra os incendiarios”, argumenta.

A comunidade de montes de Frexulfe linda xa coa de Miñotos, pertencente ao concello veciño de Ourol. Ademais da de Frexulfe, no Concello do Valadouro hai outras tres CMVMC: a do Cadramón, con preto de 2.000 hectáreas, a de Vilacampa, con 1.200 ha, e a de Santo Tomé de Recaré, con unhas 350 e onde se celebra unha rapa todos os anos o primeiro domingo de agosto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información